Venres 1 Marzo 2024

Atopada por primeira vez unha estratexia para previr a leucemia infantil

Un estudo internacional con participación española describe unha vía para impedir que mutacións por estrés desemboquen en leucemia linfoblástica aguda

A leucemia linfoblástica aguda de células B (B-ALL, polas súas siglas en inglés) é a forma máis común de cancro infantil, así como a maior causa de morte en relación a este en crianzas. No camiño para paliar os seus devastadores efectos, un equipo internacional con investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) demostrou por primeira vez en ratos unha novidosa estratexia que prevén o desenvolvemento da doenza.

Este traballo, no que participou o grupo do investigador Isidro Sánchez-García, do Centro de Investigación do Cancro (CISC-Universidade de Salamanca) e Carolina Vicente, investigadora vinculada ao grupo de pediatría clínica do Instituto de Investigación Biomédica de Salamanca (IBSAL-Hospital de Salamanca), foi desenvolto en colaboración co St. Jude Children’s Research Hospital (EEUU) e o Novartis Institute for BioMedical Research (Suíza).

Publicidade

A condición preleucémica silenciosa

Como en moitos outros tipos de cancro infantil, existe unha fase preleucémica latente. Así, un 5% de nenos sans presenta, desde o nacemento, alteracións xenéticas nas células B, localizadas no xene PAX5, que os predispoñen a desenvolvela. Con todo, e xa que esta predisposición xenética non desencadea, por si soa, a enfermidade, a condición preleucémica clínicamente silenciosa non evoluciona na gran maioría dos casos.

Porque, amais desa alteración inicial dos xenes, débense producir outras mutacións secundarias para que se xere a leucemia. Estas mutacións poderían estar causadas por un estrés inmunitario, reacción atribuíbel a determinadas infeccións. “A condición previa para o desenvolvemento da enfermidade é que o xene PAX5 estea mutado, pero a progresión da mesma non se presenta ata que o estrés inmunitario facilite a aparición de mutacións na vía de sinalización celular JAK/ STAT”, precisa o investigador Sánchez-García. “Polo tanto, a leucemia infantil podería previrse se se evitase a aparición destas mutacións secundarias”.

Impedir as mutacións secundarias

As mutacións iniciais son máis complexas de “corrixir” debido a que se producen nos óvulos ou esperma dos proxenitores. Logo, o estudo utilizou un enfoque preventivo para dirixirse a esas mutacións secundarias e impedilas. Desta forma, se se logran frear estas mutacións secundarias, aínda que as células conteñan a mutación inicial do xene PAX5 e exista predisposición xenética, poderíase bloquear o desenvolvemento da leucemia.

“Neste traballo fornecemos un fármaco (ruxolitinib) a ratos co xene PAX5 mutado, no momento de exposición á infección que xera o estrés inmunitario, co fin de erradicar as células preleucémicas”, explica o investigador do Centro de Investigación do Cancro. O fármaco inhibe a vía de sinalización JAK1/2, evita as mutacións secundarias e elimina de maneira específica ás células B preleucémicas (coa mutación do xene PAX5) sen afectar as células B normais.

Un enfoque preventivo

Se ben non se espera que o tratamento con ruxolitinib sexa quen de curar a doenza, os resultados do estudo proporcionaron a primeira evidencia in vivo de que esta estratexia é capaz de previr o desenvolvemento da leucemia linfoblástica aguda de células B. En concreto, de 29 ratos que recibiron o fármaco ruxolitinib, só un desenvolveu a enfermidade. Pola contra, dos 34 animais expostos á infección pero sen medicación, oito desenvolvérona.

Segundo apuntan no estudo, o enfoque clínico requirirá axeitar a intervención á xanela temporal máis adecuada e dun xeito adaptado á crianza. Amais, este enfoque preventivo podería aplicarse a outros casos de susceptibilidade xenética á leucemia infantil nos que as mutacións secundarias presentes nos estadios leucémicos guíen a identificación de vulnerabilidades dentro da poboación de células B preleucémicas. Ademais, esta descuberta apoia unha maior investigación dos enfoques específicos dirixidos a eliminar ás células B preleucémicas como medio para previr a aparición da leucemia linfoblástica aguda de células B.


ReferenciaTransient inhibition of the JAK/STAT pathway prevents B-ALL development in genetically predisposed mice (Publicado en Cancer Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Un equipo de Vigo establecerá as zonas de especial protección dos cabaliños de mar

O Instituto de Investigacións Mariñas avaliará durante dous anos o estado das poboacións salvaxes destes animais mariños no litoral español

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'