A economista María Loureiro, premio María Josefa Wonenburger

A Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta decide por unanimidade entregar o galardón á catedrática da USC, "unha das científicas máis influentes do mundo"

A catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago (USC), María Loureiro, vén de ser recoñecida co Premio María Josefa Wonenburger Planells polo seu labor na investigación científica, “o que a converte nunha das científicas máis influentes do mundo”. O galardón é entregado pola Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta, que decidiu por unanimidade premiar a Loureiro.

O galardón premia o seu labor investigador no campo da economía ambiental e dos recursos naturais, o seu ámbito de especializacion, que tivo como resultado traballos destacados, entre os que figura por exemplo o estudo sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Nestes momentos, está a liderar un proxecto sobre as narrativas da economía do cambio climático, como evolucionan as preferencias polas políticas de mitigación e adaptación nos medios sociais.

Publicidade

Na súa decisión unánime, a Unidade da Muller e da Ciencia destacou tamén a pertenza de María Loureiro na Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) desde o ano 2022, sendo a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.

A premiada

María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola USC e doutora pola Washington State University. En 2004 volve a Santiago da man do Programa Ramón y Cajal e dende o ano 2010 é catedrática de Fundamentos da Economía na USC. Ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid.

Publicidade

A profesora da USC é ademais a responsable do grupo de investigación ECO-IURIS de análise xurídico-económica e a directora científica de Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, integrado por investigadores das tres universidades galegas no eido das ciencias sociais. Conta no seu haber con máis de 120 publicacións científicas e sete teses de doutoramento dirixidas e neste momento colabora en catro proxectos de investigación.

O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos