Martes 23 Abril 2024

Sabes cal é a orixe do teu nome? Consúltaa aquí

A RAG lanza unha guía en liña con máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega

Uxía provén do grego e significa “ben nacida, de boa caste”. Brais vén do latín e a súa orixe está nun alcume romano que, coma tantos outros, podería facer referencia a un defecto físico. Eses tan só son dous exemplos recollidos na Guía de nomes galegos, un recurso, xa dispoñible en liña, onde se recollén máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media. Segundo explicaron esta mañá dende a Real Academia Galega (RAG), institución da que parte a iniciativa, en cada entrada da guía pode consultarse a orixe, o significado, a historia e as lendas dos personaxes que primeiro levaron o teu nome.

O repertorio antroponímico do galego, como acontece en todas as linguas, foise compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo. “A relixión, a literatura, a política ou préstamos doutras linguas son parte deles. No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral”, apuntou Ana Boullón, académica da RAG, durante a presentación da iniciativa, promovida dende o Seminario de Onomástica da institución.

Publicidade

Nomes silenciados nos rexistros e transmisión oral

Estes nomes silenciados nos documentos escritos nalgúns casos seguiron a empregarse como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, é dicir, nomes de lugar baseados en nomes de santos (UxíaTomé); e outro grupo conservouse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ao santo portador (Brais). O elenco recólleos xunto a nomes galegos que non teñen unha forma diferencial con respecto ao castelán ou outras linguas da Península Ibérica, como María (nome feminino máis frecuente dende que se conservan rexistros escritos) ou Manuel. Todos eles son antropónimos con presenza significativa en Galicia —en calquera momento dende a Idade Media—, un dos criterios que se tivo en conta para a confección da guía.

Os novos nomes: dos hipocorísticos aos nomes de lugar

O repertorio tamén inclúe, xunto ás formas tradicionais, moitos nomes novos que irromperon nos rexistros dende a eliminación legal da prohibición de escoller antropónimos galegos para os nenos, en 1977. É o caso de numerosos nomes de lugar (ÉzaroDeva, AldánXaloSarelaEume…) ou formas do léxico común (AreaEiraDorna), que ata daquela non foran empregados para nomear persoas. 

O recurso tamén inclúe antropónimos procedentes doutras linguas que se adaptan ás características do galego

Outra fonte importante foron as variantes familiares (hipocorísticos) que apareceron nas últimas décadas nos rexistros (CatuxaMaruxaXandreXela). Algúns deles, dado o considerable número de concorrencias que suman, segundo o Instituto Galego de Estatística, entran na guía como lemas propios.

Finalmente, o Seminario de Onomástica tamén considerou os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (Xeila ou Aixa). O repertorio é, en calquera caso, un elenco aberto, porque a creatividade segue a mostrarse en novos nomes que van aparecendo nos rexistros oficiais. Cóntase tamén coa participación da cidadanía para suxerir novas incorporacións, emendar deficiencias e incrementar a información das entradas.

Unha fonte de divulgación da historia e das lendas

Amais diso, a entrada de cada nome ofrece información etimolóxica, as equivalencias noutras linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes que se chamaron así. 

O Seminario de Onomástica prestoulles especial atención aos nomes de figuras importantes da historia e da mitoloxía galegas. “Consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular —española ou portuguesa— coa importancia que tivo o reino medieval de Galicia”, sinala o equipo na presentación da obra. E canda reis e raíñas como Afonso e Orraca, tamén abondan as referencias a persoeiros da cultura galega e universal (RosalíaBegoña CaamañoXela AriasCelso Emilio FerreiroGabriela Mistral ou Óscar Wilde) e mais a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.

Por último, a institución tamén anunciou que agarda ofrecer proximamente unha guía de apelidos, na que vén traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica, ”igual que traballa na actualización permanente do Nomenclátor”, engadiu Víctor F. Freixanes, presidente da RAG. Durante a presentación, e amais de Boullón, tamén estivo acompañado polo coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina.


Podes consultar a orixe do teu nome na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización