Domo de calor, máximas de 40 graos e ventos do sur: as claves do tempo en Galicia na fin de semana

MeteoGalicia indica que o sur da comunidade será o máis afectado, en especial a zona de Ourense

As previsións meteorolóxicas confirman que as elevadas temperaturas que abafan Galicia se manterán durante os próximos días, con valores xeneralizados por enriba dos 30 graos e mesmo máximas de 40 previstas nalgunhas áreas. Dende MeteoGalicia sinalan que non falan dunha vaga de calor, senón dun episodio: “Unha onda de calor ten unha duración determinada, de polo menos tres días, e afecta unha área xeograficamente ampla. Polo momento, referímonos a un episodio de calor, en tanto que as temperaturas máximas e mínimas superan limiares seguros”. Atribúen esta situación á presenza dun domo de calor complementado coa persistencia dun anticiclón e a chegada de masas de aire quente do sur.

A axencia meteorolóxica explica que aínda non se pode determinar a duración deste evento. Así e todo, apunta que se manterá, ‘con total seguridade’, no sur durante a tarde de hoxe. “Ademais, o sábado e o domingo aínda agardamos unha calor xeneralizada. O luns e o martes podería permanecer no interior, pero as brisas atlánticas e as brumas irían suavizando as temperaturas polo litoral”, explican.

Publicidade

Un domo de calor, o responsable dos valores térmicos

MeteoGalicia sinala un domo de calor como o principal causante de que os termómetros superen os 30 graos en boa parte de Galicia. “Temos un anticiclón sobre nós e veñen masas de aire moi cálidas dende o sur da península e África“, aclaran. Dende a axencia explican que as altas presións inhiben os movementos verticais e comprime a atmosfera nos niveis máis baixos, o que contribúe ao aumento térmico.

Así, agárdase que o que resta de xornada sexa seca e solleira, con máximas altas en todo o territorio. Prevese que Vigo e Ourense cheguen aos 38 graos, Pontevedra quede en 37, Santiago de Compostela en 31, e Lugo, Ferrol e A Coruña permanezan por debaixo dos 30 graos, coas dúas primeiras en 28 e a terceira en 27. Estas temperaturas fan que boa parte de Galicia se atope baixo alerta vermella polo risco que supoñen os elevados valores.

Publicidade

A fin de semana, máis calor

O sábado aumentan as temperaturas: Meteogalicia sinala que todo o territorio galego superará os 30 graos. En Ourense, de feito, agárdase chegar aos 40. Esta calor diurna virá acompañada, en Vigo, dunha noite tropical na que a mínima prevista será de 21 graos. A situación non mellorará o domingo: o norte terá valores superiores aos 30 graos e a meirande parte do sur de Galicia estará por enriba dos 35, de novo prevendo o maior golpe en Ourense, onde se esperan 40 graos de máxima por segundo día consecutivo. As provincias de Pontevedra e A Coruña terán mínimas que rondarán o limiar dos 20 graos, que, de novo, se superarán en Vigo, polo que se confirmaría unha segunda noite tropical na área.

O luns haberá un lixeiro respiro que, non obstante, aínda contará con valores máximos que se manterán por riba dos 30. A noite será un pouco máis fresca en toda a comunidade, agás en Ourense, onde a temperatura mínima será de 19 graos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura