Uns niveis de competencia máis baixos e menor uso do galego entre a xente nova. Isto leva a Galicia a ser a única comunidade con lingua cooficial na que se dan estes datos. O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de publicar un informe no que compara o uso dos idiomas cooficiais de España nos seus territorios e, malia presentar algún dato positivo, evidencia un padrón de perda interxeracional na capacidade para entender, falar, ler ou escribir en galego.
O CCG acaba de publicar na súa páxina web o estudo Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada. Neste documento compara a situación do idioma propio entre Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra, Illas Baleares e País Vasco, tomando datos de diferentes parámetros do Instituto Nacional de Estatística.
Por un lado, a análise reflicte que Galicia se sitúa como a comunidade de España coa maior porcentaxe de poboación competente no uso da súa lingua cooficial. O 92,7% entende ben o galego, o 83% le ben, o 83,1% fálao ben e o 73,3% escríbeo ben. O segundo territorio é Cataluña, cun alto nivel de comprensión –86,8%– e lectura –78,4%–. Malia esta visión “positiva”, á hora de debullar os datos, os matices alertan dalgúns aspectos negativos.
Máis educación, menos galego
No que corresponde á análise do galego segundo a idade da poboación, no noso territorio so un 86% dos menores de 20 anos acadan un nivel alto de comprensión do idioma cooficial, a diferenza do 91,2% en Cataluña. Ademais, unicamente o 70,8% deste colectivo afirma que fala ben o galego, en contra do 85% que se dá na comunidade catalá, acorde aos datos do CCG.
Do mesmo xeito, destaca o diferencial “negativo” se se ten en conta o nivel académico da poboación. A análise da institución galega reflicte que no resto das comunidades “a educación ten un impacto máis intenso sobre todas as competencias da lingua” contando cunha progresión uniforme en todos os aspectos. Pero isto non acontece en Galicia.
O informe sinala que o 77,2% das persoas con estudos primarios ou inferiores empregan frecuentemente ou sempre o galego en familia e un 60,4% en ámbitos formais. Pola contra, a proporción descende ata o 44,9% e un 46,2%, respectivamente, nos niveis superiores de educación. “Esta tendencia contrasta co observado no resto de comunidades autónomas, onde o uso das linguas cooficiais aumenta co nivel académico”, destaca o CCG. En relación, chama a atención a consideración que teñen estes grupos sobre o seu emprego do idioma. A porcentaxe de poboación que considera falar ben en galego é “lixeiramente menor” no nivel educativo máis alto –cun 84,2%– en comparación co máis baixo -86,7%–.
Urxencia de intervir no ámbito escolar
No que respecta aos escolares que aínda están con formación obrigatoria, só o 65,1% dos galegos afirma falalo ben, en contraste co 82,7% dos cataláns ou o 73,2% dos vascos. No eido da escrita correcta, Galicia sitúase no 60%, fronte ao 66,3% de Cataluña.
“A singular tendencia á baixa do uso do galego entre as xeracións máis novas, así como a aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades, subliñan a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional”, indica o CCG no seu informe.
Ademais destes parámetros, a institución tamén resalta positivamente a incidencia do idioma propio en contextos informais. O 56,6% dos galegos usa “frecuentemente e sempre” o idioma da comunidade no ámbito familiar, mentres que no das amizades, este redúcese a un 54,5%.
Porén, no ámbito formal como o traballo ou a escola, a poboación galega amosa unha menor implantación, cun 51% de usos elevados, fronte ao 60,5% en Cataluña. En menores de 20 anos, este dato diminúe aínda máis, sendo utilizado so polo 47,1% dos galegos, mentres que o caso catalán é dun 84,8%.
Menos ingresos, máis galego
Se se ten en conta os recursos económicos, Galicia tamén marca diferencia con respecto a outros territorios. Existe unha “relación positiva entre o nivel de ingresos e o uso das linguas cooficiais” na maioría das comunidades, pero na galega reflíctese unha excepción relevante, cunha correlación negativa, “xa que os grupos con ingresos máis baixos empregan o galego con máis frecuencia”, sinala o CCG.
“Isto pode estar vencellado a cuestións de prestixio social ou á percepción da lingua como máis asociada a ámbitos tradicionais ou culturais, en contraste coas dinámicas institucionais e profesionais observadas noutros territorios”, conclúe.
O galego é lingua oficial no territorio galego, non cooficial. O termo “cooficial” non figura en ningunha norma legal.