Un estudo sobre doenzas cardíacas no que participa María José Alonso obtén un millón de euros

A iniciativa premiada pola Fundación "la Caixa" busca trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades do corazón

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago (USC) e investigadora do Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS), María Jose Alonso, participa nun proxecto para trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades cardíacas. A iniciativa acaba de ser premiada pola Fundación ”la Caixa” con preto dun millón de euros. Os galardóns entregáronse nunha cerimonia celebrada en CaixaForum Madrid á que asistiu a profesora da universidade compostelá.

O proxecto, liderado por Guadalupe Sabio, do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e que recibe unha subvención de 999.920 euros, lévase a cabo en consorcio coa profesora Maria José Alonso, con Hesham Sadek, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) e con Mónica Giménez Marqués, do Instituto de Ciencia Molecular (ICMol) da Universitat de València.

Publicidade

Á busca dunha estratexia viable

As enfermidades cardiovasculares son a causa principal de defunción en todo o mundo. O corazón, clave neste grupo de trastornos, é o órgano que presenta a demanda metabólica máis elevada e require dunha enorme flexibilidade para poder adaptarse aos cambios diarios. Calquera alteración no seu metabolismo aumenta o risco de que se produza un fallo cardíaco. Neste senso, o proxecto premiado estudará os mecanismos implicados no metabolismo cardíaco, o que abrirá a porta a identificar novas estratexias terapéuticas.

En estudos anteriores, o equipo identificou unha proteína clave no mecanismo de detección do osíxeno por parte das mitocondrias das células do músculo cardíaco, e os datos preliminares suxiren que a modulación deste mecanismo podería proporcionar protección contra danos cardíacos. Así, o equipo investigador avaliará a capacidade terapéutica dunhas nanopartículas deseñadas para eliminar, precisamente, esa proteína no contexto de hipoxia cardíaca e de infarto de miocardio, co obxectivo de dilucidar se se trata dunha estratexia viable para combater as enfermidades cardíacas.

Publicidade

Premio entre 580 propostas

CaixaResearch de Investigación en Saúde é unha convocatoria competitiva que conta con persoal experto internacional de gran prestixio nos seus campos de estudo para a selección dos proxectos de maior excelencia científica e impacto social. Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria foi de 145,7 millóns de euros para 200 proxectos, 137 deles liderados por equipos españoles e 63 por grupos de investigación de Portugal. Nesta convocatoria, a Fundación ”la Caixa” seleccionou un total de 29 novos proxectos de investigación biomédica de excelencia con gran impacto social de entre as 580 propostas de investigación básica, clínica e traslacional presentadas. 

A convocatoria está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde dentro de diferentes ámbitos para que poidan levarse a cabo en centros de investigación, hospitais e universidades de España e Portugal: enfermidades infecciosas (con 7 proxectos seleccionados), oncoloxía (6), enfermidades cardiovasculares e metabólicas (5) e neurociencias (5). Ademais, outras 6 iniciativas elixidas desenvolverán tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión