Galicia é coñecida por ter veráns máis suaves que no resto da Península. Pero este verán, máis ca nunca, os galegos coñeceron o que é a extrema calor. Aínda que xa escoitaramos falar do que os expertos denominan as “noites tropicais”, aquelas que superan os 20 graos de mínima, esta vaga de calor ensinou á poboación galega un novo termo, ata agora descoñecido: as “noites tórridas”. Isto débese a que as mínimas históricas nunca chegaran a superar os 25 graos de mínima na comunidade, realidade que será cada vez será máis habitual de cara a futuros veráns. “Irán a máis”, asegura Dominic Royé, climatólogo e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
De feito, esta semana as mínimas bateron récord en Galicia. A comarca de Vigo acadaba onte á noite máis de 26 graos de mínima. Porén, a máxima foi rexistrada en Santiago de Compostela, con 24,4 graos de mínima, feito que non ocorría dende o 23 de xullo de 1990, que fora de 23 graos. O resto de provincias tamén tiveron problemas para conciliar o sono na pasada madrugada “tropical” posto que, en xeral, superáronse os 20 graos de mínima en todas as provincias galegas.
Este tipo de noites anormalmente calorosas supoñen un risco alto para a saúde da cidadanía, converténdose así na maior causa de mortalidade por temperaturas extremadamente altas. Royé recollía nun estudo o aumento da mortalidade asociada a cada vez maior magnitude das vagas de calor. “Todo o mundo fala da mortalidade por temperaturas máximas, mais o risco tamén se atopa nas mínimas”, explica Royé. O estrés ao que se expón o noso corpo ao intentar regular a temperatura corporal á hora de durmir é un problema cada vez máis recorrente no noso país. “Para as persoas que padecen enfermidades cardiovasculares e respiratorias isto pode ser un risco moi grande para a súa saúde e mesmo as persoas aparentemente sas poden tamén ter problemas asociados á falta de sono pola extrema calor”, engade o experto.
Ademais, varios expertos advirten dos efectos que terá cambio climático nas nosas horas de sono, así como os riscos asociados ao empeoramento desta situación a nivel mundial. As estimacións apuntan que para 2099 as altas temperaturas nocturnas poderían provocar a perda de ata 58 horas de sono por persoa ao ano. “Co cambio climático imos ter cada vez menos horas de sono, o que incrementa a taxa de mortalidade, en xeral”, expón o investigador da USC. O aumento das temperaturas mínimas xoga un papel importante nesta problemática. “Estes días intentamos durmir e non o conseguimos, de forma que o noso corpo sofre. Para poder descansar, ten que baixar o ritmo cardíaco e o pulso e, se se consegue, comezan as consecuencias na nosa saúde. Non só un golpe de calor pode ser mortal”, conclúe.
Cando rematará esta vaga de calor en Galicia?
A vaga de calor suma xa o quinto día consecutivo de temperaturas anormalmente altas en Galicia. Pero, canto máis durará este abafante calor? Se a situación continuase, poderíamos incluso bater o récord de días de duración dunha vaga de calor na comunidade, xa que a máis duradeira foi no ano 2003, de 9 días. Porén, os expertos adiantan que non toda Galicia chegará a superar esa meta, posto que mañá será o último día desta onda de calor nalgunhas zonas do litoral galego. Esta fin de semana o ceo costeiro cubrirase de néboa e nubes, o que baixará bastante as temperaturas.
Ourense bateu o récord de máximas temperaturas o martes, con 43,3 graos
MeteoGalicia explica que zonas da costa luguesa, da coruñesa e da viguesa, o sábado e o domingo os termómetros marcarán cerca dos 25 graos. No interior da comunidade, a vaga de calor persistirá toda a fin de semana, e darase por concluída a partir do luns, cando as temperaturas volverán a ser as habituais para a época. Ademais, explican dende MeteoGalicia que “poderán caer algunhas choivas a entre o luns e o martes, nalgúns puntos do oeste galego. Pero non se prevén chuvascos xeneralizados na próxima semana”.
Chegando xa á súa fin, cómpre recordar que esta vaga de calor bateu nunha semana varios récords en Galicia. O pasado martes, segundo indica MeteoGalicia, Ourense bateu o récord de máximas temperaturas con 43,3 graos, pois non se chegara a rexistrar unha temperatura tan alta dende o 20 de xullo do ano 1990, de 42,6 graos. No día de onte a máxima absoluta acadábaa Vilamartín de Valdeorras, con 42,4 graos. Ademais, se contamos coa semana do 20 de maio, na que subiron moito as temperaturas, levariamos con esta última vaga ata catro episodios de extrema calor neste ano 2022.
No que respecta ao día de hoxe, ás 11 da mañá, os termómetros superaban xa os 30 graos en varios puntos da provincia de Pontevedra e Ourense. A cidade de Vigo rexistraba a esa hora 31,8 graos e Xinzo 33,8 de máxima. Por outro lado, O sur mantén unha temperatura máis suave: no sur de Lugo non superan os 25 graos e nalgúns puntos da Coruña aínda non chegaron aos 30 graos. Porén, o expertos prevén un xoves aínda caloroso, onde as máximas superarán en case toda Galicia os 35 graos e en zonas do Miño ascenderán dos 40 graos. “Haberá intervalos de nubes altas, incluso, algo de calima. Pola tarde, de maneira illada en zonas de montaña, haberá algunhas nubes que traerán algunha tormenta puntual”, prognostican dende MeteoGalicia.