A UVigo deseña un modelo para predicir os efectos do cambio climático na biodiversidade

Un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra desenvolve un sistema capaz de propoñer melloras que reduzan o risco de incendios e inundacións

“A biodiversidade global está experimentando unha rápida diminución, impulsada en gran parte polos cambios no uso da terra e o cambio climático”. Así é como o grupo AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo) pon de relevo a problemática que centra o proxecto Resilient2Change. Esta iniciativa ten como principal obxectivo o deseño dun “modelo de predición e explicación” dos efectos sobre a biodiversidade tanto do cambio climático como das variacións que poidan darse no uso do solo, como a conversión de zonas forestais en agrícolas ou o abandono de terras.

Partindo do traballo con imaxes por satélite, os investigadores traballan no desenvolvemento de algoritmos que comprendan un conxunto de variables climáticas, antropoxénicas, territoriais ou ambientais. “Poderiamos analizar como as alteracións dalgunha delas pode afectar ás outras e, polo tanto, á conectividade ecolóxica dese territorio”, sinala Xana Álvarez, investigadora principal deste proxecto. O desenvolvemento destes “modelos preditivos” faría posible non só avaliar a posible perda de biodiversidade, senón tamén o impacto que poderían ter eses cambios nos ecosistemas, “especialmente o risco de inundacións e incendios”, o que á súa vez permitiría definir propostas de actuación dirixidas a mitigar os seus efectos.

Publicidade

Seleccionado na convocatoria de proxectos de transición ecolóxica e dixital do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Resilient2Change pon o foco na necesidade de xerar “unha rede natural coherente e resiliente”, como “unha das ferramentas de conservación da biodiversidade máis poderosas”. Xunto a Álvarez, nesta investigación participan tamén os integrantes do grupo AF4 Carolina Acuña, Mario García, Carlos Peco, Diego Barba, Enrique Valero, Luis Ortiz, Pedro Lago e Juan Luis Rodríguez, así como os investigadores do grupo Ecosot Juan Vidal e María Gómez. 

Análise das alteracións presentes e futuras

O uso de imaxes por satélite, explica Álvarez, permite tanto “diminuír o esforzo e os recursos en campo” á hora de analizar unha determinada zona como “abranguer grandes superficies do territorio nunha mesma análise”. A estas súmase a utilización de sistemas de información xeográfica cos que abranguer un conxunto de variables climatolóxicas, biolóxicas, territoriais ou antropoxénicas, e de ferramentas de intelixencia artificial para “a análise de grandes bases de datos”, apunta. 

O obxectivo é definir un “modelo de predición e explicación” da incidencia que poderían ter os cambios sobre un determinado territorio, que permitise, por unha banda, estudar os efectos das “alteracións provocadas polo cambio climático, a partir das estimacións existentes a corto e longo prazo”. Por outra, sería posible coñecer “que impacto suporía un cambio do uso do solo sobre a biodiversidade e a conectividade ecolóxica”, así como analizar tamén “zonas onde hai abandono das terras agrícolas”, algo que, como sinala esta investigadora, “está supondo grandes cambios nalgunhas zonas de Galicia”. Deste xeito, sería posible detectar “puntos críticos”, mais tamén planificar, posto que o modelo permitiría predicir cales serían os impactos dun determinado cambio.

Definición de corredores ecolóxicos

Outro dos obxectivos é analizar o impacto destas alteracións sobre a “conectividade ecolóxica”, pondo o foco na necesidade de evitar o illamento e a fragmentación das áreas naturais protexidas. De aí que busquen tamén a identificación de “corredores ecolóxicos”, que poderían atoparse tanto dentro como fóra dos propios espazos protexidos. “Polo tanto, proponse un enfoque de rede ecolóxica, que se baseará en indicadores relacionados coa sostibilidade en áreas de alta prioridade”, subliñan os responsables deste proxecto.

Ademais, Resilient2Change comprende tamén o deseño dun “sistema de apoio á toma de decisións”, que contribúa a definir actuacións para “protexer os recursos naturais e a calidade de vida das persoas” a través de “solucións baseadas na natureza e infraestrutura verde e azul”. Ao mesmo tempo, buscarán tamén definir “solucións financeiras e sociais innovadoras e replicables”, que impliquen a cooperación entre propietarios e outros axentes, empregando a teoría de xogos, “na que os investigadores de Ecosot son expertos”, para “establecer estratexias que beneficien de forma xusta a todos os implicados”, sinala Álvarez.

De feito, entre as accións do proxecto figura o desenvolvemento de tres casos de estudo, nos que se avaliarían propostas de “accións específicas”, á vez a aplicación do modelo na análise das diferentes áreas protexidas de Galicia e noutros puntos de diferentes países. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo sistema galego axiliza o diagnóstico a través de imaxes de raios X

Un equipo da UVigo, en colaboración con sanitarios do Hospital de Ourense, deseña unha ferramenta baseada na intelixencia artificial

Un artigo da UVigo, o mellor de 2023 no eido da mecánica de rochas

A revista 'Rock Mechanics and Rock Engineering' galardoa a dous investigadores da institución galega por un estudo sobre a Pena do Equilibio, en Ponteareas

A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

O evento da UVigo englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

A regulación térmica das aves podería ter a súa orixe nos dinosauros do Xurásico

Un estudo da UVigo pon de relevo o posible vínculo entre o clima e a evolución dos animais prehistóricos