O Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) da UVigo, integrado no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, é un dos participantes no proxecto europeo rurAllure, que procura darlle máis valor ás zonas rurais menos coñecidas que se atopan nas proximidades das distintas rutas de peregrinación europeas. A importancia do Camiño de Santiago fai que a contribución do GSSI sexa especialmente importante nun proxecto que se concreta nunha app que permite aos turistas e camiñantes descubrir lugares próximos pero que non se atopan no itinerario das grandes rutas de peregrinación europeas.
José Pazos, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Uvigo e membro do GSSI, explica que este proxecto encaixa perfectamente coa liña de investigación de Humanidades Dixitais que leva desenvolvendo nos últimos anos este grupo integrado no departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo. “A idea consiste en deseñar unha aplicación que poña en valor as zonas rurais que se atopan preto do Camiño pero moitas veces son case descoñecidas por non estar na mesma ruta. Non se trata só de dar a coñecer elementos do patrimonio histórico senón tamén de albergues, restaurantes, rutas alternativas, etc.”, sinala Pazos.
“Non só é dar a coñecer o patrimonio histórico. Tamén albergues, restaurantes, rutas alternativas…”
JOSÉ PAZOS, investigador
O apartado do Camiño de Santiago na web de rurAllure céntrase no aspecto literario do mesmo, con referencias aos autores, aos libros e á tradición oral que se asocia coa ruta xacobea. Por exemplo, entre os contidos que se poden atopar hai referencias á comarca do Courel e ao poeta Uxío Novoneyra, do que se fala coma unha especie de “poeta peregrino” que pasou boa parte da súa vida viaxando entre O Courel e Santiago. Entre as belezas naturais que os peregrinos poden visitar nas proximidades desta ruta fálase do xeoparque do Courel ou da Devesa da Rogueira, exemplo de bosque atlántico.
O proxecto rurAllure inclúe actualmente outras rutas europeas destacadas como as posibilidades de turismo termal nos diversos camiños que chegan a Roma, o patrimonio rural na ruta dos Camiños de Santa María que atravesa países da Europa do Leste ou a riqueza etnográfica das zonas próximas ao Camiño de San Olav que conclúe en Trondheim (Noruega). O proxecto estará en execución ata finais de 2023 e xunto ao grupo GSSI participan no mesmo outras 15 entidades de investigación europeas pertencentes a seis países diferentes, entre elas a Universidade da Coruña, a Fundación Uxío Novoneyra e a Universidade Autónoma de Madrid.
A través do desenvolvemento da aplicación informática e das accións de promocións o obxectivo que se persegue é que os peregrinos das distintas rutas poidan achegarse a estas zonas rurais algo afastadas dos camiños principais e contribuír así ao desenvolvemento económico e turístico dunhas áreas que contan cun patrimonio cultural en risco e necesitan recursos para conservalo. Tamén se pretende contribuír a evitar a perda de poboación e servizos nestas zonas.
Proxecto Plethora
As aplicacións da enxeñaría telemática son moi diversas e entre as liñas de traballo do GSSI tamén se atopa o proxecto Plethora, que foi desenvolvido ata finais de 2021. Neste caso o obxectivo consistía na creación dunha plataforma que permitise o desenvolvemento de novas aplicacións “crowd computing” dun xeito sistemático e así axudar os creadores a identificar a división de tarefas entre recursos humanos e computacionais, ademais de colaborar na selección dos actores máis axeitados para cada tarefa.
Outro dos proxectos en marcha por parte de GSSI consiste nunha colaboración coa Universidade de Cuenca de Ecuador para desenvolver terapias para os nenos que padecen autismo. Este sistema estase a probar actualmente e permite a realización de terapias personalizadas para cada un dos nenos, que sempre presentan peculiaridades no seu tratamento o que fai que non se poidan realizar terapias estándar.
Pazos sinala que nos próximos anos o GSSI seguirá a traballar en proxectos que teñen que ver coas Humanidades Dixitais. O grupo foi evolucionando no seu traballo dende a súa creación no ano 1995 e pasou de traballar en aplicacións de telensinanza para a Televisión Dixital Terrestre a empregar técnicas de intelixencia artificial para desenvolver os proxectos nos que participa actualmente.