A vaga de calor desta última semana supuxo un risco alto para a saúde, podendo incluso causar a morte por extremas temperaturas. Porén, os afectados non somos só os seres humanos, senón tamén os animais quen sofren as consecuencias tanto ou máis ca nós. As vagas de calor son cada vez máis habituais e de maior duración, debido en parte ao cambio climático e os seu efecto no aumento da temperatura global do planeta. Estes episodios adoitan superar os cinco días consecutivos nos que, polo xeral, se acadan temperaturas por riba dos 30 graos. Desta forma, faise necesaria unha maior prevención e o seguimento de certas recomendacións para que chegue a afectar o mínimo posible á nosa saúde.
No caso dos animais pasa o mesmo. Os efectos das altas temperaturas no seu organismo poden chegar a ser moi prexudiciais, causando problemas como é o caso dos golpes de calor, no que o corpo é incapaz de controlar a temperatura e esta vai incrementándose ata, incluso, superar os 40 graos, segundo alerta o Ministerio de Sanidade. Desta forma, os síntomas que presentamos nós son moi similares aos dos animais: calor, sequidade, pulso rápido, confusión, entre outras. Ante esta problemática, que xa alertan que irá en aumento nos próximos anos, son varios os riscos que poden derivarse da sobreexposición á extrema calor por parte de distintas especies, tanto domésticas como salvaxes. Neste contexto, tamén lanzaron unha serie de recomendacións que poden seguir tanto os donos de animais domésticos como todos aqueles que queiran axudar a estas especies salvaxes que, en moitos casos, se atopan en risco por deshidratación.
Cans e coellos, entre os máis afectados
Os animais domésticos son os que máis axuda poden recibir durante as vagas de calor. Os seus donos deben vixiar o estado dos animais a diario, así como darlles os coidados extraordinarios que requiren nestes días do verán. Ángela González Martínez, veterinaria e investigadora do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da Universidade de Santiago (USC), explica os motivos polos que á calor pode afectar de maneira especial os cans, chinchillas, coellos e cobaias, comparado co resto de animais domésticos.
“O máis habitual é que cheguen a sufrir un golpe de calor, nos casos extremos, a sobreexposición pode provocarlles un shock e falecer”, indica a experta. As especies máis vulnerables ante esta situación son os cans de razas braquicéfalas, aqueles que teñan enfermidades respiratorias, sobrepeso ou os que sexan tanto moi novos como moi maiores. “Sabemos que están en perigo de morte cando teñen unha temperatura corporal moi elevada, se o animal está obnubilado, cambaléase ou presenta dificultade para moverse, cando vemos as mucosas moi secas e a lingua azul, entre outras”, engade. No caso de cumprir con estes síntomas sería necesario levar ao animal inmediatamente a un veterinario.
“Antes de sacalos a pasear deberiamos tocar o chan coa palma da man para ver se soportamos a temperatura”
ÁNGELA GONZÁLEZ, veterinaria e investigadora da USC
Ante esta situación, a veterinaria lanza unha serie de medidas que poden axudar moito os nosos animais á hora de combater a extrema calor, tendo en conta que as vagas poderán ser algo recorrente nos futuros veráns. “Entre as principais recomendacións está a de non sacalos ao exterior nas horas centrais do día. Aos cans mellor levalos a pasear ao anoitecer ou moi cedo, cando a temperatura é máis adecuada”, indica González. “No caso de que saia ao mediodía, terá sempre que ir polas zonas de sombra e o menor tempo posible”, engade. Outro problema asociado ás vagas de calor é o aumento da temperatura dos chan, debido ao tipo de materiais que conforman as rúas. “O asfalto estes días estaba a máis de 50 graos o que pode provocar queimaduras nas patas dos cans. Antes de sacalos a pasear deberíamos tocar o chan coa palma da man para ver se soportamos ben a temperatura e así evitar que dane os nosos animais”, advirte a veterinaria.
Cando xa estean na casa, é recomendable ter a disposición agua fría para que poidan manterse hidratados. “Ademais, no interior das vivendas deberían estar nas habitacións máis frescas, onde non se concentre a calor”, alega a investigadora. Algo moi importante durante os días de maior radiación solar e risco de altas temperaturas é non deixalos pechados nos coches ou galerías, xa que os cristais poden facer un efecto invernadoiro podendo, incluso, provocar morte por asfixia. “Tamén existen algúns elementos que se poden mercar para refrescar ás nosas mascotas, como é o caso das esteiras refrixerantes para os cans, ou tamén poñer acumuladores de frío dentro de latas para as gaiolas dos coellos, chinchillas e cobaias”, engade. Outra medida, que xa aplicaron varios zoolóxicos como o de Madrid durante esta vaga de calor, é a de conxelar a comida en cubos de xeo para que os animais poidan lambela e manterse hidratados e frescos.
Ademais, a nivel xeral, a experta recomenda que de cara ao futuro se pensen formas de paliar a calor tamén nos espazos exteriores, como podería ser a opción de habilitar máis zonas verdes nas cidades para que os animais poidan camiñar baixo a sombra das árbores e polo céspede, sen risco de queimar as patas ou de padecer un golpe de calor. Outra forma de axudar os animais de todas as especies sería o de construír máis fontes e zonas azuis para que poidan manterse hidratados e, incluso, onde poidan refrescarse e baixar a súa temperatura corporal cando vai máis calor.
Aves que caen dos niños pola calor
Pola súa parte Adega lanzou recentemente un comunicado denunciando a situación particular que viven os polos das gaivotas ao caer dos seus niños pola extrema calor, así como pedindo unha maior actuación por parte das administracións durante estas vagas de calor, cando chegan a afectar os hábitats de certas aves. “As gaivotas e os cirrios adoitan aniñar nos tellados ou nos ocos das tellas, zonas que gardan moito calor cando hai un episodio de altas temperaturas”, expón Ramsés Pérez, membro de Adega. “Moitos deses animais, que sofren estas altas temperaturas e que están alí arriba sen auga, acaban saíndo dos tellados porque non aguantan máis. É algo que aquí ata hai pouco non se daba, pero cada vez estas vagas van ser máis habituais en verán, debido ao cambio climático“, engade.
As persoas coñecedoras de aves abatidas, desorientadas ou doentes pola calor, deben chamar ao 112 ou ao centro de recuperación de fauna máis próximo
Ante esta crecente problemática Adega reclama unha maior atención por parte das administracións, así como a posta en marcha de protocolos efectivos que cheguen a reducir o risco de morte destas especies en verán. “Os animais que crían nos tellados vano seguir facendo polo que, en vez de axudarlles só no desenvolvemento da súa vida cotiá, deberiamos centrarnos en elaborar un protocolo para cando se dean estes episodios e así saber como actuar correctamente”, reclama Pérez. Deste modo, cando a cidadanía atope un polo fóra do seu niño, sabería que pasos seguir para devolvelo ao seu hábitat ou para protexelo da calor. Polo momento, no comunicado lanzado por a asociación ecoloxista indican que as persoas que se atopen ou sexan coñecedoras de aves abatidas, desorientadas ou doentes por efectos da calor, deben chamar ao teléfono de emerxencias 112 ou ao centro de recuperación de fauna de Galicia que teñan máis próximo.