Publicidade

As novas imaxes do James Webb mostran exoplanetas, galaxias e espectaculares nebulosas

O telescopio máis potente da historia revela catro novas fotografías, as máis nítidas e detalladas do universo

Coñecer detalladamente o universo. Ser capaz de admirar cada recuncho, incluso os máis afastados. Ser quen de observar as primeiras galaxias que se formaron despois do Big Bang. E un longo etcétera de obxectivos que persegue o James Webb, o telescopio máis potente da historia. A súa primeira imaxe, revelada onte, mostraba o cúmulo de galaxias SMACS 0723 como nunca antes se vira. E agora, a NASA vén de mostrar outras catro imaxes tan sorprendentes como impactantes. Todas elas xa forman parte da historia da ciencia: son as primeiras que captura o James Webb.

Nebulosa de Carina

O telescopio abre todo un universo de posibilidades e é capaz de explorar e fotografar o nunca visto. Un dos obxectivos das dúas imaxes foi a Nebulosa de Carina, unha das máis grandes de brillantes do ceo. A foto leva por título Cosmic Cliffs pola súa semellanza con montañas e cantís. O que se pode ver na instantánea son viveiros estelares emerxentes e estrelas individuais descoñecidas ata o de agora. Isto demostra, unha vez máis, que os instrumentos do James Webb son capaces de mirar a través do po cósmico. A nebulosa está situada a uns 7.600 anos luz de distancia. Segundo a NASA, alberga moitas estrelas masivas, varias veces máis grandes que o sol. Esta imaxe, que realmente só retrata un dos seus bordes, será clave para entender os procesos de formación estelar.

Publicidade

WASP-96b (espectro)

Outro dos grandes fitos do James Webb que se deron a coñecer esta tarde foi o espectro do exoplaneta WASP-96 b, un planeta xigante que se atopa fóra do Sistema Solar e está composto principalmente de gas. Está situado a case 1.150 anos luz da Terra e orbita a súa estrela cada 3,4 días. Agora, grazas ao telescopio, deuse a coñecer o espectro de luz deste exoplaneta, que contén información sobre a composición da atmosfera do planeta. As evidencias do Webb apuntan a unha firma distinta de auga, así como indicios de néboas e nubes que non detectaron outros estudos.

Nebulosa do Anel Sur

O Anel Sur, ou a nebulosa de “Oito Estalidos”, é unha nebulosa planetaria. É dicir, unha nube de gas en expansión que rodea unha estrela moribunda. Ten case medio ano luz de diámetro e atópase aproximadamente a 2.000 anos luz da Terra. Grazas ao James Webb acaban de coñecerse novos detalles que permitirán estudar e comprender mellor como evolucionan as estrelas e como se transforman as súas contornas. Así mesmo, esta imaxe tamén revela unha gran cantidade de puntos de luz multicor. Dende a NASA confirman que non son estrelas, senón galaxias.

Publicidade

Quinteto de Stephan

A uns 290 millóns de anos luz de distancia, o Quinteto de Stephan atópase na constelación de Pegaso. Destaca por ser o primeiro grupo compacto de galaxias, descuberto en 1877. Catro das cinco galaxias dentro do quinteto están atrapadas nunha danza cósmica de repetidos encontros. Agora, o James Webb ofrece unha imaxe nunca vista destes obxectos cósmicos. Segundo a NASA, isto permitirá entender mellor as fusións entre galaxias, a formación de estrelas e as alteracións de gas. Ao parecer, este tipo de agrupacións galácticas puideron ser máis comúns no universo primitivo, cando o material puido estar alimentado por buratos negros moi enerxéticos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As curiosas imaxes do asteroide que podería impactar contra a Terra en 2032

O obxecto, cun ancho de entre 40 e 90 metros, ten unha probabilidade do 2,3% de chocar contra o noso planeta

A NASA anuncia que haberá mais tormentas xeomagnéticas coa chegada do máximo solar

O cambio de ciclo do Sol, producido cada 11 anos, afecta á frecuencia e intensidade dos distintos fenómenos que acontecen na estrela: de que xeito inflúe isto na Terra?

Esta é a primeira mostra do mapa do universo elaborado pola ESA e con participación galega

A misión Euclid elaborará a primeira cartografía tridimensional do cosmos, rexistrando as formas, distancias e movementos de millóns de galaxias localizadas a 10 mil millóns de anos luz

A NASA xa ten resposta para as sorprendentes “arañas” que cobren a superficie de Marte

Investigadores estadounidense recrean nun laboratorio o proceso que dá lugar ás estrañas formas captadas polos satélites no planeta vermello