Olvidados da nova Lei da Ciencia: os investigadores sanitarios esixen igualdade

Os contratados no sistema de saúde reclaman que se regularicen as súas condicións laboráis para frear a precariedade

A futura da Lei da Ciencia segue sen contentar a todas as áreas de investigación. Se hai unhas semanas a reivindicación principal das organizacións científicas era que a reforma non contemplaba a indemnización de máis de 15.000 mozos investigadores ao finalizar o seu contrato, as protestas seguen, agora pola posiblidade de deixar fóra a unha parte do persoal investigador sanitario.

A coordinadora do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), María Mayán, aplaude o obxectivo xeral da lei, no que toca a procura de frear a precariedade na investigación científica. “O problema é que coma sempre, deixa fóra aos investigadores hospitalarios, que en Galicia somos aproximadamente 50 persoas”, lamenta.

Publicidade

A nova Lei da Ciencia, a todo correr

O investigador do Instituto de Investigacións Sanitarias Galicia Sur Carlos Spuch participou nas negociacións da lei, en calidade derepresentante da Confederación Intersindical Galega (CIG). Para el, o motivo polo que o Ministerio de Ciencia e Innovación quere sacar o texto “a toda présa” é “polas presións que España está a recibir dende Bruselas para mellorar a situación de precariedade do persoal investigador”.

Segundo Spuch, aínda que o anteproxecto cita por fin á investigación sanitaria dentro dos órganos estatais adicados á investigación, o “grave defecto” que ten é que segue sen desenvolver as diferentes categorías científicas da especialidade, polo que “segue sen haber regularización para o persoal investigador desta área”.

Publicidade

A solución a esta eiva sería, en pinión de Mayán, dunha banda, mencionar explicitamente ao persoal investigador hopitalario sen actividade asistencial no artigo 85 da lei, que regula as actividades investigadoras nos centros do Sistema Nacional de Saúde. Doutra, desenvolver de forma específica as súas condicións laborais. “A nova lei é unha oportunidade, pero deixa de lado á investigación hospitalaria sen actividade asistencial e iso é un problema, porque a xente moza xa non quere seguir pelexando e prefire tirar por outras vías”, sinala.

Mayán: “Os investigadores sanitarios estamos sen regularizar, sen carreira investigadora, con salarios precarios e sen estabilidade laboral”

En palabras de Mayán: “Os investigadores dos hospitais estamos sen regularizar, sen carreira investigadora, con salarios precarios e sen estabilidade laboral. É unha vergonza que non se regule a situación”. Ao que Spuch engade que un dos graves problemas que hai é que, por exemplo, no Servizo Galego de Saúde (Sergas) non existe a categoría de “investigador” á hora da contratación, o que supón que para empregar a alguén para ese posto teñen que usar outras figuras como a de técnico ou especialista, “o que invisibiliza ante a lei ao persoal investigador sanitario”.

Na actualidade, os investigadores hospitalarios están contratados ou por fundacións biomédicas —subcontratados— ou polos servizos sanitarios da Comunidade Autónoma —aínda que non na categoría de investigador—, con diferenzas de condicións laborais e salarios entre eles, o que implica que non hai homoxeneidade para o mesmo posto de traballo nin a nivel autonómico nin nacional, nin se aplican trienios ou sexenios.

Outro dos problemas de non ter unha praza estatutaria, segundo Spuch, é que por exemplo no Sergas o persoal investigador contratado nestas condicións non ten acceso ás bases de datos, polo que teñen que depender dos seus superiores para poder realizar as investigacións.

A esperanza

Spuch afirma: “É necesario que se faga esta reforma de lei para que logo se poidan modificar os artigos respectivos dentro do Ministerio de Sanidade, e posteriormente se vaia ás Comunidades Autónomas e se empece a desenvolver unha regularización específica para cada perfil do persoal investigador sanitario”. Pero se o Ministerio de Ciencia non fai iso, “non dá o paso a que se abra camiño para os investigadores hospitalarios, que seguirán quedando no limbo”.

O representante da CIG nas negociacións da reforma acepta que resultará moi complicado que haxa modificacións neste eido no trámite de audiencia pública e que “agora mesmo as esperanzas están en que haxa presión por parte da oposición e se modifiquen as deficiencias da lei en trámite parlamentario”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida

O Sergas empregará IA para apoiar a análise de imaxes clínicas

O obxectivo é examinar anualmente 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 de cribados citolóxicos, 100.000 probas oftalmolóxicas e 40.000 para a detección de cancro de mama e próstata

SHARE, o Netflix dos profesionais galegos da saúde, esténdese agora aos cidadáns

A plataforma permitirá aos pacientes afondar no coñecemento da súa enfermidade e promover o autocoidado

Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade