A carracha que transmite Crimea-Congo quintuplica a súa presenza en Galicia en 2023

Investigadoras da USC detectan que a especie 'Hyalomma marginatum', moi concentrada na provincia de Ourense, se está desprazando cara ao norte

“Aumentou a presenza de carrachas. Indubidablemente”. Así de categórica soa Rita Sánchez-Andrade, profesora de Zoonoses e Saúde Pública na Universidade de Santiago (USC). As súas palabras refírense á especie Hyalomma marginatum, presente en Galicia dende 2019, e transmisora de Crimea-Congo, unha febre hemorráxica cunha taxa de letalidade que pode acadar o 40%. Os datos avalan a afirmación de Sánchez-Andrade: en 2023 recolléronse 15 exemplares de Hyalomma marginatum, fronte aos tres capturados en 2022. É dicir, quintuplicouse a súa presenza en Galicia en tan só un ano.

Dende o verán de 2019, cando se atopou o primeiro exemplar desta especie en territorio galego, ata 2022, capturáronse entre tres e cinco carrachas cada ano. Con todo, o 2023 dobra a recollida dos anos anteriores. “Pode ser que busquemos máis, que esteamos máis atentas e que fagamos máis mostraxes, pero independentemente disto, o número de carrachas tamén aumentou”, apunta Sánchez-Andrade. A investigadora da USC, que pertence ao grupo COPAR, un dos fundadores da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), non cre que haxa un só factor detrás do incremento exponencial na cifra de Hyalomma marginatum capturadas en Galicia. Máis ben, este aumento pode deberse a unha confluencia, probablemente azarosa, de circunstancias.

Publicidade

O clima, o gran condicionante das Hyalomma marginatum

Outra das tendencias que detectou o grupo COPAR dende os seus laboratorios do Campus Terra, en Lugo, é a expansión da especie cara ao norte. Ata 2022 só se atoparan exemplares de Hyalomma marginatum na provincia de Ourense e en dous concellos do sur de Pontevedra, pero no 2023 xa comezaron a atopar carrachas en Lugo. De feito, A Fonsagrada é, ata o momento, o municipio no que máis ao norte se atoparon exemplares desta especie. “Estamos detectando un desprazamento, probablemente porque están buscando un clima máis favorable que o de Ourense, onde ata o de agora había máis concentración de Hyalomma marginatum“, explica a profesora de Zoonoses e Saúde Pública.

A doutoranda Inês Abreu, do grupo COPAR, está centrando a súa tese nesta especie de carracha. De feito, durante a presentación dun relatorio durante o XI Encontro da Mocidade Investigadora, falou en detalle dos tres bloques climáticos que hai en Galicia e como se está a desprazar Hyalomma marginatum a zonas con condicións máis favorables para o seu desenvolvemento. Actualmente, esta especie está moi presente na provincia que Ourense, que responde a un clima mediterráneo. Con todo, a tendencia detectada durante o último ano é que a carracha que transmite Crimea-Congo se despraza cara a un clima de transición, con invernos tépedos e veráns secos e cálidos que favorecen o desenvolvemento da especie.

Publicidade

Coidado en xuño

Non obstante, Sánchez-Andrade incide en que o desprazamento de Hyalomma marginatum cara ao norte de Galicia “é tan só unha hipótese” e que se precisan estudos máis amplos para confirmalo. Dende o seu laboratorio de Lugo realizan mostraxes periódicas e organizan saídas ao campo que poidan revelar máis datos sobre a aparición desta especie en Galicia e as súas implicacións futuras. “A partir do mes de abril comezan a aparecer na provincia de Ourense, nos meses anteriores non as detectamos. Neste 2024 está acontecendo o mesmo”, sinala a investigadora da USC. De feito, xuño é un dos meses nos que máis carrachas hai, dado que as altas temperaturas do verán non adoitan ser o ambiente máis propicio para que se desenvolvan.

Posibilidades Crimea-Congo en Galicia

Detección de Hyalomma marginatum por concello e ano. Os concellos afectados aparecen en cor amarela. Foto: Grupo COPAR

A aparición de Hyalomma marginatum en Galicia é recente, pero a alarma saltou nos últimos meses por un estudo realizado no Bierzo. Un equipo do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) detectou o virus de Crimea-Congo en carrachas capturadas na contorna de Ponferrada, onde xa se produciron varios casos desta febre hemorráxica. Amais, a comezos de maio falecía un home de avanzada idade en Salamanca diagnosticado con Crimea-Congo trala picadura dunha carracha. En Galicia non hai constancia de que circule o patóxeno e a día de hoxe non se detectou ningún caso da enfermidade. Con todo, o vector está e o risco, tamén. “Probablemente o patóxeno xa estea aquí. Outra cousa é que se dean casos en humanos”, aseveraba a experta en Sanidade Animal da USC Susana Remesar nunha peza publicada recentemente en GCiencia.

Recomendacións contra as picaduras de carracha

O virus de Crimea-Congo preocupa e a única forma de non contraelo é evitando a picadura dunha carracha infectada. Segundo as recomendacións ofrecidas por Inês Abreu, é aconsellable usar roupa clara, así como mangas e pantalóns longos. Tamén é preciso usar repelentes autorizados, camiñar polo centro dos sendeiros, evitar deitarse na herba e usar botas pechadas con calcetíns que cubran a parte inferior dos pantalóns.

No caso de que saias ao campo coa túa mascota, deberías aplicarlle un antiparasitario externo e revisalo ao rematar o paseo. Tamén debes ollar a túa pel conforme chegues á casa, especialmente as axilas, ínguas, cabelo, detrás do xeonllos, por dentro e fóra das orellas, dentro do embigo e ao redor da cintura. No caso de detectar unha picada, o mellor é retirar a carracha cunhas pinzas de bordo romo e punta fina ou acudir o antes posible ao centro de saúde.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia

A carracha 'Hyalomma marginatum' quintuplica a súa presencia no territorio galego e transmite o patóxeno a outras especies en ata oito concellos distintos

España é o segundo país europeo con máis casos de Crimea-Congo despois de Bulgaria

A carracha 'Hyalomma marginatum' provocou 13 casos de febre hemorráxica, chegando ás cinco mortes dende o ano 2013 en todo o Estado

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións