O cambio climático reduce as horas de sono: durmiremos cada vez menos

Un estudo da Universidade de Copenhague estima que en 2099 as altas temperaturas nocturnas provocarían a perda de 58 horas de descanso por persoa ao ano

As vagas de calor son cada vez máis frecuentes e máis extremas. É difícil soportar as altas temperaturas durante o día, pero máis aínda durante a noite. A suor, a sensación de afogo e o ruído constante do ventilador son sensacións desagradables. Agora, un estudo realizado por investigadores da Universidade de Copenhague demostra que o cambio climático reduce as nosas horas de sono. Segundo os datos estimados, extraídos de miles de millóns de reloxos intelixentes en todo o mundo, xa estamos a perder cantidades substanciais: arredor de 11 noites ao ano durmimos menos a causa do cambio climático.

O escenario, lonxe de mellorar, seguiranos restando horas de descanso nocturno. As estimacións dos investigadores apuntan a que para 2099 as altas temperaturas nocturnas poderían provocar a perda de 58 horas de sono por persoa ao ano. Segundo o estudo, as persoas máis afectadas serían as mulleres, os maiores e os residentes en países de baixos ingresos, ao ter un acceso limitado ao aire acondicionado. De igual modo, as persoas que xa viven en países con climas cálidos perderán máis horas de sono por cada grao de aumento da temperatura. De feito, os investigadores advirten de que o cambio climático reducirá as horas de sono de maneira desigual e non afectará de maneira semellante ás diferentes rexións do planeta, o que derivará en máis desigualdades.

Publicidade

Máis de 47.000 persoas en 68 países

“Neste estudo proporcionamos a primeira evidencia a escala planetaria de que as temperaturas máis cálidas que o promedio reducen as horas de sono”, declara o autor principal do estudo e investigador na Universidade de Copenhague, Kelton Minor. “Demostramos que esta redución se produce, sobre todo, ao retrasar o momento en que a xente vai durmir e ao adiantar o momento en que espertan cando vai calor”, continúa explicando Minor en declaracións recollidas polo portal de noticias ScienceAlert.

Nas noites de sono máis cálidas, a duración do sono diminúe 14 minutos de media

No estudo, os investigadores aseguran que a perda de sono provocada polo aumento da temperatura “é evidente” en todos os datos demográficos. E é que a investigación contou coa participación de 47.000 persoas de 68 países. A maiores, os millóns de datos recollidos nos seus reloxos intelixentes comparáronse cos datos meteorolóxicos mundiais. Aí foi onde descubriron, por exemplo, que nas noites moi cálidas —máis de 30ºC— a duración do sono diminuía, de media, uns 14 minutos. De igual modo, as temperaturas nocturnas superiores a 25ºC aumentaban lixeiramente a probabilidade de durmir menos de 7 horas.

Repercusións na saúde

Os investigadores advirten de que seguiremos a perder horas de sono se non se toman medidas para reverter o cambio climático, como pode ser a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. O equipo da Universidade de Copenhague insiste en que a falta de horas de sono, aínda que non sexa moi perceptible no día a día, pode afectar a saúde física e mental a longo prazo, así como a produtividade das persoas. Ademais, aseguran que unha vez que se perden horas de sono é moi difícil recuperalas.

“O noso corpo está moi adaptado para manter unha temperatura corporal estable, algo do que depende a nosa vida”, explica Minor. “Cada noite fai algo extraordinario sen que nós nos decatemos: expulsa a calor do noso núcleo e contorna circundante dilatando os nosos vasos sanguíneos e aumentando o fluxo sanguíneo das nosas mans e pés”, apunta. Mais se a nosa contorna é máis cálida ca nós, o noso corpo non pode eliminar a calor mentres durmirmos; unha tarefa aínda máis complicada nas noites húmidas.

Se a nosa contorna é máis cálida ca nós, o noso corpo non pode eliminar a calor

Malia todo o anterior, os investigadores tamén recoñecen as limitacións do seu estudo. Recordan que o seu tamaño de mostra non é perfecto, posto que o tipo de persoas que fan uso dos reloxos intelixentes adoitan ser homes de mediana idade en países de altos ingresos. Polo tanto, as súas estimacións non deixan de ser unha predición e por iso conclúen que é preciso facer máis investigacións a escala planetaria que estuden, de forma sistemática, sobre o impacto que ten o aumento das temperaturas na redución de horas de sono, especialmente en colectivos vulnerables a este fenómeno e en residentes en países de baixos ingresos.


Referencia: Rising temperatures erode human sleep globally (Publicado en One Earth)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco consecuencias para a saúde pública da retirada de Estados Unidos da OMS

A retirada do país americano do organismo mundial implicará unha menor capacidade de enfrontar desafíos como pandemias ou a gripe A

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos

Mapas, datos e interface: así é o sistema da UVigo para afrontar chuvias extremas

Un método desenvolto no grupo Ephyslab calcula os caudais dos ríos e simula os asolagamentos ante precipitacións torrenciais

O cambio climático duplica a probabilidade de eventos tan extremos como o de Valencia

O primeiro estudo científico sobre a catástrofe de Valencia estima que estes fenómenos son un 12% máis intensos polo quecemento global