“A foto do James Webb é un instante sublime do nunca visto”

O físico da USC José Edelstein analiza a primeira imaxe do telescopio espacial, que retrata un cúmulo de galaxias do universo primitivo

O físico José Edelstein analiza a primeira imaxe do James Webb. Crédito: Elena Mora / IGFAE
O físico José Edelstein analiza a primeira imaxe do James Webb. Crédito: Elena Mora / IGFAE

O telescopio James Webb naceu cun único e claro obxectivo: mostrar o nunca visto. A idea de fabricar o observatorio máis potente da historia comezouse a xestar hai máis de 30 anos da man da NASA, a Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia Espacial Canadense. Agora, tres décadas despois de incasable esforzo e orzamentos millonarios, o James Webb dá os seus froitos. Onte deuse a coñecer a súa primeira fotografía, que xa é considerada a máis detallada e nítida do universo profundo. “Esta imaxe é un instante sublime do nunca visto”, describe o físico José Edelstein, tamén investigador no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “A imaxe retrata o ceo profundo. É unha foto moi, moi afastada dunha rexión do universo que é ridiculamente pequena”, continúa analizando o físico.

Máis polo miúdo, a imaxe retrata un cúmulo de galaxias denominado SMACS 0723 “tal e como apareceu hai 4.600 millóns de anos”, segundo explicaba onte a NASA. “Na foto hai moitísimos puntos. Todos eles son galaxias. Hai miles delas contidas na imaxe. Isto recórdanos a enorme cantidade que hai en todo o universo”, apunta Edelstein. Unha foto que, por tanto, dá conta da inmensidade do ceo e do que aínda queda por descubrir. De feito, un dos aspectos “máis espectaculares”, segundo o físico do IGFAE, é comparar a imaxe actual do James Webb coa que sacou hai anos o Hubble da mesma rexión do universo. “Cando miramos unha e despois a outra é exactamente igual que cando unha persoa ten miopía severa e pon as lentes axeitadas”, di Edelstein, dando conta do nivel de detalle co que o James Webb conseguiu retratar esta parte do espazo profundo.

Á esquerda, a fotografía do James Webb, a máis nítida da historia. Á dereita, imaxe do Hubble da mesma rexión do universo.

A clave está na luz infravermella

O motivo polo que as dúas fotografías se ven tan diferentes, sendo unha extremadamente detallada se se compara coa outra, é pola luz infravermella. É dicir, o James Webb e o Hubble non observan o universo da mesma maneira. Segundo explica Edelstein, a luz ten unha parte que se denomina espectro visible. É dicir, o que vemos cos nosos ollos. Pero hai outra luz invisible para nós, pero non para os instrumentos. “O que mira o Webb é a luz infravermella. Isto ten dúas vantaxes principais. A primeira, que pode ver a través dos medios materiais, como son as nubes de po. A segunda é que o universo está en expansión, e todo se estira, incluída a luz. O que era luz visible no pasado, hoxe é infravermella. Polo tanto, grazas a ela podemos ver procesos de formación estelar que foron moi relevantes”, analiza o investigador da IGFAE. De feito, a luz do cúmulo de galaxias que se fotografou foi emitida cando aínda non existía o Sistema Solar.

“O Webb mira a luz infravermella. Iso permitirá coñecer os procesos de formación estelar das primeiras galaxias”

JOSÉ EDELSTEIN, físico da USC

A fin de contas, ese é un dos principais obxectivos do telescopio máis potente da historia: coñecer e ver en detalle como se formaron as primeiras galaxias. Seguindo as explicacións de Edelstein, hoxe en día hai unha “comprensión bastante boa” do ciclo estelar. É dicir, sábese que as estrelas son as protagonistas indiscutibles do universo, capaces de crear elementos químicos no interior. Pero a importancia da ciencia sempre reside nos detalles e por iso é imprescinble entender o porqué. “O universo presente é relativamente rico en átomos pesados. Pero non era así despois do Big Bang. Non sabemos como foi a formación incial de estrelas porque non o vimos nunca. De feito, non hai teorías sólidas ao respecto porque non hai observacións e é difícil estar seguros”, constata o investigador da USC. Polo tanto, as grandes esperanzas están despositadas sobre o James Webb e a súa capacidade de revelar o nunca visto, case comparable, segundo Edelstein, ao momento en que Galileo observou o ceo co telescopio.

Unha imaxe histórica

O astrónomo italiano fixo historia, de igual maneira que o está a conseguir o James Webb. A súa primeira fotografía tamén semella ser comparable, segundo Edelstein, aos fogos artificiais. “Se un mira a imaxe con detalle, observamos puntos moi brillantes que emiten luz formando un asterisco. Na mesma foto un ve raias continuas, como se fosen fragmentos curvos dunha circunferencia. E hai moitos”, describe o físico da USC. Seguindo as súas palabras, o que se está a ver aí son galaxias moito máis afastadas que están a ser deformadas por galaxias máis próximas debido a un efecto denominado lentes gravitacionais. “O que estamos a ver non son realmente obxectos, senón efectos ópticos. É unha deformación provocada pola materia que está máis próxima sobre a materia que está máis lonxe”, explica Edelstein. O físico do IGFAE di, de feito, que “o universo é moi amable con nós”. El mesmo ten unhas lentes capaces de amplificar o que está detrás, permitíndonos velo.

“A fotografía permítenos saber de que están feitos eses obxectos”

JOSÉ EDELSTEIN, físico da USC

Amais disto, Edelstein explica que ao observar a foto con detalle pódense ver varias lonxitudes de onda. “É dicir, varias cores. Iso permítenos saber de que están feitos eses obxectos, de hidróxeno e helio. Ademais, podemos observar os movementos de rotación. Así se descubriu hai moito tempo a materia escura”, sinala o investigador. De feito, Edelstein insiste en que a ciencia está baseada nos detalles e, por iso, estas observacións serven para poñer a proba o que se desenvolveu na teoría. Polo tanto, a primeira foto do James Webb tan só é o inicio dun longo camiño. Malia o espectacular da fotografía, a misión científica está aí, incansable, tratando de extraer datos que revelen información, que se contrasten teorías e que, incluso, se atope o nunca imaxinado. De momento, e sen lugar a dúbidas, a foto de SMACS 0723 xa forma parte da historia da ciencia.

Chegar a máis público

Esta non será a única imaxe que coñeceremos do James Webb. De feito, hoxe mostraranse catro fotografías máis do telescopio ás 16.30 horas (hora española) nunha transmisión en vivo da NASA. Esta primeira instantánea, pola contra, foi revelada onte polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, nun acto celebrado na Casa Branca. “Isto merece un eloxio da NASA. Á marxe das críticas, que poden ser moitas, que sexa o presidente quen dea a coñecer a imaxe demostra que é unha noticia de interese público“, apunta Edelstein. O físico da USC, tamén divulgador, asegura que este tipo de actos motivan a democratización da ciencia e, sobre todo, permiten chegar a un público menos interesado nesta materia. “Estaría ben que en Galicia e en España houbera este tipo de xestos científicos”, apunta.

De feito, pon como exemplo o recente descubrimento do tetraneutrón, un novo estado exótico da materia no que participaron dúas investigadoras galegas. “Sería bo que máis alá do anuncio dos científicos aparecese, por exemplo, o presidente da Xunta de Galicia. O seu interese podería ter un impacto máis forte na sociedade”, indica Edelstein. É dicir, habería que tomar exemplo do anuncio de Biden, o primeiro en revelar a espectacularidade da primeira foto do James Webb. “Este instrumento é un logro incrible. Todo o mundo debería estar orgulloso, de igual modo que o facemos cando gaña o noso equipo de fútbol. Fomos capaces, unha vez máis, de facer algo extraordinario”, remata Edelstein.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.