Máis do 91% dos rapaces galegos de 5 a 15 anos usa dispositivos dixitais

Un informe da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recolle que a porcentaxe ascende ao 99% na franxa de 10 a 15 anos

A meirande parte dos rapaces galegos xa emprega dispositivos dixitais.
A meirande parte dos rapaces galegos xa emprega dispositivos dixitais.

O nivel de dixitalización dos rapaces galegos en 2021 é “moi alto”. De feito, o 91,5% dos mozos de 5 a 15 anos empregaron dispositivos electrónicos no último ano. Unha cifra que ascende ata o 98,9% na franxa de 10 a 15 anos; de igual modo que descende a 81,6% nos máis pequenos, de entre 5 e 9 anos. Malia que as diferenzas de xénero “son mínimas ou nulas”, os rapaces adoitan ter acceso a algúns dispositivos antes que as rapazas. Así o recolle o informe Rapaciñ@s dixitais, publicado este luns polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

No documento, no que se analizan os usos dixitais de dispositivos electrónicos, como os móbiles con conexión a internet, os ordenadores e as tabletas entre a poboación máis nova, tamén se estuda que tipo de equipamento dispoñen nos seus fogares e centros educativos. Con todo, Galicia conta cunhas características sociodemográficas particulares, entre as que salienta un “avellentamento significativo”. Menos do 12% da poboación de Galicia é menor de 15 anos, sumando arredor de 310.000 rapaces, pero a súa concentración en determinadas áreas nas cidades ou nas provincias da Coruña e Pontevedra é aínda máis acusada que no caso da poboación global.

Un acceso maioritario a internet

Neste contexto, máis dun 90% de rapaces accederon algunha vez a internet e o 88,7% fíxoo nos tres últimos meses, un 2,5% máis ca en 2020. Este indicador acada o 97,9% entre os nenos de 10 a 15 anos. Ademais, os rapaces superan en 1,8 puntos porcentuais o uso de internet respecto das rapazas. De feito, prodúcese unha incorporación máis rápida dos rapaces á rede, xa que entre os 5 e 9 anos, os nenos avantaxan ás nenas en 6,3 puntos porcentuais no uso de internet. Porén, dos 10 aos 15 anos, a vantaxe desaparece e mesmo invértese lixeiramente a prol da rapazas (1 punto porcentual).

Os rapaces incorpóranse máis rápido á rede que as rapazas

No que se refire á frecuencia de uso de internet, cabe salientar que o 56,5% de rapaces de 10 a 15 anos xa navegan a diario varias veces. Se lles sumamos tamén aos que navegan 5 ou máis días á semana, obsérvase que un 78,5% de rapaces de 10 a 15 anos navegan 5 días ou máis á semana. Ademais, a convivencia con nenos en idade escolar é determinante no uso da rede, así o 96,9% destes fogares usaron internet nos últimos tres meses e superan en 10,2 puntos porcentuais aos fogares que non conviven con menores.

O informe tamén indica que en 2021, o 64,6% dos rapaces usou ordenador nos últimos tres meses e case todos o utilizaron para conectarse a internet. O móbil foi utilizado polo 59,4% dos rapaces de 5 a 15 anos e a porcentaxe supera o 75% na franxa de idade de 10 a 15 anos. Outros dispositivos móbiles, na maioría dos casos tabletas, con capacidade de conexión a internet foron usados polo 62,6% dos rapaces.

Riscos no uso da rede

Ante un uso cotiá, intensivo e cada vez máis temperán do uso das tecnoloxías por parte dos rapaces, a concienciación sobre un uso seguro e responsable das mesmas cobra cada día mais importancia. Un recente informe de Unicef a nivel estatal elaborado e colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, Fomación e Universidades, xunto con este departamento doutras comunidades autónomas, pon de manifesto aspectos como que as prácticas de sexting son cada vez máis habituais. O 25% recoñece que algún dos seus contactos enviou algunha vez fotos, imaxes ou vídeos persoais de carácter erótico ou sexual (sexting pasivo) e o 8,4% recoñece envialos eles mesmas (sexting activo). A cifra de presións para o envío deste tipo de material é incluso superior (9,8%).

En contraposición a estes riscos, só o 34,9% dos adolescentes sinala que os seus pais poñen algún tipo de normas ou límites sobre o uso da internet e/ou as pantallas; só o 28,2% limitan as horas de uso e o 13,7% os contidos aos que poden acceder. Por iso é preciso non só saber usar a tecnoloxía senón coñecer os seus riscos e contar con ferramentas para facer fronte aos mesmos, e que o contexto dixital sexa unha contorna saudable de formación, relación e desenvolvemento profesional.

Os fogares con nenos teñen máis aparellos electrónicos

Por outro lado, o 95,2% dos fogares onde residen nenos en idade escolar, dispoñen de ordenadores, superando á media do resto de fogares en 21,6 puntos porcentuais. A presenza de menores en idade escolar repercute de xeito positivo, non só na dispoñibilidade de ordenadores no fogar, senón tamén en todo o equipamento de tecnoloxías da comunicación nos fogares galegos.

A maior diferenza, de 32,6 puntos porcentuais, está na presenza de tabletas, netbooks e outros dispositivos portátiles diferentes aos ordenadores e smartphones, seguido dos ordenadores portátiles, cunha diferenza de 23,8 puntos porcentuais. Tamén no caso de altofalantes intelixentes e dispositivos de seguridade con conexión a internet, a presenza nos fogares con rapaces é case o dobre respecto aos fogares onde non residen nenos.

O 95,2% dos fogares con nenos en idade escolar dipón de ordenadores

O 99,6% dos fogares con nenos en idade escolar dispoñen de internet, 7,4 puntos porcentuais máis que o promedio. Galicia ocupa o cuarto lugar en porcentaxe de centros educativos con velocidade de conexión superior a 100 Mbps. Supera á media do estado en máis de 37 puntos porcentuais. No curso 2020-21, Galicia situouse no terceiro posto a nivel estatal na ratio de ordenadores por alumno nos centros educativos ao dispoñer dun ordenador por cada 1,7 alumnos, só superada por País Vasco e Estremadura. Galicia supera en 4,4 puntos porcentuais a dispoñibilidade de dispositivos interactivos dixitais, acadando o 70,2% e ocupando así o sexto posto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.