A onda de calor deixa 57 falecidos en Galicia

O venres 15 e o sábado 16 foron os días nos que se rexistraron máis mortes, segundo o Instituto de Salud Carlos III de Madrid

Durante os episodios de onda de calor hai que extremar as precaucións.
Durante os episodios de onda de calor hai que extremar as precaucións.

Unha onda de calor intensa e prolongada conseguiu que se romperan todos os récords de temperaturas a semana pasada. Ourense, por exemplo, chegou a acadar os 44 graos de máxima e Galicia, por primeira vez na súa historia, experimentou “noites tórridas”, aquelas por encima dos 25 graos de mínima. Estas temperaturas extremas poñen en serio risco a saúde, provocando —entre outros— golpes de calor que poden derivar na morte. De feito, o Instituto de Salud Carlos III de Madrid (ISCIII), dependente do Ministerio de Sanidade, vén de actualizar os datos de mortes da última semana que poden ser atribuíbles á temperatura. As cifras dan conta da magnitude: Galicia rexistrou, dende o 10 ao 16 de xullo, 57 falecementos por esta causa.

O domingo 10 comezaron a ascender as temperaturas. Xa ese día, o ISCIII contabiliza catro mortes por calor; un número que se vai incrementando progresivamente ao longo de toda a semana. Os días con máis falecidos son, xustamente, os que coinciden coa recta final da vaga de calor en Galicia: o venres 15 e o sábado 16, con 12 e 14 mortes respectivamente. De todas formas, diversos medios como El País aseguran que os números poden seguir aumentando nos próximos días, conforme se fagan as actualizacións estatísticas oportunas. E é que a ferramenta do ISCIII, denominada MoMo, calcula o impacto das ondas de calor en función das series históricas de falecementos temperaturas.

Gráfico de MoMo, onde se rexistran as 57 mortes atribuídas á temperatura.

No caso de España, o número de mortes atribuíbles ás temperaturas na mesma franxa temporal ascende a 510. De novo, os días con máis falecementos volven ser o venres 15, con 123 mortes, e o sábado 16, que alcanza as 150. Unhas cifras moi elevadas que serven para alertar do impacto das vagas de calor na saúde, especialmente as que azoutan con tanta intensidade. De feito, o científico Jeff Masters, da National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) dos Estados Unidos, anunciou onte en Twitter que esta vaga de calor foi a duodécima máis mortal dende que hai rexistros. Segundo explica, baseándose nos datos da Internacionational Disaster Database (EM-DAT), rexistráronse 1.019 mortes entre España e Portugal. “Semellan mortes directas, non exceso de mortalidade”, indica o experto.

Unha situación cada vez máis frecuente

Malia que a onda de calor xa está a remitir en Galicia, os expertos advirten que este tipo de situacións serán cada vez máis frecuentes. E, polo tanto, tamén o risco para a saúde. O climatólogo e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé alertaba hai uns días en GCiencia do perigo das noites con temperaturas superiores aos 20 graos. E insistía en que uns valores tan elevados causan “estrés” no corpo. “Para as persoas que padecen enfermidades cardiovasculares e respiratorias isto pode ser un risco moi grande para a súa saúde e mesmo as persoas aparentemente sas poden tamén ter problemas asociados á falta de sono pola extrema calor”, engade o experto.

De feito, o investigador da USC, xunto á súa compañeira Margarita Taracido e outros científicos, desenvolveu un índice biometeorolóxico que dá a coñecer a magnitude das ondas de calor en España. É dicir, a súa ferramenta é capaz de relacionar a intensidade das ondas de calor coa mortalidade diaria por causas naturais, cardiovasculares e respiratorias. De feito, o propio Royé aseguraba noutra peza de GCiencia que “a intensidade é un indicador importante da súa letalidade”. “Non todos os días dunha destas vagas son igual de intensos, e que este fenómeno meteorolóxico pode ter efectos na saúde humana no mesmo día, pero tamén varios días despois”, continuaba explicando. Polo tanto, os datos que ofrece o ISCIII seguen a ser provisionais, á espera de futuras actualizacións.

Como afrontar as altas temperaturas

Ante un escenario desta magnitude, é imprescindible recordar unha serie de recomendacións que permiten sobrelevar mellor a calor abafante e, sobre todo, reducir riscos. Segundo un comunicado lanzado a semana pasada pola Xunta de Galicia, deberíanse beber máis líquidos do habitual, evitar alimentos e bebidas moi azucradas, comer froita e verdura e evitar comidas copiosas, vestimenta folgada e lixeira de cores claras, evitar as actividades físicas nas horas centrais do día, entre outras. Por suposto, será imprescindible extremar a precaución en persoas con risco de padecer episodios graves relacionados coa calor, como son os menores de 5 anos, persoas maiores e aquelas con enfermidades crónicas como diabetes, hipertensión arterial, obesidade, enfermidades respiratorias, cardiocirculatorias ou mentais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.