Venres 1 Decembro 2023

O telescopio James Webb revela unha nova imaxe de Xúpiter

O observatorio máis potente da historia inclúe no seu informe de posta en marcha unha serie de fotografías do planeta

O telescopio espacial máis potente da historia, o James Webb (JWST), do que onte se coñecían as primeiras imaxes a toda cor capturadas no universo máis afastado, revela agora unha nova e sorprendente imaxe do planeta Xúpiter no seu maior esplendor. Estas imaxes, tomadas mentres se probaba Webb, incluíronse no informe de posta en marcha do telescopio. As imaxes mostran a Xúpiter e os seus aneis, así como a tres das súas lúas: Europa, Teba e Metis. Tamén se ve a sombra de Europa na imaxe da esquerda, xusto á beira da Gran Mancha Vermella do planeta.

https://twitter.com/_astronomay/status/1546897730831884296

O telescopio, que naceu co obxectivo de mostrar o nunca visto, retratou nas imaxes publicadas onte un cúmulo de galaxias denominado SMACS 0723. Tal e como explica para GCiencia o físico José Edelstein, investigador do Instituto Galego de Física e Altas Enerxías (IGFAE), o que captura Webb é a luz do cúmulo de galaxias emitida cando aínda non existía o Sistema Solar. Isto permite coñecer os procesos de formación estelar das primeiras galaxias.

Imaxes con cámara de luz infravermella

As imaxes foron tomadas a través dunha cámara que captura a luz infravermella (NIRCam), utilizando dous filtros diferentes que resaltan as lonxitudes de onda de luz separadas, unha curta e outra longa. Formaron parte da proba que consistiría en garantir que Webb puidese rastrexar obxectos que se moven rápidamente a través do Sistema Solar. Para isto o telescopio fotografou nove obxectivos e Xúpiter foi o que se moveu máis lentamente. A proba tamén mostrou que é posible usar o James Webb para capturar detalles como lúas e aneis ao redor dun planeta tan brillante como Xúpiter.

Os achados demostran que Webb será útil para rastrexar elementos do universo como cometas e obxectos próximos á Terra

“Esperábase que observar un planeta brillante, como Xúpiter e os seus satélites e aneis fose todo un desafío, debido á luz dispersa que pode afectar á precisión do instrumento científico empregado. Ademais o sensor de guía fina tamén debe rastrexar as estrelas guía preto do planeta brillante en cuestión”, explica o informe de posta en servizo. “Estas observacións verificaron a expectativa que tiñamos”, engaden os expertos.

Todas estas boas noticias significa que Webb será útil para rastrexar elementos do universo como cometas e obxectos próximos á Terra. En xeral, o informe de posta en marcha mostra que James Webb está a funcionar mesmo mellor do esperado. “Os resultados acadados son clave, despois de seis meses dende a súa posta en marcha, pois demostran que o telescopio é totalmente capaz de lograr os obxectivos para os que foi construído. James Webb foi concibido para permitir avances fundamentais na nosa comprensión da formación e evolución de galaxias, estrelas e sistemas planetarios”, escriben os autores no informe. “Agora sabemos con certeza que o fará”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O James Webb celebra o seu primeiro ano de operacións con esta espectacular imaxe

Como regalo do seu aniversario, a NASA e a ESA publica unha fotografía do complexo de nubes Rho Ophiuchu, a 390 anos luz de distancia

Así se ve Urano: decenas de aneis rodean o brillante planeta turquesa

O telescopio James Webb capturou espectaculares imaxes do sétimo planeta do sistema solar, onde se ven os seus aros e as súas lúas

A Casa das Ciencias inaugura unha exposición con imaxes do telescopio James Webb

O museo coruñés presenta unha mostra de nove fotografías sacadas polo observatorio espacial da NASA

Que é a misteriosa espiral cósmica no ceo de Hawai?

O remuíño podería estar relacionado co lanzamento dun novo satélite por parte da compañía Space X