Con esta calor, derrétense as neuronas?

    O sistema nervioso é especialmente vulnerable ás altas temperaturas, provocando falta de atención, cansazo e apatía, entre outras

    AS altas temperaturas afectan o sistema nervioso. Crédito: Photobank.kiev.ua / Shutterstock
    AS altas temperaturas afectan o sistema nervioso. Crédito: Photobank.kiev.ua / Shutterstock

    *Un artigo de

    O verán ten moitos beneficios para o noso organismo. Tamén para o noso cerebro. A máis horas de sol, maior produción de serotonina, o que afecta positivamente o noso estado de ánimo. A luz solar estimula a produción da coñecida como “vitamina do sol”, a vitamina D, con múltiples beneficios para a saúde. Pero non todo son alegrías: hai un límite de calor a partir do cal o noso cerebro non funciona correctamente: os 40 ℃.

    Publicidade

    Os seres humanos somos homeotermos. É dicir, grazas a noso hipotálamo –rexión do cerebro que regula a temperatura– somos capaces de manter unha temperatura constante duns 37 ℃, independentemente da temperatura ambiental. Pero cando o noso corpo alcanza temperaturas por encima dos 40 ℃, o hipotálamo deixa de funcionar correctamente e non controla o noso sistema natural de arrefriado, a transpiración (a suor). É entón cando podemos sufrir un golpe de calor.

    A atención, o equilibrio ou o sono, desatendidos nas ondas de calor

    Nesta situación, o sistema nervioso é especialmente vulnerable. Como o hipotálamo ten que traballar en exceso para manter unha temperatura corporal adecuada, deixa nun segundo plano outras funcións vitais como a atención, que se ve retardada.

    Algo similar pasa co sistema de comunicación cerebral. Os impulsos nerviosos tardan máis en propagarse e por tanto a nosa capacidade de resposta é moito máis lenta. Estamos, por tanto, máis cansos e apáticos. Todo isto afecta o noso estado de ánimo, causando irritabilidade e confusión.

    Coa calor as proteínas desnaturalízanse –perden a súa estrutura, derrétense– o que afecta e moito ás neuronas. Todo este proceso, ademais, desencadea unha resposta inflamatoria que modifica a homeostase (equilibrio) do tecido nervioso. A razón é que as altas temperaturas afectan a barreira hematoencefálica que protexe ao noso sistema nervioso central, alterando ese equilibrio. En concreto, hai un tipo específico de neuronas especialmente sensible ao dano, as células de Purkinje. Estas neuronas atópanse no cerebelo, e son responsables da función motora. Por iso é polo que un dos síntomas característicos dun golpe de calor sexa a debilidade motora con afectación grave da coordinación e o equilibrio.

    As altas temperaturas provocan que os impulsos nerviosos tarden máis en propagarse

    As altas temperaturas tamén fan que descansemos peor. Outra das funcións do hipotálamo é regular os ciclos de sono e vixilia. Para iso, guíase pola información que lle chega do exterior como a cantidade de luz ou a temperatura, que indican ao cerebro cando debe inducirse o sono.

    As altas temperaturas confunden o hipotálamo, e prodúcese unha hiperexcitación do cerebro, polo que nos custa máis conciliar o soño. Non esquezamos que o noso sistema nervioso aproveita as horas de sono para realizar funcións de mantemento necesarias para o seu correcto funcionamento. É o que chamamos “un sono reparador”.

    Outro dos problemas asociados ás altas temperaturas é a deshidratación. Cando está por encima do 2% do peso corporal pode conducir a alteracións graves como perda de memoria a curto prazo, somnolencia ou fatiga muscular. Ademais, favorece que as toxinas non se eliminen correctamente e se acumulen no noso organismo.

    Conxélasenos o cerebro coas bebidas frías?

    Se chegados a este punto vostede está a pensar que unha posible solución á calor sería tomar unha bebida ben fría, coidado! Ao noso cerebro non lle gustan nada os cambios bruscos de temperatura. Ao bebela, pode sufrir unha cefalea por crioestímulo ou, dito doutra maneira, unha sensación forte de dor de cabeza ao tomar algo frío. Conxélasenos o cerebro. A resposta a este efecto é sinxela. Estamos a confundir o sistema circulatorio, o cal á súa vez volve tolo o cerebro. E o cerebro responde cun toque de atención en forma de dor.

    Xa vimos que o noso organismo é capaz de regular a nosa temperatura corporal. Cando vai frío os nosos vasos sanguíneos periféricos contráense (encóllense). É o que chamamos vasoconstrición. Así o sangue circula lonxe da pel e pódese manter mellor a calor corporal.

    Cando vai calor, os vasos periféricos dilátanse (expándense). Isto é a vasodilatación. Así, ao expandirse e estar máis preto da pel favorécese a transferencia de calor fose do corpo. Suamos! E así controlamos a nosa temperatura corporal.

    No verán os capilares tenden a estar dilatados para expulsar a calor do corpo. Pero se de súpeto tomamos algo frío, os vasos sanguíneos pasan rapidamente da súa dilatación normal para eliminar calor, á contracción polo frío do que estamos a tomar. O resultado final é que o sistema circulatorio non sabe como actuar con tanto movemento de calor e frío.

    Coidado coas bebidas moi frías. Ao cerebro non lle gustan os cambios bruscos de temperatura

    Estes cambios no fluxo sanguíneo son detectados polos receptores da dor que hai no padal e a garganta, que comunican co cerebro a través do nervio trixémino, que envía información sensorial do que ocorre na cabeza. Unha porción do trixémino esténdese pola parte media da cara e a fronte, por iso o cerebro interpreta que hai un problema e prodúcese esa sensación de dor punzante. É o que chamamos unha “dor referida”: prodúcese no padal ou a garganta pero nótalo no cerebro.

    Pero que non entre o pánico. Realmente o cerebro non sente dor, é só unha sensación que se pasa enseguida. Para evitalo, hai que comer ou beber amodo para afacer ao padal a ese cambio de temperatura.

    Aínda que todo o mundo ten un nervio trixémino, non todo o mundo experimenta esa conxelación cerebral. É posible que os nervios dalgunhas persoas sexan máis sensibles que os doutras. De feito, quen experimenta conxelación cerebral tamén poden ser máis propensos a sufrir hemicrania.

    En conclusión, protexe o teu cerebro da calor, pero coidado co método que empregas. Aínda que unha bebida fría ou un xeado ben merecen uns segundos de dor.


    *José A. Morales García é profesor e investigador científico en Neurociencia na Universidad Complutense de Madrid.

    Cláusula de divulgación: José A. Morales García non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

    A versión orixinal deste artigo foi publicada na web da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da Universidad Complutense de Madrid.

    1 comentario

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.