A superlúa do cervo brillará esta noite no ceo galego

O astro verase moito máis grande do normal e poderá observarse dende calquera parte do mundo ao caer a noite

A lúa chea de xullo, alcumada “superlúa de cervo”, fará hoxe, mércores 13 de xullo, a súa traxectoria polo ceo de Galicia. O astro alcanzará o seu punto máximo ao redor das 14.38 horas, pero non se deterá aí, a lúa tamén aparecerá brillante e chea o xoves pola noite, 14 de xullo. Os expertos e observadores do ceo poderán notar que se ve aínda máis grande e brillante do normal.

Isto débese a que a lúa chea sairá en forma de superlúa, que ocorre mentres está no punto máis próximo á Terra, tamén coñecido como o seu perixeo, explica o astrónomo galego Jose Ángel Docobo, do Observatorio astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “O que vai acontece hoxe é que o perixeo xa se produciu ás 11 da mañá pero a lúa chea aínda sairá ao ceo ás 20.38 horas”, engade o experto. Nese momento aínda será de día, polo que haberá que esperar ata que anoiteza para poder apreciar mellor o seu anormal brillo e a súa enormidade.

Publicidade

As superlúas poden parecer máis grandes e ata un 16% máis brillantes no ceo que a lúa chea media. “Nesta época do ano, como o Sol está moi alto, para que haxa lúa chea, terá que estar máis ben baixa con respecto ao noso horizonte”, expón Docobo. “Entón, cando a Lúa ou o Sol están preto do horizonte, dános a impresión de que son moito máis grandes do que en verdade son, fenómeno ao que se lle chama a ilusión da lúa“, engade.

Os diversos apelidos da Lúa

Cando o satélite terrestre amosa formas sorprendentes, observables dende o noso planeta, esta recibe apelidos dende logo curiosos. As dúas últimas lúas cheas foron a Lúa de amorodo, de xuño, e a lúa chea de maio, chamada Lúa de flores, que tamén presentou unha eclipse lunar total. “Tamén está a Lúa de sangue, á que se lle chama cando ofrece unha cor vermella ao eclipsar co sol; a Lúa rosa, que é a primeira da primavera ou a Lúa azul, que son as dúas cheas do mes”, enumera o astónomo.

Publicidade

A orixe dos curiosos nomes das Lúas débese aos nativos americanos, que xa na década de 1930 nomeaban o satélite terrestre de diversas formas. A tribo algonquina que vivía no que agora é o nordés dos Estados Unidos alcumou a lúa chea de xullo como Lúa de cervo debido a que a xente que traballaba no campo adoitaba ver nesta época do ano como o animal botaba as súas primeiras hastas. Dende entón, as culturas modernas adoptaron este nome tan orixinal. Segundo a NASA, a lúa chea de xullo tamén se coñece como a Lúa do trono, debido ás frecuentes tormentas eléctricas que azoutan a principios do verán, sobre todo, en ambientes húmidos debido ao aire quente que ascende cara as capas frías da atmosfera.

A superlúa de cervo poderá ser observada no ceo a simple vista dende calquera parte do mundo

A lúa chea ocorre aproximadamente unha vez ao mes cando o Sol, a Terra e a Lúa se aliñan, nunha liña invisible de 180 graos. A órbita da Lúa ten unha diferenza duns 5 graos con respecto á da Terra. “Cando se atopa no perixeo, a distancia adoita variar pero rolda os 56 radios terrestres de distancia co noso planeta. Isto é moi pouco, tendo en conta que cando está máis afastada da Terra (apoxeo), adoita estar a 64 radios terrestres”, explica Docobo. Isto queda reflectido con maior nitidez nunha eclipse total de lúa. “Se está no apoxeo non será capaz de tapar todo o Sol, e no perixeo si o fará”, engade.

A superlúa de cervo poderá ser observada no ceo a simple vista dende calquera parte do mundo, sempre e cando non abunde a contaminación lumínica. Ademais, poderase ver a transmisión en vivo da lúa chea saíndo sobre Roma entrando no Proxecto de Telescopio Virtual, hoxe pola tarde. A transmisión comezará ás 15.00 horas. En agosto verase a última superlúa do ano, a Lúa Esturión que alcanzará o seu punto máximo o 11 de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo na Artemis II: “Cando apareceu a misión no noso espectro foi unha celebración incrible”

O equipo de atlanTTic xerou dez terabytes de información en dez días de seguimento da cápsula Orión polo espazo profundo

A NASA revela as primeiras imaxes dende a cara oculta da Lúa

A tripulación da misión Artemis II captura fenómenos únicos como a 'posta da Terra', unha eclipse solar e detalles inéditos da superficie lunar

A tripulación de Artemis II pon rumbo á casa tras establecer o récord histórico de distancia coa Terra

A nave Orión atravesa a cara oculta da Lúa e establece unha nova referencia de afastamento de 406.733 quiómetros, superando en 6.000 a Apolo 13

Unha travesía á cara oculta da Lúa: estas son as mellores imaxes da misión Artemis

A tripulación afronta dez xornadas de voo profundo con fitos históricos, illamento de comunicacións e observacións inéditas do hemiferio non visible do satélite