María José Alonso, no podio das investigadoras máis influíntes do Estado

Ocupa o posto número tres na lista das mulleres científicas máis importantes en función do impacto das súas publicacións

María José Alonso, investigadora principal do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), volve situarse no podio das investigadoras máis influíntes do Estado, atendendo ao índice de citación dos seus traballos científicos.

A clasificación do índice-h (ISI-DIH), o indicador máis relevante do impacto das publicacións científicas dentro dunha área específica, outórgalle un índice-h 81, superando nun 59% a puntuación media obtida polas case 500 investigadoras incluídas nesta lista en calquera dos ámbitos científicos indexados. Ademais, Alonso ocupa a primeira posición absoluta desta clasificación na área específica de Farmacoloxía e Farmacia. En España, o impacto das publicacións científicas asinadas por mulleres nas múltiples áreas do campo da investigación en saúde atópase por debaixo dos seus compañeiros homes na maioría dos ámbitos, con escasas excepcións, entre elas a área de Farmacoloxía e Farmacia, onde a profesora Alonso figura á cabeza.

Publicidade

Segundo a última actualización desta lista de referencia, a profesora Alonso mantén esta posición de liderado nos últimos anos. Xa no 2010, o impacto dos seus traballos levouna a clasificarse no top 10 de investigadoras no seu campo a nivel mundial (Times Higher Education international ranking). María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, e de 2006 a 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de París XI (1986-87), na Universidade de Angers (1989), en Francia, e no Instituto Tecnológico de Massachusetts (EE.UU.) durante 1991-1992 e en 2012.

Foi pioneira con numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en polímeros, e foi pioneira con numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. Neste ámbito, María José Alonso coordinou numerosos consorcios de investigación, financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Tamén foi moi activa transferindo os seus coñecementos á industria. É inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas licenciadas á industria, e participou na creación e consolidación de tres start-up. Traballou activamente na Sociedade de Liberación Controlada (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, da que foi presidenta (2017-19).

Publicidade

Tamén é editora xefe de Drug Delivery and Translational Research, unha revista oficial da CRS, e forma parte do consello editorial de 12 revistas científicas. Por esta traxectoria, recibiu destacados galardóns, entre eles o ‘Premio Nacional Juan de la Cierva’ na área de Transferencia Tecnolóxica e a ‘Medalla á Excelencia en Investigación e Educación’ outorgados ambos polo Goberno de España, o ‘Premio Rei Jaume I’, a ‘Medalla Castelao’ da Xunta de Galicia, e outros premios concedidos por prestixiosos organismos e fundacións científicas.

É membro do Colexio de Bolseiros do Instituto Americano de Enxeñaría Médica e Biolóxica (AIMBE) e do Colexio de Bolseiros da CRS, membro da Real Academia Galega de Ciencias, da Real Academia de Farmacia de Galicia, da Real Academia de Farmacia de España (RANF), da Real Academia de Medicina de Bélxica e da Academia Nacional de Medicina de EE.UU. (NAM), así como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Nottingham.

Unha lista con varios nomes galegos

Entre as 100 primeiras no ránking de investigadoras máis importantes tamén se atopan Ángeles Domínguez, de Pontevedra, especialista en termodinámica aplicada a procesos industriais; Lourdes Santana, da Coruña, química e profesora na USC; Isabel Pastoriza Santos, da área de química e especialista na aplicación das nanopartículas metálicas e os seus ensamblados; Ana Rodríguez, de Pontevedra, da área de termodinámica; Beatriz Novoa, bióloga e profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC); Carmen Álvarez Lorenzo, farmacéutica e profesora na USC, especializada no campo de novos sistemas poliméricos para aplicacións farmacéuticas e biomédicas; Alicia Estévez Toranzo, microbióloga de Pontevedra, promotora dunha decena de vacinas que preveñen enfermidades en peixes de consumo diario; e Begoña González de Prado, enxeñeira química, centrada na determinación de propiedades físicas e do equilibrio entre fases orientada á búsqueda de axentes de separación máis eficaces.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente