Xoves 5 Marzo 2026

Chegará o avespón oriental a Galicia? “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”

O cambio climático e o comercio de mercancías incrementan o risco de expansión desta especie invasora cara ao noroeste peninsular

A chegada dunha nova especie de Vespidae á península suscita a dúbida sobre a súa posible expansión cara a Galicia. O avespón oriental (Vespa orientalis) diferénciase da avespa velutina pola cor e polo tamaño: é lixeiramente máis pequeno e presenta unha tonalidade máis avermellada, con reflexos cobre e só dúas bandas amarelas na parte final no abdome. Segundo un informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, esta especie foi detectada por primeira vez en Andalucía no ano 2018 e, na actualidade, xa se atopa establecida no Campo de Xibraltar, en diversas zonas de Cádiz e Málaga, así como en parte da Comunidade Valenciana. Aínda non hai rexistros da especie en Galicia, pero podería chegar?

O avespón oriental ten a súa orixe no Mediterráneo Oriental, de aí o seu nome, presente tamén en Oriente Medio e en determinadas áreas de África e Asia. O quentamento global podería ser un dos factores que explican a súa expansión cara á península ibérica. Así o sinala a doutora María José Servia, profesora de Zooloxía da Universidade da Coruña (UDC) e especialista en especies invasoras: “A frecuencia de días con temperaturas moi altas e a circulación de mercancías van facilitar a súa chegada”.

Publicidade

Aínda que se fala en termos de probabilidade, este escenario semella verosímil analizando o seu comportamento. A introdución de especies invasoras como o avespón oriental pode xerar frotes desequilibrios nos ecosistemas, con consecuencias que van máis aló do impacto ecolóxico e alcanzan tamén o ámbito económico.

Como podería chegar a Galicia?

“Sempre se debe falar de probabilidade”, explica María José Servia. Aínda que a Vespa orientalis prefire hábitats máis cálidos, o aumento de vagas de calor fai que Galicia experimente períodos con temperaturas superiores ao habitual. Un exemplo próximo é o norte de Italia, onde xa se asentou o avespón asiático. “Existe un risco real de que chegue”, advirte a investigadora.

Publicidade

Ademais do cambio climático, o transporte xoga un papel clave. O tráfico marítimo contribúe, xunto con outros factores, á expansión de especies invasoras. Un dos escenarios máis probables para a chegada do avespón oriental a Galicia sería a través do comercio de mercancías entre os portos do sur e do norte da península. “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”, sinala Servia.

Como detectar a súa presenza?

Non sempre resulta doado para a cidadanía identificar con precisión as distintas especies de avespóns, xa que poden confundirse con outras autóctonas, como a Vespa cabro. “O que debería chamar a atención é que, probablemente, vexamos niños non tan redondiños como os da velutina“, explica a experta, sinalando esta como unha das principais diferenzas.

Outra característica distintiva é o lugar onde aniñan. As raíñas da Vespa orientalis poden instalar os seus niños en edificios, o que faría que, de súpeto, se percibise un aumento de exemplares nas proximidades. Nese caso, a cor do insecto convértense nun elemento clave para diferencialo.

En resumo, hai dous aspectos que permiten distinguir a velutina do avespón oriental: a forma do niño e a coloración dos individuos. “Probablemente sexan os sinais máis evidentes que permitan a calquera cidadán decatarse de que esas avespas son algo distintas”, asegura.

Posibles riscos

A chegada do avespón oriental a Galicia implicaría riscos semellantes aos que xa provoca a Vespa velutina. Entre eles destacan a depredación da fauna e dos cultivos autóctonos, especialmente de abellas e froita. “O único que pode ser distinto é a construción dos niños“, explica Maria Servia, segundo a súa tendencia de construír en edificacións humanas.

Este comportamento incrementa a probabilidade de interaccións entre persoas e avespóns, o que eleva tamén o risco de picaduras. “As reaccións alérxicas poden ser máis frecuentes”, advirte Servia, lembrando que nas persoas alérxicas ás picaduras de himenópteros estas reaccións poden derivar en consecuencias graves, incluído o shock anafiláctico.

O impacto non se limita ao ámbito ambiental e sanitario, tamén abrangue o económico. As preferencias alimentarias poderían ter un impacto directo sobre a agricultura e a viticultura. Na apicultura, aínda que o efecto sería semellante ao da avespa asiática, a preocupación engádese polo papel da Vespa orientalis como posible transmisora de patóxenos. Estudos realizados en Italia, onde a especie se expandiu do sur ao norte, demostraron que pode actuar como portadora de virus e bacterias que afectan ás abellas. “Cómpre avaliar se os métodos empregados polos apicultores poden protexer as colmeas”, advirte a investigadora, referíndose a ferramentas como as arpas utilizadas contra a velutina.

Estratexias de control

Que debería facer a administración no caso de que o avespón oriental chegue a Galicia? “A retirada de niños é unha opción, pero é moi custosa e depende da capacidade de detectalos”, explica María José Servia. Con todo, subliña que a única medida realmente útil nas fases iniciais da introdución dunha especie invasora é a vixilancia: cando os exemplares aínda son poucos, pódese investir na detección temperá de niños e na súa eliminación.

O problema, segundo a investigadora da UDC, é que na península ibérica sempre existirá un risco elevado de reintrodución, mesmo despois da retirada dos niños, debido á constante circulación de mercancías. Isto fai que, unha vez asentada, a especie teña moitas posibilidades de adaptarse ao clima galego.

Por este motivo, Servia considera difícil predicir tanto o futuro da Vespa orientalis en Galicia como a eficacia das distintas estratexias de control en Galicia. “Debería aplicarse un plan similar ao da velutina”, apunta, indicando que as medidas concretas deberán definirse no momento en que se confirme a súa presenza. Con todo, quedan aínda preguntas abertas: chegará a competir coa velutina ou ambas especies poderán coexistir?

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vivenda, traballo e lecer: cal é a provincia máis feliz de Galicia?

Ourense e Lugo sitúanse á cabeza do benestar segundo datos do IGE, mentres Pontevedra rexistra as valoracións máis baixas

Unha masa de aire africana empeora a calidade do aire en Galicia

Os modelos de Copernicus prevén un aumento das partículas en suspensión e unha posible deposición húmida durante as próximas horas

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar