Diversa, nanotecnoloxía á carta para empresas e investigadores

A nova spin-off aplica unha tecnoloxía que permitirá desenvolver medicamentos de oncoloxía, enfermidades metabólicas e doenzas autoinmunes

A investigación en biomedicina en Galicia ten un novo motivo para os parabéns coa moi recente creación da spin-off Diversa, que nace dende o traballo realizado durante anos por moitos investigadores no grupo de Nanooncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS de Santiago, e que aposta por aproveitar as diversas posibilidades da nanotecnoloxía para facilitar a actividade tanto de empresas farmacéuticas como de investigadores.

Un dos produtos comercializados por Diversa.

A investigadora María de la Fuente, unha das fundadoras da nova spin-off xunto a Rafael López e Abi Judit Vázquez, explica que leva traballando no campo da manipulación da materia a escala nanométrica dende hai 20 anos. Diversa supón un paso cara adiante nunha tecnoloxía que permitirá desenvolver novos medicamentos que poderán aplicarse no campo da oncoloxía, das enfermidades metabólicas e nas doenzas autoinmunes e inflamatorias.

Publicidade

Este é tan so unha das vías de negocio que vai a desenvolver Diversa, outra será a posibilidade de ofrecer kits baseados nesta tecnoloxía aos investigadores para que eles mesmos podan adquirilos e testar as moléculas do seu interese. Unha terceira posibilidade é ofrecer ás farmacéuticas estes produtos para que poidan avanzar cara ao desenvolvemento dos seus propios fármacos.

O traballo de investigación realizado no IDIS durante varios anos permitiu o deseño dunha nanopartícula lipídica que funciona como transportador de moléculas. Trátase dun descubrimento que facilita que os fármacos cheguen á súa diana e iso ten múltiples aplicacións na industria farmacéutica.

Publicidade

María de la Fuente:  “Temos acordos de distribución en Europa e Reino Unido e traballamos para atopala en Xapón e Estados Unidos”

Dende o IDIS fixeron unha patente para permitir a creación de novos medicamentos usando esta tecnoloxía, pero ademais apostaron pola creación dunha spin-off que permitirá una comercialización máis axeitada dos produtos e tecnoloxías creadas. “Temos xa acordos para a distribución en Europa e Reino Unido e estamos a traballar para atopala tamén en Xapón e Estados Unidos. Dende o primeiro momento temos claro que hai que ter unha vocación internacional neste campo”, explica De la Fuente.

O camiño ata chegar á creación de Diversa foi longo e requiriu de moito apoio, sobre todo no campo da formación para un grupo de investigadores que necesitaban máis coñecementos da área de negocios para emprender este proxecto. As axudas chegaron dende Acis (Axencia do Coñecemento en Saúde), do programa Ignicia de GAIN, da oficina de transferencia do propio IDIS, de IncubaTech e de Bioga. “Todos os apoios foron fundamentais para facilitarnos aos científicos poder achegarnos ao mercado”, sinala a investigadora.

Apunta De la Fuente que o proceso de creación de Diversa demostra que Galicia se atopa nun momento óptimo para que se podan poñer en marcha este tipo de proxectos. “Contamos cun apoio institucional moi importante que non afecta so á capitalización, senón tamén a cuestións como a formación e a transferencia. En todo caso a investigación fundamental segue a ser moi importante porque sen ela non pode haber transferencia”, explica a investigadora.

Diversa é un novo exemplo do ecosistema de empresas e investigadores no campo da biomedicina en Galicia

Coa creación de Diversa cada vez é máis amplo o ecosistema de empresas e investigadores que actúan no campo da biomedicina en Galicia, un sector que ven crecendo de forma importante nos últimos tempos. “Cantos máis proxectos teñamos neste área moito mellor porque vaise creando unha rede e iso permite axudarnos entre nós. É moi bo que unha spin-off teña éxito porque beneficia a moitas outras do mesmo ecosistema”.

Diversa inicia un camiño que sen dúbida será complicado pola gran competencia que existe no sector pero o aval da investigación de calidade que se ven realizando dende hai anos neste terreo no IDIS é importante para ter éxito comercial. A biomedicina galega conta cun novo instrumento para chegar ao mercado internacional e facilitar solucións para os proxectos de empresas farmacéuticas e investigadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Anxo Fernández e Alana Aragón, galardoados no I Premio de Investigación en Saúde Transfronteirizo

Os proxectos “E-consulta avanzada de Cardioloxía” e “RENACE” obtiveron distincións

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Adeus ás tarefas de oficina: un proxecto galego quere automatizalas

O proxecto Itdp nacido no centro tecnolóxico Gradiant procura desenvolver unha ferramenta que facilite a análise de determinado tipo de documentación e evite a realización manual de tarefas de cribado de información

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal