O I Certame de relatos curtos A muller e a nena na ciencia xa ten gañadora: a alumna do IES Valle Inclán, Claudia Veiras Troitiño (15 anos), polo seu traballo Pequenas accións, grandes resultados. O certame forma parte das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra, en colaboración con GCiencia, co gallo do 11 de Febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
O xurado valorou a orixinalidade do texto —unha historia de superación dunha nena africana e de compromiso cos seus—, a capacidade expresiva da narradora, a posta en valor da ciencia como ferramenta de progreso e mellora de vida das persoas e da comunidade e a denuncia da loita desigual das mulleres para acadar os seus soños.
Os premios entregaranse o venres no encontro de divulgadoras científicas que se celebra no Pazo da Cultura
Reunido na tarde do luns, o xurado decidiu outorgarlle o 2º premio do concurso a Julia Martínez Losada (15 anos), tamén alumna do IES Valle Inclán, polo seu relato Loitar para triunfar, no que interpela directamente ao lector sobre o nesgo de xénero, pero tamén de clase e de raza na ciencia.
Por outra banda, o 3º premio é para Carmen Portela Medraño (16 anos), alumna do IES Frei Martín Sarmiento, polo seu relato Empeño e ambición fan os soños realidade, unha reflexión sobre as dificultades que enfrontan as mulleres que queren adicarse a ciencia, feita a partir da vida de Rita Levi-Montalcini.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presidiu o xurado do Certame de relatos curtos A muller e a nena na ciencia, do que formaban parte as cientificas e divulgadoras Paula Otero e Carmela Cela, a profesora de Bioloxía Rocío Ledo e Begoña Márquez, xornalista de GCiencia.
Premios para as gañadoras
Os premios que recibirán as gañadoras foron cedidos pola empresa galega Primux, colaboradora no certame, e son os seguintes: unha Tablet Primux Siroco Y (1º premio), uns Altavoces Primux SK21 2.1 negros (2º) e un Powerbank Primux 2600MAH Portátil (3º).
Entregaranse o vindeiro venres 11 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra onde terá lugar, ás 12 horas, o Encontro de Divulgadoras Científicas, acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Encontro de Divulgadoras e Roteiro
As científicas Carmela Cela (Ecos de Xigantes), Alba Aguión (blog) Paula Sánchez (Ciencia e Tal,) Andrea Muras ( Ciencia miúda ) artellarán fronte a un público maioritariamente xuvenil —alumnas e alumnos de ESO, Bacharelato e FP, aínda que será aberto ao úblipco— un coloquio sobre as súas experiencias ao redor da divulgación: as novas canles de comunicación (YouTube, Twitch, plataformas streamming…), o achegamento do coñecemento á xente nova e a sociedade xeral, o nesgo de xénero na ciencia e tamén no eido da divulgación, a promoción das vocacións científicas entre as nenas, entre outros asuntos.
Os actos do 11 de Febreiro continúan en Pontevedra co roteiro “A pegada de mulleres cientificas en Pontevedra”, que terá catro quendas: os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e 5 de marzo. Sairá ás 11.00 horas do Xardín de Belas Artes. Permitirá coñecer a investigadoras como Inmaculada Paz Andrade, Alicia Estévez Toranzo, Alicia Crespí González, Isabel Aguirre Úrcola ou a presenza na cidade de Concepción Arenal.
O roteiro vai dirixido ao público xeral (+ 12 anos) e para participar é preciso inscribirse na web www.apuntate.pontevedra.gal