Martín, que prefire empregar un nome ficticio, foi diagnosticado de Lyme hai máis dunha década despois de sufrir a picadura dunha carracha. Agora que a enfermidade está en auxe en Galicia, Fernández volve a estar baixo tratamento antibiótico a causa doutra picadura. Nun momento no que a taxa de infección das carrachas e a súa poboación aumentan, o seu é un caso máis dos que ocorren no país. Por sorte, os síntomas en ambas ocasións foron exclusivamente cutáneos, sen ter que lamentar tampouco a aparición da síndrome post Lyme.
Unha patoloxía descoñecida
A primeira vez que Martín foi diagnosticado non tiña ningún coñecemento sobre a enfermidade que lle permitira facer unha boa prevención ou un diagnóstico precoz: “Un día fun pescar á beira dun río e lémbrome de pillar carrachas, pero non o asociei a nada do que pasou despois”, algo que segundo os expertos é bastante común, xa que adoitan atribuírse os síntomas a un catarro ou a unha gripe.
Días despois deste incidente, algunhas persoas da súa contorna preguntáronlle que era aquilo que tiña nas costas, referíndose a unha roncha vermella e pequena que el aínda non vira. “Non me picaba nin estaba avultada, pero estando nesa zona eu non sabía canto tempo podía levar aí e tampouco imaxinaba o que podía ser, así que decidín ir ao médico de cabeceira porque estaba un pouco preocupado”, conta.
O eritema migrans é unha lesión exclusiva da enfermidade de Lyme
Así, nesa primeira visita médica, Fernández saíu cunha cita para a consulta de dermatoloxía, xa que o profesional que o atendeu “non lle deu moita importancia, pensou que podía ser unha rosácea. Aínda así, preferín asegurarme porque neste momento a roncha xa tiña o tamaño dun ovo”.
Foi precisamente nesta segunda visita cando a lesión chegaba a ocupar tanto como un prato pequeno, cando o paciente descubriu o que tiña: “O dermatólogo foi bastante espelido porque me preguntou se estivera en contacto con cans ou se tiña animais na casa. Así, lembreime do tema das carrachas e foi como me diagnosticaron o Lyme”.
Este diagnóstico visual foi posible grazas a esta roncha denominada eritema migrans, xa que, como explicaba a neuropediatra Esther Vázquez López a GCiencia nun artigo publicado recentemente, esta é unha lesión cutánea específica e exclusiva desta patoloxía. Unha vez feito e cun tratamento antibiótico a mancha desapareceu, sendo este o único síntoma que se fixo patente.
Algunhas dúbidas
Tras recibir este primeiro diagnóstico, Fernández comezou a buscar en internet as posíbeis consecuencias da enfermidade e outros síntomas que podían presentarse, entre eles, a coñecida síndrome post Lyme: “Naquel momento tamén fora famoso o caso de Avril Lavigne, que ademais tivera moitas secuelas, e foi cando comecei a saber máis sobre o tema”.
Esta síndrome caracterízase por manifestacións clínicas subxectivas que non poden comprobarse por medio de ningunha forma obxectiva, como as análises ou as probas radiolóxicas, polo que tampouco ten tratamento.
Así, unha vez superado o susto inicial, o paciente comezou a ter as súas dúbidas: “Hai moita información sobre a gravidade do Lyme, pero eu non tiven absolutamente nada máis que unhas manchas vermellas que nin doen nin pican. Non estaba seguro de se realmente tivera Lyme“.
Non obstante, hai que ter en conta que os antibióticos son unha cura contra esta enfermidade, na que os efectos máis graves adoitan presentarse en fases máis tardías e non na precoz, que é cando aparece o eritema migrans. Alén, no caso concreto da síndrome post Lyme, a neuropediatra Esther Vázquez López sinala que “está presente en menos do 10% dos casos, inclusive por debaixo do 5%”.
Unha segunda vez
Hai escasas semanas, a picadura doutra carracha puxo a Fernández en alerta sobre o Lyme, algo que se confirmou cando apareceu a primeira mancha: “Eu son moi afeccionado ao monte e teño unha horta na que paso bastante tempo. Cando vin que me picara puxen máis atención e como era tan parecido ao que me pasara a última vez xa fun directamente ao médico con iso na cabeza”.
Ter información sobre a enfermidade é fundamental para a detectala e engade tranquilidade aos pacientes
O tratamento nesta segunda vez tamén foi o mesmo: antibiótico durante 21 días. Ademais, Fernández tamén está pendente de realizar unha análise de sangue que confirme que non queda rastro da enfermidade.
Neste sentido, ter información previa sobre a enfermidade e o diagnóstico precoz foron fundamentais, xa que é nas fases intermedias onde adoitan aparecen outros síntomas da enfermidade como a menixite e a parálise facial, habituais en Galicia, e outros trastornos cardíacos, oculares, hepáticos ou renais, afectando tamén ao sistema nervioso central.
Alén, a nivel persoal, Fernández tamén se mostra máis tranquilo neste segundo diagnóstico, posto que xa viviu o proceso de curación e coñece cal vai ser a evolución do eritema.