Cambio climático: “O océano de Galicia vaise quentar, perder oxíxeno e ser máis ácido”

Un equipo galego inicia a segunda campaña do proxecto Bocats2, que partirá de Vigo nas vindeiras semanas e finalizará en Islandia

A temperatura, a acidificación e a falta de oxíxeno son os tres principais problemas aos que se enfrontan os océanos. Son consecuencias do cambio climático e a ciencia traballa arreo para desentrañalas e buscar barreiras de protección, na medida do posible, para os ecosistemas mariños. Nas vindeiras semanas, un grupo de investigadores partirá dende Vigo para estudar esta triple conxunción que, inevitablemente, terminará por afectar ás augas galegas. No Atlántico Norte capturouse por satélite unha masa de auga con temperaturas anómalas. Será esta a zona de estudo dunha vintena de científicos que navegará no buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa durante 40 días ata chegar a Reikiavik (Islandia). É a undécima vez que o equipo Observación bienal de carbono, acidificación, transporte e sedimentación no Atlántico Norte (Bocats2) realiza este traxecto e espera atopar novas respostas.

O océano acumula máis do 90% do exceso de calor atrapado na atmosfera. “A temperatura do mar está subindo e vai subir máis. O océano de Galicia vaise quentar, perder oxíxeno e ser máis ácido“, explica Marcos Fontela, investigador do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) e integrante do Bocats2. O dióxido de carbono atmosférico que se acumula dende a era industrial produce efectos nos mares, que absorven CO2 antrópico. Ao incremento da temperatura global séguelle a dos océanos. “Pérdese solubilidade do oxíxeno e gáñase dióxido de carbono”, comenta Fontela. O aumento deste último produce acificación, e, por ende, altera a química mariña. Este impacto prodúcese na columna de auga, mais é nos fondos mariños onde se tomarán as mostras.

Publicidade

O equipo enviará un instrumento ás profundidades entre tres e catro veces ao día en máis de 100 puntos do Atlántico Norte. “Realizamos perfís verticais de hidrografía da columna de auga, basicamente para caracterizar a súa química. Con estes datos podemos ver os efectos do cambio climático nas masas de auga“, alega Fontela. Ao atravesar o océano de sur a norte, o buque oceanográfico viaxa por todos os corpos de auga principais, obtendo unha gran cantidade de información das mesmas zonas das que se obtiveron variables dende fai 11 anos, o que permite realizar comparativas e sacar conclusións. Observar o océano é un proceso que precisa de continuidade do tempo e estas medicións recopiladas nas pasadas expedicións apórtanlle gran riqueza a este proxecto: “Non é habitual transitar por unha zona tan marcada polo cambio climático”, afirma o investigador do CIM.

No pasado mes de abril a temperatura do mar rexistrou récords históricos en varios puntos do planeta, en Galicia acadou os 20 graos. Por iso, os investigadores, que actualmente están ocupados cos preparativos da viaxe, prevén atopar un océano máis quente, cun pH “menor do que debería” e tamén con menos oxíxeno (o que significa que os organismos mariños terán menos O2 para respirar). “A masa de auga que se estende polo Atlántico Norte ten un efecto antropoxénico moi marcado. É a auga que aflora na costa galega e ten grandes efectos”, engade o investigador. Aínda que considera que é dificil atribuír fenómenos puntuais ao cambio climático, sostén que é “inexplicable” este trío de efectos anormais -temperatura, acidificación e falta de oxíxeno- nesta zona do océano sen o contexto de cambio climático actual.

Publicidade

“É inexplicable este trío de efectos anormais nesta zona do Océano sen o contexto de cambio climático actual”

MARCOS FONTELA, investigador do CIM

O Bocats2 forma parte dun amplo proxecto coordinado polo Instituto de Investigacions Mariñas do CSIC que comezou en 2002 e que se pon en marcha cada dous anos. Os datos que recollen están abertos ao público en bases de datos internacionais, que segundo explica Fontela, é a maior base de datos de dióxido de carbono que se obtén ao longo de toda a columna de auga do Atlántico Norte. O obxectivo fundamental deste programa é estudar a variabilidade milenaria e submilenaria das correntes a través das canles que atravesan a dorsal de Reykjanes, ao suroeste de Islandia.

As zonas de fractura Bight e Charlie-Gibss conforman os principais roteiros de comunicación de augas profundas entre as concas occidental e oriental do Atlántico Norte. A anterior campaña transoceánica partiu o 28 de maio de Vigo de 2021, onde se realizou unha caracterización acústica do fondo mariño con ecosondaxes multifeixe e a obtención de mostras de sedimentos superficiais. Esta segunda iniciarase a comezos de xuño para aportar información sobre oceanografía e cambio climático dunha das seccións máis relevantes a nivel mundial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024