O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

40 graos en Ourense, noites tropicais en Vigo, vagas de calor nos que a trintena se supera en toda Galicia. A evidencia saíu fóra das hipóteses de estudos e análises e preséntase como unha realidade cuxos efectos xa se ven —e se levan vendo durante anos— e se sofren en todo o territorio galego, nacional e mesmo global. Dicir que ‘vai calor’ é unha constante que se repetiu nas semanas de transición entre xuño e xullo. Xa se converteu no complemento sonoro destas datas e, como tal, leva os últimos anos impoñéndose sen descanso entre a rutina da sociedade. A escala deses episodios deixa un dato preocupante: datos da reanálise ERA5 apuntan que o promedio térmico do verán galego de 2021 a 2025 é 1,8 graos superior á normalidade climática de referencia do periodo entre 1961 e 1965. Noutras palabras, o verán en Galicia queceu 1,8 graos nos últimos 60 anos.

Este dato non é banal. O investigador Ramón y Cajal da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) Dominic Royé explica que esta información non debe ignorarse: “Cada décima que subimos significa un impacto maior“. Royé sinala que a “nova normalidade climática” cara á que avanza o planeta está marcada por récords que non se superan por décimas, senón por varios graos.

Publicidade

O investigador toma datos da reanálise ERA5 (vía Open-Meteo), agregados a nivel de Galicia, e elabora unha representación gráfica que amosa a subida dos termómetros co paso dos lustros. Royé confirma que este fenómeno non é exclusivo do territorio galego, senón que, en diferentes niveis, está presente en todo o mundo. “España subiu 1,75 graos dende 1961. Ademais, o quecemento prodúcese de xeito diferente entre o ambiente oceánico e o continental”, conta o investigador.

O cambio climático, responsable da subida

“O aumento das temperaturas é o resultado do cambio climático e está causado polas emisións de gases de efecto invernadoiro, principalmente o CO2“, explica o investigador do CSIC. En concreto, apunta que a temperatura media global está fortemente influenciada polo cambio climático antropoxénico, é dicir, o quecemento do planeta derivado das actividades humanas.

Publicidade

Royé sinala que, non obstante, debe tomarse en conta que este efecto é necesario para manter certos niveis térmicos: “Se non existira o efecto invernadoiro, estariamos a -30 graos de media. O problema está en que hai un desequilibrio entre a cantidade de gases e a temperatura que temos. Houbo un momento no que comezamos a modificar masivamente as emisións, e, con iso, potenciamos o efecto”.

O investigador do CSIC sinala que o incremento térmico non só se percibe no cambio da media, senón que a propia distribución dos eventos meteorolóxicos está cambiando: “Hai que fixarse nas ‘colas’ das gráficas [os tramos máis á esquerda e a dereita]: hai extremos que nunca antes se rexistraran“, engade.

O aumento en continentes e océanos

Dominic Royé sinala que o quecemento non se produce do mesmo xeito en todos os lugares: “A maior parte dos aumentos atópase en zonas polares. É importante diferenciar as masas continentais e as oceánicas“. Dende Copernicus explican que a temperatura global incrementou, de media, 0,26 graos por década. Porén, a situación en Europa e no Ártico é moi diferente: “O ritmo do quentamento [nestas zonas] é máis do dobre da media global“, sinalan no programa de monitorización.

Copernicus indica que a temperatura en Europa subiu 2,4 graos dende niveis preindustriais, unha cifra que chega aos 3,3 graos para o Ártico. Poñen o foco na diferenza entre a suba que experimenta o solo fronte á auga: “As áreas en terra quecen máis rápido que os océanos debido a que estes teñen unha capacidade maior de absorción de calor”, indican.

Os efectos da calor extrema sobre o clima

Royé lembra que o aumento na temperatura non só se reflicte nas estatísticas, senón que ten un impacto real nos fenómenos atmosféricos e na saúde da poboación. “Por unha parte, temos eventos meteorolóxicos máis extremos, que se presentan con máis frecuencia e son máis duradeiros: ondas de calor como a destes días, pero tamén secas ou precipitacións extremas”, declara o experto en cambio climático.

Resalta que esta situación non só vai da man dunha importante variación térmica: “Tamén afecta o ciclo da auga. A calor fai que haxa máis humidade dispoñible na atmosfera. Temos características máis tropicais. A chuvia concéntrase en menos días e é máis intensa“, aclara. Estas alteracións no patrón natural das precipitacións provocan que repentinamente poida deixar de chover e que se sucedan varios meses moi secos. O exemplo, segundo o investigador, está ben preto: “Dende finais de maio case non choveu“.

O impacto na saúde

Así, mentres o termómetro oscila entre os extremos e a poboación salta do tempo máis fresco ás temperaturas abafantes, a saúde reflicte a influencia das anomalías. “Vemos o impacto do cambio climático no aumento das alerxias, porque se amplían os días de verán”, di Royé. Outras formas que ten a calor de actuar sobre o benestar físico —aínda que por vías máis indirectas— son a maior propensión a incendios e o impacto da temperatura en vectores —como os mosquitos— que poden transmitir enfermidades como o dengue e a malaria e que aumentan a súa actividade en climas calorosos.

“Ademais, hai que ter en conta que o calor xeral extremo xoga tamén un papel en afeccións cardiovasculares“, engade o investigador. Un estudo liderado polo CSIC e asinado, entre outros, polo propio Dominic Royé chegou á conclusión de que as noites calorosas están asociadas cun aumento de ata o 3% da mortalidade. As temperaturas nocturnas elevadas impiden o correcto descanso do corpo, que non pode recuperarse do estrés térmico diurno e, en consecuencia, agravan afeccións cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas. “As noites cálidas son un sinal moi evidente do quecemento en Galicia. Antes eran moito menos frecuentes e agora xa son normais nas Rías Baixas e no Val do Miño“, asegura o experto en cambio climático.

A conclusión destes indicadores é clara: a calor está para quedar, e mesmo ir a máis. “Seguiremos aumentando, estamos no camiño. Cada vez veremos máis extremos, e os anos serán máis cálidos e secos”, conclúe Royé.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia