Memorizar longas series de números é posible: así é o sistema ideado por un galego

O investigador Ramón García Guinarte idea o Sistema de Intelixencia Numérica, baseado en estratexias mnemónicas e códigos numéricos

Ramón García Guinarte, o creador dun novo sistema de memorización numérica.
Ramón García Guinarte, o creador dun novo sistema de memorización numérica.

A memoria é un proceso moi complexo. Porén, a mente humana pode chegar a adestrarse de forma que memorizar series moi longas de números sexa posible para calquera persoa a través de estratexias mnemónicas baseadas nun código numérico. Deste asunto encargouse o profesor galego Ramón García Guinarte, director do Instituto de Neurociencia e Alto Rendemento, que ideou o Sistema de Intelixencia Numérica (SIN), baseado nun dos métodos de memorización máis famosos da historia, o método Alfanumérico, creado polo matemático francés Pierre Hérigone no século XVII, hai case 400 anos.

O SIN está baseado na aplicación da neurociencia ao alto rendemento e permitirá a calquera persoa, de calquera idade, memorizar grandes cantidades de números mediante a asociación de díxitos con imaxes sinxelas. Desta forma, incrementou a eficacia do antigo método Hérigone, que asociaba os números con letras e palabras, sistema que, ata agora, estaba limitado aos campións do mundo de memorización. A aplicación do novo método de García Guinarte fará posible o procesamento de números, sen dificultade, tanto por nenos como por adultos.

Despois do éxito alcanzado polo seu anterior método, o Sistema de Intelixencia Ortográfica (SIO), Ramón García Guinarte crea este novo proxecto arredor do desenvolvemento das capacidades da mente, recentemente publicado pola editorial Penguin Random House. O obxectivo do libro é o de dar a coñecer este sistema eficaz de memorización, adaptado a todos os públicos, así como adestrar a mente para o desenvolvemento das intelixencias múltiples.

Procesar os números en forma de imaxes

O libro de Ramón García Guinarte, atópase dividido en dúas partes. A primeira está destinada a profesores, nais e pais. Nas súas páxinas explícase a fundamentación do método, como funciona o cerebro e o que se vai producir nel ao adestralo mediante este sistema. Trátase dunha parte sinxela pero algo máis teórica.

“A nivel de memorización, para o cerebro os números non teñen un significado especial, a non ser que estean vinculados con algún acontecemento de especial valor emocional, son meras grafías que non lle resultan atractivas”, explica o investigador. Porén, calquera imaxe simple é recordada con maior facilidade na nosa memoria. Por ese motivo, García Guinarte simplificou o método orixinal de Hérigone, cambiando a asociación de números con letras pola de imaxes simples dotadas de vida.

“Este método desenvolve unha capacidade mental moi potente”

“O sistema é moi sinxelo. No libro damos as imaxes xa deseñadas, asociadas a cada número, do 0 ao 99. No método orixinal tiñas que buscar primeiro unha palabra que contivese esas letras equivalentes aos números que querías memorizar”, admite García Guinarte. “Por exemplo: Casa (C=7, S=0), para memorizar un número como 70, só tería que imaxinar unha casa. Se tivese que engadir máis números para recordar unha data, só tería que sumarlle outra imaxe e facer unha historia na miña mente”, engade.

Deste modo, calquera persoa poderá facer uso desta técnica, de forma rápida e sinxela. “Levo ensinando o Método Alfanumérico a alumnos, de todas as idades e cursos, durante máis de 25 anos. Agora, simplificámolo de forma que resulta aínda máis fácil, é un método que desenvolve unha capacidade mental moi potente“, asegura o investigador.

Como adestrar o noso cerebro

O segundo obxectivo do método de García Guinarte é o de adestrar a mente para o desenvolvemento das intelixencia múltiples. “Cando estás adestrando a mente para procesar números en imaxes, o que fas é interconectar os dous hemisferios do noso cerebro, xa que os números son procesados no esquerdo e as imaxes no hemisferio dereito”, explica o experto.

O que pretende este sistema é facer un cambio, ao transformar os números en imaxes. “Estamos xerando un traballo inusual para a nosa mente, e para que isto teña lugar, ten que crearse unha nova rede de sinapses neuronais, unha nova estrutura dentro da mente”, engade. Xerar novas estruturas que conectan os dous hemisferios é a base do desenvolvemento das intelixencias múltiples. Deste modo, na segunda parte do libro proponse unha especie de xogo para conseguir mellorar as interconexións entre ambos hemisferios.

“O que fai o neno é transformar toda a súa contorna en valores numéricos”

Canta maior interconexión hai no cerebro, maior é a comunicación entre as partes e, por conseguinte, maior capacidade de memorización e intelixencia. Para levar a cabo este adestramento, o autor combinou dous puntos: por un lado, a aplicación da memorización numérica en imaxes e, por outro, un xogo, que aparece ao final do libro. “Consiste en converter a túa realidade nunha especie de Matrix, é dicir, procesala ao revés, collendo os elementos do teu arredor e convertelos en números. O que fai o neno é transformar toda a súa contorna en valores numéricos, utilizando neste caso os valores do 0 ata o 9. Cada número correspondese con dúas letras (0 é a Z e a S, o 1 é a T e a E, etc)”, explica García Guinarte. Polo tanto, o SIN facilitaranos un adestramento mental codificando calquera número en imaxes e decodificando calquera imaxe nun número.

Novas fórmulas para combater o fracaso escolar

Ramón García Guinarte é profesor, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, pero tamén é un apaixonado no campo da mente humana. O director do Instituto de Neurociencia e Alto Rendemento non cesa a súa actividade investigadora, que iniciou cando estaba na universidade. “Durante moitos anos fun moi bo estudante, mais, pese a ter un expediente académico medio-alto, custábame moito esforzo estudar. Tiña un amigo que era un crack para os estudos, bastáballe con ler os apuntes e xa se lle quedaban na mente gravados”, conta o autor.

Cando comezou a súa segunda carreira, decidiu descubrir a explicación desas diferenzas de rendemento no almacenamento da información. Atopou a súa inspiración no autor inglés, Tony Buzan, un dos maiores especialistas no eido da memoria e o creador dos mapas mentais. “A miña vida académica cambiou para sempre. No meu último ano de carreira estudaba menos tempo que en primeiro de bacharelato e o meu expediente académico pasou a ser de sobresaínte”, admite o investigador. “Así comezou a miña fascinación polo funcionamento do cerebro e nunca máis o deixei. Levo máis de media vida investigando e impartindo clases sobre alto rendemento”, engade.

“Máis do 95% dos alumnos asocia o feito de estudar con sensacións negativas”

Ao longo destes anos, centrouse no estudo e na aplicación de gran cantidade de sistemas metodolóxicos que afondan no funcionamento da nosa mente. Recentemente, comezou a investigar o rendemento dos seus alumnos ligado ao seu gusto por aprender, pois detectou unha asociación negativa, a nivel emocional, co feito de estudar. “Basta con preguntar aos nosos alumnos, independentemente do seu nivel, que é o primeiro que se lles ven á mente, que senten cando pensan no feito de ‘estudar’ e as súas respostas deixáronos moi sorprendidos. Máis do 95% deles teñen asociado o feito de estudar con sensacións negativas: aburrimento, estrés, nerviosismo, asco…”, indica o profesor.

Esta asociación limita o rendemento dos alumnos, as súas ganas, a vontade e a súa capacidade de memorización. “O almacenamento de datos na nosa cabeza está controlado pola mente inconsciente, por un proceso de sinapses neuronais. Deste modo, se estudar está asociado a emocións negativas, a mente vaise resistir a reter información”, expón.

García Guinarte considera fundamental reprogramar esas vinculacións emocionais. “O ideal sería conseguir asociar o feito de aprender cunha emoción positiva ou, como mínimo, debería xerar unha sensación neutra”, alega. Este feito axudaría moito a todos os alumnos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.