Científicos da USC cuantifican o aumento da mortalidade nas vagas de calor

Margarita Taracido e Dominic Royé desenvolven un índice biometeorolóxico para coñecer a magnitude destes fenómenos en España

En época de vagas de calor, pasar dun día de baixa intensidade a outro de intensidade extrema pode incrementar o risco de mortalidade nun 173% en cidades coma Sevilla. No contexto de cambio climático, fenómenos meteorolóxicos coma este supoñen un perigo para a saúde humana que pode ser letal. Así o reflicte o estudo que vén de publicar un equipo interdisciplinar da USC, no que interveñen profesionais das áreas de Xeografía Física e Saúde Pública, e que relaciona a intensidade das ondas de calor coa mortalidade diaria por causas naturais, cardiovasculares ou respiratorias.

A investigación tamén recolle datos de Barcelona, Bilbao e Madrid entre 1990 e 2014. Nestas cidades, o risco de morte por causas naturais, nese suposto incremento de intensidade da vaga, ascende ao 78% nas dúas primeiras, e ao 83% na terceira. No referido á morte por causas respiratorias e cardiovasculares, o patrón é similar, aínda que con maior importancia nas primeiras. Dominic Royé e Margarita Taracido, profesores da USC, asinan este traballo, no que tamén participan Aurelio Tobías, do IDAEA-CSIC, e Raquel Codesido, do CIBERESP.

Publicidade

O traballo é pioneiro no uso do índice de vaga de calor EHF en relación á temperatura diaria aparente

Aínda que existen investigacións sobre o impacto das ondas de calor na saúde humana, poucas examinan a súa intensidade empregando índices biometeorolóxicos. “Este traballo é pioneiro no uso do índice de vaga de calor EHF (Excess Heat Factor) en relación á temperatura diaria aparente, e non só á temperatura diaria do aire”, explica Dominic Royé. A temperatura diaria aparente ten en conta a radiación solar, a humidade e a velocidade do vento. Así, os riscos estimados para as catro cidades analizadas resultaron máis elevados que en estudos previos baseados na temperatura do aire.

O innovador do índice EHF é que combina dous compoñentes. O primeiro compara a temperatura media de tres días coa temperatura promedio anual dese tipo de clima, para saber se ese período ten condicións de vaga de calor. O segundo compara a temperatura media deses tres días coa dos 30 días anteriores, para ter en conta o factor da aclimatación do corpo humano ao novo entorno térmico.

Publicidade

Os resultados da investigación amosan que, a partir de certa magnitude da vaga, a mortalidade aumenta de xeito exponencial, polo que “a intensidade é un indicador importante da súa letalidade”, aclara Royé. Ademais, os datos demostran que “non todos os días dunha destas vagas son igual de intensos, e que este fenómeno meteorolóxico pode ter efectos na saúde humana no mesmo día, pero tamén varios días despois”.

Comprender os elementos e características das vagas é fundamental para mellorar a protección da saúde pública no contexto do cambio climático, polo que “as políticas actuais deberían contemplar os diferentes riscos asociados a unha vaga de calor”, segundo o autor. Así, Royé sinala tamén a relevancia de considerar “escalas rexionais e locais, non só estatais”, á hora de estudar este tipo de fenómenos meteorolóxicos. Por último, subliña a necesidade de “avaliar a vulnerabilidade humana á calor, especialmente no contexto actual de envellecemento da poboación e cambio climático”.


ReferenciaHeat wave intensity and daily mortality in four of the largest cities of Spain (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A seca xa afecta o 79% de ríos galegos e o 15% presenta niveis extremos

Un visor interactivo creado polo investigador do CSIC Dominic Royé alerta da situación de secura no norte da Coruña, no paso do Ulla entre Pontevedra e Lugo e no sur de Pontevedra

Catro días de incógnita

Días antes da eclipse do 12 de agosto, a meteoroloxía e a nubosidade seguen a ser as preguntas máis frecuentes para asegurar a observación. Por Andrea Veiga

Que tempo fará o día da eclipse? Así apuntan as primeiras previsións para o 12 de agosto en Galicia

Os modelos apuntan a ceos maioritariamente despexados, aínda que nubosidade segue a ser a grande incógnita, cunha fiabilidade aínda limitada

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña