A DINA esquiva Galicia pero deixa chuvias torrenciais en Cataluña, Valencia e Andalucía

Dúas semanas despois da maior catástrofe natural do século en España, un novo fenómeno adverso provocará fortes precipitacións no litoral mediterráneo

Chove sobre mollado. Non só é un refrán, senón que esta frase feita é perfectamente aplicable á DINA que volve afectar o Levante tan só dúas semanas despois de que o mesmo fenómeno meteorolóxico causase a maior catástrofe natural en España no que levamos de século. O episodio, que comezou este martes e se estenderá ata o venres, obrigou a activar a alerta vermella en Tarragona e Málaga. Outras tantas provincias, entre elas Valencia —a máis afectada polo DINA do 29 de outubro— están en alerta laranxa segundo os avisos emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). A depresión, que prevé que deixe chuvias torrenciais no Levante e Andalucía converterase co paso dos días nunha borrasca que, igual que a DINA, esquivará Galicia.

“O mércores agárdanse precipitacións moi fortes, con probabilidade de que sexan localmente torrenciais e persistentes en varias zonas da área Mediterránea, principalmente Málaga, norte de Alicante, sur de Valencia, norte de Castellón e sur de Tarragona; e a partir da tarde tamén no litoral de Valencia”, anunciou a AEMET nun comunicado emitido este martes. Segundo o prognóstico, prevese que se acumulen ata 150 mm en tan só 24 horas. Ante esta situación, e ao contrario do que aconteceu durante o episodio de finais de outubro, as autoridades das comunidades autónomas afectadas clausuraron escolas e pediron máxima precaución nos desprazamentos.

Publicidade

As chuvias chegan o xoves a Andalucía

A partir do xoves a zona máis afectada podería ser Málaga, dado que a DINA se moverá cara ao suroeste peninsular. Espérase que poidan acumularse entre 100 e 150 mm nesta área, mais a intensidade das precipitacións reducirase considerablemente no Mediterráneo. A AEMET advirte que o escenario que se espera para o venres é moi incerto, pero agárdanse aínda precipiracións no Levante e en Andulucía occidental, malia que se esperan menos intensas que as de días anteriores. “A partir do sábado o escenario máis probable mostra un afastamento da DINA cara ao Atlántico, coa conseguinte diminución da probabilidade e intensidade das precipitacións, finalizando así este episodio”, recolle o último comunicado da AEMET.

Segundo informan outros portais de meteoroloxía, como Eltiempo.es e Meteored, conforme avance a semana a DINA irase convertendo nunha borrasca fría illada (BFA, polas súas siglas en inglés). Malia o nome, sería un sistema de baixas presións convencional e sen maiores riscos. Por tanto, a formación da borrasca irase producindo conforme a DINA se desprace cara ao suroeste, o que provocará unha diminución drástica do risco na área mediterránea e unha menor probabilidade de precipitacións. Dende Meteored advirten que a mirada haberá que dirixila cara ao suroeste peninsular e, tamén, cara ás Canarias. A finais de semana, as precipitacións nestes puntos da xeografía poderían ser “abundantes, localmente fortes e persistentes”.

Publicidade

Cal é a previsión en Galicia?

O prognóstico para Galicia de cara aos vindeiros días difire completamente do que está a suceder en Cataluña, Valencia e Andalucía. A xornada deste mércores estará marcada pola estabilidade e polas baixas temperaturas. Agárdase, de feito, que sexa o día máis frío da semana. As máximas das cidades galegas estarán por debaixo dos 20 graos e as mínimas quedarán por debaixo dos 10. A situación comezará a cambiar de cara ao xoves, cando Galicia quede nunha situación intermedia entre o anticiclón centrado en Irlanda e as baixas presións do suroeste peninsular derivadas da DINA. É probable que chova no sur de Galicia nas últimas horas do día. Iso si, producirase un aumento lixeiro dos valores máximos.

De cara á fin de semana, o escenario que prognostica Meteogalicia para o venres será semellante ao do xoves. De novo, Galicia estará nunha situación intermedia entre as baixas e as altas presións e é probable que se produzan chuvascos illados nalgúns puntos do territorio. Con todo, a partir do sábado agárdase un incremento da inestabilidade, sobre todo no sur. Dende o domingo ata o vindeiro mércores a probabilidade de chuvia será de ata o 65% e os valores serán baixos en comparación con días anteriores, malia que propios desta época do ano. As máximas non superarán os 12 graos e as mínimas situaranse nos 8 neste primeiro prognóstico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire frío do Atlántico norte deixará na ponte de decembro temperaturas xélidas en Galicia

Os valores máis baixos rexistraranse o domingo nas comarcas de interior e Lugo non superará os oito graos de máxima

Julio Vilas, deportista con discapacidade: “Tiven atrapamento umbilical, pero son afortunado”

O xogador do Amfiv Vigo, que compaxina deporte de elite con traballo a tempo completo, explica como é a súa vida cunha diversidade funcional física

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos