O proxecto Bocats2 volve ao Atlántico para analizar a acidificación do océano

Coordinado por investigadores do CIM, están previstas dúas campañas oceanográficas

O océano, elemento esencial na evolución do clima, acumula actualmente o 93% do exceso de calor e o 31% do exceso de CO2 xerados pola actividade humana. O clima europeo en xeral, e da península ibérica en particular, está influenciado de maneira moi relevante pola circulación de retorno meridional (CRM), que transporta as augas cálidas superficiais cara o norte e as augas frías profundas cara o sur e xoga un papel crucial  no sistema climático, xa que facilita a redistribución do calor, a auga doce e o dióxido de carbono do planeta. De feito, a circulación de retorno meridional amplifica notoriamente a captación de CO2 antropoxénico (xerado pola actividade humana), superando en máis dun 50% o valor oceánico medio. Pero existen varios estudos que constatan a debilitación recente desta circulación, un fenómeno que segundo o informe do Panel Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC, 2019) se prevé máis acusado nas próximas décadas.

Non obstante, o propio IPCC recoñece que existe unha falta de observacións para poder cuantificar a magnitude desta redución e é neste contexto no que xorde o subproxecto Bocats2 (Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlantico Norte), dirixido polos investigadores do CIM Guillermo Francés (grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica) e Gabriel Rosón (Grupo de Oceanografía Física). Esta iniciativa ten como principal obxectivo “continuar co seguimento observacional (recente e pasado) da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico norte, esencial para avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico e para mellorar as proxeccións dos modelos climáticos axustados que sustentan os informes do IPCC para o xiro subpolar do Atlántico norte (SPNA), rexión coñecida pola súa forte influencia no clima europeo.

Publicidade

Inserida nun proxecto amplo

Bocats2 forma parte dun proxecto máis amplo, coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC), e financiado con 342.430 euros, dos que 124.630 corresponden ao subproxecto da Universidade de Vigo, no marco do programa Xeración de Coñecemento 2019 do Ministerio de Ciencia e Innovación. O obxectivo fundamental é estudar a variabilidade milenaria e submilenaria das correntes profundas a través das canles que atravesan a dorsal de Reykjanes (zonas de fractura de Bight e de Charlie-Gibbs), ao suroeste de Islandia. Estas dúas zonas de fractura, sobre todo a de CGFZ, constitúen os principais roteiros de comunicación de augas profundas entre as concas occidental e oriental do Atlántico norte e a súa hidrografía é bastante descoñecida, tanto na actualidade como no pasado, cando estaban baixo outras condicións climáticas globais. Bocats2 tamén pretende seguir coa estimación do fluxo de carbonato e carbono orgánico aos sedimentos, na liña do proxecto precedente (Bocats), aspectos esenciais relacionados coa produción, a acumulación e a preservación deses compostos (ciclo de carbono, acidificación, etc.)

Dúas campañas oceanográficas

Coa posta en marcha desta segunda parte do proxecto Bocats, os investigadores da UVigo continuarán co programa bienal de observación da columna de auga e o estudo de novos rexistros sedimentarios procedentes de lugares clave como as zonas de fractura Bight e Charlie-Gibbs. O proxecto ten previstas dúas campañas oceanográficas, como explican os investigadores, “unha que sairá o 28 de maio de Vigo e outra en 2023”, ambas a bordo do B/O Sarmiento de Gamboa.

Durante as primeiras partes das campañas, no traxecto Vigo-Reikiavik, “as medicións da columna de auga realizaranse dentro do marco do programa internacional GO-SHIP para avaliar a variabilidade da circulación profunda do Atlántico norte e mellorar a resolución espazo-temporal das correntes”. Ademais, as observacións de alta calidade previstas no SPNA contribuirán á detección temperá da alteración do ciclo do carbono e permitirán a estimación precisa das taxas de almacenamento de calor, CO2 e N2O, relacionando estes cambios coa variabilidade da CRM. Nas segundas partes das campañas, é dicir, no traxecto de Reikiavik a Vigo, “obteranse as sondaxes sedimentarias para estimar a dinámica a diferentes escalas temporais das masas de augas profundas e a conexión entre as concas a través das zonas de fractura durante o Plistoceno Superior e o Holoceno”.

En definitiva, explican os investigadores, “avaliaranse os fluxos, nos seus compoñentes natural e antropoxénico, de calor, CO2 e N2O, así como os transportes actuais e a escala submilenaria de sedimentos e elementos bioxénicos e o impacto da acidificación nesas escalas mediante a análise dos fluxos de CaCO3 e carbono orgánico ao sedimento”. Ademais, cuantificaranse as taxas actuais de acidificación oceánica, avaliando a situación presente e establecendo proxeccións futuras que permitirán confrontar os resultados das observacións coas predicións dos modelos (GCMs e ESMs do  CMIP5-6) para o escenario de quecemento de 2º C, con especial énfase nas taxas de elevación dos horizontes de saturación de aragonita en capas profundas, onde o impacto é potencialmente inminente nos ecosistemas sostidos por organismos  calcarios”.

Un equipo internacional

O equipo de investigación do proxecto, ademais dos investigadores dos grupos de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica e de Oceanografía Física, conta coa contribución de especialistas do Instititut de Ciencias del Mar (ICM, CSIC) e o Instituto Tecnolóxico do Mar (INTECMAR, Xunta de Galicia). No equipo de traballo colaboran ademais investigadores do National Oceanography Centre (NOC, UK), o Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER, Francia), a University of Bremen (Alemania) e a Royal Holloway University (UK).

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero