Aumenta a enfermidade de Lyme en Galicia: as carrachas xa están presentes case todo o ano

O risco de contraer a doenza incrementábase nos meses do verán e do outono, pero o patrón está cambiando dende hai unha década

As carrachas non só están presentes en Galicia durante o verán e o outono, senón durante todo o ano. Iso está derivando nun aumento de casos da enfermidade de Lyme en Galicia.
As carrachas non só están presentes en Galicia durante o verán e o outono, senón durante todo o ano.

A enfermidade de Lyme, causada pola picadura das carrachas, está cada vez máis presente en Galicia. Así o confirma o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Fernández Rodríguez, apoiándose nun estudo realizado na área de Lugo que constata o incremento de casos. A situación galega non é única, posto que as zoonoses están aumentando a causa do cambio climático, segundo un estudo publicado recentemente por Nature. A investigación apunta cara ás 15.000 novas transmisións de virus entre especies para 2070, chamando a atención sobre estes intercambios de patóxenos entre animais que nunca antes compartiran hábitat.

Un exemplo disto pono Fernández Rodríguez coa gripe aviaria: “O cambio climático está facendo que as aves cambien as súas rutinas de migración e sabemos que son as portadoras de todos os subtipos da gripe. Se unhas aves que son portadoras dun subtipo que afecta a animais ou a persoas cambian a súa migración a novas zonas, nesas novas zonas haberá un risco por esa cepa que antes non existía“.

Incremento de casos nas doenzas

Os resultados do estudo publicado en Nature sinalan que moitos destes cambios de hábitat xa están en marcha, facilitando o salto entre especies, polo que o potencial de novos contactos e a probabilidade de zoonose é un risco actual, algo que deixou claro a covid. De feito, precisamente os morcegos son sinalados nesta investigación pola súa elevada capacidade de dispersión.

“O risco de zoonose aumenta porque aumenta a poboación de carrachas, pero tamén polos cambios na actividade humana”

No caso galego, a preocupación actual son as carrachas que, entre outras, son transmisoras da enfermidade de Lyme ao ser humano e tamén a través de roedores e outros pequenos mamíferos. “Hai anos pensabamos que só había risco na época do verán e o outono. Hoxe en día estamos facendo estudos e están aí case todo o ano“, sinala o decano. 

Precisamente, Fernández cita un estudo na área de Lugo que deixa constancia do aumento de casos da enfermidade de Lyme na última década: “Afecta sobre todo a traballadores relacionados coas zonas rurais, pero tamén a persoas que fan paseos polo campo. O problema non é só que a poboación de carrachas aumente, que o fai, senón tamén os cambios na actividade humana que poden facer que o risco aumente. Hai que ter unha visión de conxunto”. 

Quecemento global

O estudo publicado en Nature, dirixido pola investigadora Shweta Bansal, analizou o risco de zoonose dende o presente ata 2070 baixo diferentes escenarios de cambio climático, cambios no uso do chan e migración de mamíferos. Esta cifra das 15.000 novas transmisións tería lugar nunha situación de quecemento global de 2ºC. Con todo, xa se contemplan contextos perigosos cun aumento menor das temperaturas globais.

O cambio climático podería mudar a distribución de mosquitos na península, traendo a Galicia flebotomos

“En España hai un mosquito, un flebotomo en concreto, que está distribuído dende o sur da península ata a altura de Madrid, máis ou menos. Isto deixa a Galicia fóra, pero se aumenta a temperatura media en 1ºC ou en 1’5ºC a distribución vai cambiar e vai chegar aquí”, advirte Fernández.

Nestes momentos, a vixilancia está centrada en estudar a distribución xeográfica e poboacional tanto de mosquitos como de carrachas e en analizar as infeccións presentes neles para coñecer tanto as enfermidades potencialmente transmisibles como a porcentaxe de infección dos animais.

Identificar os riscos

Este estudo deixa claro o risco que existe dunha nova onda de patóxenos que salten entre especies, pero tamén identifica os focos potenciais de novos contactos, especialmente zonas tropicais con altas densidades de poboación como o Sahel, Etiopía, India, China, Indonesia ou Filipinas.

“É importante identificar zonas de risco para previr á poboación”

Así, identificar estes puntos potencialmente quentes permite aumentar a vixilancia epidemiolóxica en especies de alto risco, así como en áreas cunha densidade de poboación elevada ou nas que as actividades humanas estean interfirindo especialmente co medio.

Volvendo ao caso galego, Fernández sinala que “a enfermidade de Lyme hai anos tiña unha incidencia moi baixa e o risco de que houbera unha persoa con esa enfermidade era pouco. Hoxe, especialmente nestas zonas, os médicos teñen máis en conta esa enfermidade para poder dar un diagnóstico. Tamén é importante identificar estas zonas de risco para poder transmitirlle medidas de precaución á poboación”.


Referencia: Climate change increases cross-species viral transmission risk (Publicado en Nature)

4 COMENTÁRIOS

    • O mellor é arrincala con unhas pinzas, asegurándose de collela pola cabeza. Tirar sen xirar nin sacudir para que non rompa. A idea é quitala enteira. Despois desinfectar.

  1. no. tenia una en el webo y hestoy vien. lo que pasa hes qe me izo abujeros i se me metio dentro, pero haora me encuentro bien gracias jente

  2. A causa máis importante do aumento de carrachas na zona do Ortegal está no incremento de porcos bravos, xabaríns . Cada vez que se achegan as leiras e mesmo nas dunas da praia, e non digamos nos montes, inféstase todo de carrachas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.