Por que a captura masiva de velutinas con trampas debe parar?

*Un artigo deLogo The Conversation

As especies exóticas invasoras supoñen un enorme problema ambiental, en moitos casos con efectos inmediatos e moi potentes. Este fenómeno obriga a todos os actores implicados, como as administracións competentes, a elaborar plans de resposta que non sempre son efectivos pola falta de base científica no seu deseño. Con todo, cando estas especies afectan a sectores produtivos clave, ao abastecemento de bens esenciais ou á saúde humana, esta necesidade de resposta vólvese máis urxente.

Publicidade

O caso da avespa asiática (Vespa velutina) é moi ilustrativo pola rapidez da súa expansión, o seu impacto sobre o sector agrícola e o risco potencial que as súas picaduras supoñen para a poboación. En apenas 10 anos, a especie colonizou gran parte da Europa atlántica, incluído o norte e oeste da península ibérica.

Esta avespa é moi coñecida por depredar sobre as abellas melíferas, provocando grandes danos na apicultura, e por consumir diferentes alimentos, como produtos hortofrutícolas. Ademais, pode ser perigosa para as persoas porque as súas picaduras son capaces causar reaccións alérxicas graves, o que xera moita preocupación na poboación.

Publicidade

Un método que elimina avespas, pero tamén outros insectos

A resposta da poboación, e en especial de sectores afectados como a apicultura, foi activa e homoxénea en rexións como Galicia ou Asturias, centrada en técnicas de trampeo para a eliminación de adultos. Este método de control de pragas utiliza trampas para atraer a estes insectos cun cebo, xeralmente líquido, atrapalos mediante un sistema de embude ou barreira e impedir o seu escape.

Tamén se estudaron outros sistemas de control como arpas eléctricas para a protección de colmeas ou mallas para a protección de viñedos. Con todo, estes sistemas non pretenden reducir as poboacións de avespa, senón unicamente protexer os recursos dos seus ataques.

Trampa para avespas colocada nun viñedo
Trampa para avespas colocada nun viñedo. Foto: Jaime Fagúndez Díaz, Yaiza R. Lueje e María J. Servia

A xeneralización do uso de trampas para a captura de adultos pode verse en calquera recuncho da Galicia costeira, con trampas caseiras ou comerciais colocadas en todo tipo de espazos, públicos e privados, consentidos e fomentados pola administración.

Tanto a Xunta de Galicia como distintas administracións locais promoveron o uso de trampas caseiras de cebo líquido por parte da poboación, publicando instrucións para a súa construción e mesmo realizando campañas de trampeo propias. Con todo, ningunha trampa dispoñible ata o momento actual é totalmente selectiva. O número doutros insectos capturados por todas as trampas instaladas, que en moitos modelos demostrouse que pode alcanzar porcentaxes superiores ao 90%, é totalmente descoñecido.

As trampas non reducen os danos en viñedos

Na nosa recente investigación, publicada en Pest Management Science, analizamos como afecta a avespa asiática á produción de uva en viñedos galegos. Atopamos gran variabilidade nos danos segundo a zona e a localización dos viñedos e, ademais, descubrimos que non están relacionados co contido de azucre nas uvas. As avespas teñen preferencia por alimentos doces, polo que podería esperarse que a maior contido de azucre nas uvas do viñedo as avespas provocasen máis dano no mesmo, pero no noso traballo non observamos dita relación.

Ao estudar o impacto de distintos tipos de trampas de uso común ao longo do ano, vimos que a porcentaxe de avespas do total de insectos capturados varía moito e tamén cambian os resultados entre os diferentes modelos de trampas. Con todo, estas diferenzas non se relacionan co grao de afección sobre os viñedos.

Ademais, usar diferentes densidades de trampas durante a época na que ocorren os danos nas uvas non serve para reducilos. Non hai diferenzas significativas no dano total ás uvas entre zonas con e sen trampas, mesmo en altas densidades.

A cantidade e diversidade de capturas doutros insectos, aínda que variables ao longo do ano (desde aproximadamente un 95% das capturas totais na primavera ata un 3% nas últimas semanas previas á vendima), demostran que o posible impacto nas súas poboacións pode ser moi alto. Ademais, o escaso coñecemento sobre a bioloxía e ecoloxía da maior parte de grupos impide calibrar o impacto real desas capturas.

Con todo, observouse que o trampeo captura grandes cantidades de insectos polinizadores. Outros investigadores describiron un declive xeneralizado deste grupo tan importante de insectos, aínda que se discute a magnitude e as causas do fenómeno.

Paremos o trampeo masivo

O principio de precaución establece que, no posible, debe evitarse calquera medida cun impacto negativo potencial se non existe a suficiente evidencia científica que demostre a súa validez. No mesmo sentido, se esa medida non se demostrou eficaz, non debería empregarse ata demostrar a súa utilidade ou seleccionar unha nova.

O trampeo de avespa asiática non cumpre ningunha das dúas premisas. Captura outras especies de insectos, xerando un posible impacto negativo, e ningún estudo científico publicado puido demostrar un efecto positivo sobre a protección dos recursos ou as persoas. O trampeo, promovido pola administración, pode dar unha falsa idea de efectividade polas capturas xeradas, pero iso non implica que cumpra o obxectivo de evitar os impactos da especie invasora.

Por iso, cominamos á administración, ao sector agrícola e á poboación para observar a evidencia xerada e reconsiderar a súa postura en relación a esta técnica de eliminación de insectos. Os problemas ambientais son complexos e raramente poden liquidarse con solucións rápidas e fáciles.


Cláusula de divulgación: Yaiza R. Lueje recibe fondos do proxecto “Viño e froita – Cooperacion Leader’ (program LEADER Galicia 2014 – 2020)”. Jaime Fagúndez Díaz e María J. Servia non reciben salarios, nin exercen labores de consultoría, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do posto académico citado.

Yaiza R. Lueje, Jaime Fagúndez Díaz e María J. Servia / UDC
Yaiza R. Lueje, Jaime Fagúndez Díaz e María J. Servia / UDC
Yaiza R. Lueje é axudante de investigación en xestión de especies exóticas invasoras e infraestruturas verdes na Universidade da Coruña. Jaime Fagúndez Díaz é profesor de Botánica na Universidade da Coruña. María J. Servia é profesora da área de Zooloxía na Universidade da Coruña.

3 COMENTÁRIOS

  1. Afirmar e conclir que o trampeo é pouco selectivo e ineficaz é, cando menos dubidoso. Levo varios anos realizándoo, sobe todo na primavera, e considero que se trata dun método bastante eficaz no control desta plaga. Os únicos insectos capturados son as velutinas e, en menor medida, a mosca común e a ocasional velaíña.
    A opinión pública non debe ser confundida con este tipo de mensaxes.

  2. Como pequeno viticultor levo empregando trampas para as velutinas dende fai uns poucos anos, non por gusto, se non porque sen defensas as velutinas arrasan as uvas. A miña experiencia, limitada eso sí a 5 predios, é que as trampas son efectivas. Non é que eliminen todo o dano, pero contén significativamente a súa dimensión. Sen elas houbo un ano no que perdimos prácticamente toda a producción dunha das parcelas. Tampouco me cadra a información sobre a azucre: as avespas asiáticas claramente prefiren uvas xa moi maduras. O que si percibin foi que gústanlle máis uns tipos (treixadura, torrontés) que outros.
    Por último, para limitar o dano a especies polinizadoraso, as trampas que utilizo só están nos predios a mediados da primavera (buscando as raíñas) e finais do verán. Ademáis, o contido de líquido fermentado (auga, azucre e lévedos) semella atraer prioritariamente ás velutinas.
    A miña formación faime un firme defensor do enfoque científico en temas tan difíciles coma este, así que a miña intención é a de mostrar unha experiencia que non concorda coas súas conclusións. Grazas.

  3. Na loita contra velutina os/as abelleiras son quen máis sabe e quen máis elimina. A necesidade de defender apiarios levóunos a desenvolver múltiples métodos ou inventos que nos axudaran nesta desfeita ante o descaro das autoridades competentes que viven nun sofá. Para empezar trampas no bosque ou preto nunca. É perder o tempo. Por cada velutina centos de moscas e outros. Algunha sen velutas e centos de moscas. ¿ Culpa dos atraíntes que non son selectivos ?
    O produto que usan os exterminadores oficiais e outros xa se sabe o que é. Para apiarios estantes sabemos que o único efectivo que as protexe é a combinación de dous artiluxios, unha trama de piqueira e unha arpa boa. Moito euro. Para grandes profesionais o máis barato e menos traballo é traslado de enxames á montaña sen arboreda e pouca auga. Moito papeleo. En resumo, moito descontrol. Apoio a medida. Por ineficacia, peor “el remedio que la enfermedad “. Incrible a cantidade de moscas e outros que hai nunhos poucos m2 de carballeira. Logo están os troianos dos abelleiros, os fusís coas bolas da morte, os biocitas-larvicitas. A iste cóctel só falta algo radioactivo
    Saúde

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia