Os adolescentes cun uso intensivo da internet triplican as taxas de depresión

Un informe impulsado por Unicef, a USC e o CCII avalía o impacto e a relación que ten a rapazada galega coas redes sociais e as novas tecnoloxías

Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO. Crédito: Santi Alvite
Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO. Crédito: Santi Alvite

A presenza de internet no noso día a día xa é incuestionable. Revisar o móbil mentres comemos, imos en transporte público ou esperamos a coller o pan é unha rutina. E isto non é exclusivo dos adultos, senón tamén dos adolescentes. De feito, o 92% da rapazada galega ten un teléfono de seu con acceso a internet. Co gallo do Día da Internet Segura, que se celebra hoxe, Unicef Galicia, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), presentou Impacto da tecnoloxía na adolescencia en Galicia, un informe no que participaron máis de 3.000 adolescentes e no que se aborda, de maneira cuantitativa e cualitativa, a súa relación con internet.

“Os niveis de satisfacción coa vida e o benestar emocional son peores entre os adolescentes cun uso frecuente e intenso da tecnoloxía. De feito, as taxas de depresión son ata tres veces maiores”, apuntou o psicólogo e investigador da USC e responsable do estudo, Antonio Rial. A este respecto aclarou que non está demostrada unha relación causa-efecto, pero que si hai “unha asociación clara e indubidable en todos os sentidos”.

O 92% da rapazada galega ten un teléfono de seu con acceso a internet

Así o declarou nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Psicoloxía, e durante a que estivo acompañado pola coordinadora do Comité Galicia de Unicef, Irene Marín, e o presidente do CCII, Fernando Súarez, que dirixiu o soporte técnico do estudo. Este último subliñou que os adolescentes son un colectivo “especialmente vulnerable” porque, na meirande parte dos casos, non coñecen as pautas de uso da internet, non teñen referentes e “non saben a quen acudir” cando hai un conflito.

O uso das redes sociais

Máis polo miúdo, os datos demostran que o 90,8% dos adolescentes —os consultados neste estudo estaban a cursar a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)— se conecta todos ou case todos os días. E non só iso: o móbil convértese nun complemento imprescindible, posto que o 60% dorme co teléfono ao lado. Amais disto, dous terzos dos participantes levaban o dispositivo aos seus centros de estudo a diario. No que respecta ao uso de redes sociais, Rial subliñou que o 97,9% dos enquisados estaban rexistrados, polo menos, nunha plataforma. “Se ti, como pai, non queres que os teus fillos teñan perfil nas redes, corren o risco de ter certo nivel de exclusión social”, recoñece o investigador da USC.

Case o 98% dos participantes están rexistrados en, polo menos, unha rede social

Amais de todo iso, hai determinados datos que ofrecen unha radiografía máis detallada da realidade. “Seis de cada dez teñen máis dun perfil nas redes sociais. Pode que un sexa público, para que o vexan seus pais, e outro privado, para relacionarse cos seus iguais”, analiza Rial. O propio investigador definiu as redes como un “surtidor emocional”, ao tempo que enumeraba os motivos polos que os adolescentes acoden a elas. O primeiro é para facer amigos; o segundo, para non estar só; e o terceiro “para que se mostren realmente como son”. “De aquí extraemos que vivimos nunha sociedade hiperconectada pero que hai unha sensación xeneralizada de soidade na adolescencia”, apunta Rial.

Pero a dimensión vai moito máis alá e o uso das redes sociais pode derivar noutro tipo de riscos, segundo as cifras que aparecen recollidas no informe. Un 53,6% dos adolescentes enquisados contactaron con descoñecidos a través de internet, chat ou redes, e un 54,1% aceptounos en redes sociais. Amais disto, os propios estudantes perciben que os principais riscos da tecnoloxía son dous: sexting e o ciberacoso, sendo estas dúas prácticas cada vez máis habituais. Os datos reflicten esta realidade: 4 de cada 10 dos enquisados asegurou recibir algunha vez mensaxes de contido erótico ou sexual e 1 de 10 recibiu unha proposición sexual por parte dun adulto a través das redes.

Condutas aditivas

Outro dos aspectos que subliñou o investigador da USC foi a aparición de condutas aditivas sen substancia nos adolescentes, froito deste consumo intensivo das novas tecnoloxías. Estímase que 3.000 estudantes de ESO en Galicia xa apostaron algunha vez en liña —un número que se incrementa de maneira considerable nas apostas presenciais—. E non só iso: 1 de cada 10 adolescentes xa ten un problema de adición relacionado co xogo. Algo que tamén acontece co uso abusivo dos videoxogos. Finalmente estaría o uso problemático da internet, que aínda non está recoñecido como adición, afectaría a 1 de cada 4 adolescentes. “Isto está rigorosamente avaliado e xa é un problema de saúde pública”, enfatiza Rial.

Un de cada 10 adolescentes xa ten un problema de adición relacionado co xogo

De todas formas, os valores galegos son “lixeiramente inferiores” aos do conxunto de España. “Isto demostra que é un problema global e que aquí, en Galicia, estamos por debaixo porque probablemente non temos un perfil tan urbanita”, analiza o investigador da USC. De feito, os datos poden parecer esperanzadores, pero o uso indebido das novas tecnoloxías tamén está a derivar en problemas de convivencia, tanto na familia como entre iguais. “Un de cada catro ou cinco fogares en España xa teñen conflitos serios todas as semanas a raíz do uso de móbiles e tabletas. E as porcentaxes do ciberacoso xa ascenden ao 20%”, detalla o psicólogo da USC. De feito, Rial é taxante: “O papel da administración e das familias é pasivo”, ao tempo que reclamaba máis acompañamento, máis supervisión e máis control.

Unha realidade que require acción

Malia que as cifras representan unha realidade que require acción, a mensaxe que lanzan dende o CCII é clara: “O importante é non criminalizar a tecnoloxía”. O seu presidente, ao igual que Marín e Rial, defenderon a importancia de formar en competencias dixitais e en “competencias humanas”, de maneira que os adolescentes poidan estar máis acompañados á hora de usar as novas tecnoloxías. “Internet é a ferramenta máis democratizadora creada polo ser humano. Hai que usala seguindo principios e valores éticos para construír unha sociedade máis integradora”, subliñou Suárez.

“O importante é non criminalizar a tecnoloxía”

Pola súa parte, Marín lanzou unha pregunta que invita á reflexión: “Cando dedican tantas horas ás pantallas, que é o que están deixando de facer?”. Segundo enumerou a responsable de Unicef en Galicia, talvez iso afecte ao tempo que dedican ao lecer, ao deporte, ao debuxo ou incluso a relacionarse cos demais. En relación a isto, Rial puxo o foco nun “problema de xestión da tecnoloxía” que acaba derivando nun impacto emocional e de convivencia. “O ciberacoso, a sobreexposición das rapazas nas redes sociais, a necesidade dun feedback positivo… Iso condiciona a autopercepción persoal”, sinalou o investigador da USC. Co obxectivo de reverter estas cifras e diminuír o risco, os representantes de Unicef, o CCII e a USC téñeno claro: máis formación e máis acompañamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.