O científico Manuel Rodríguez Pérez, do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicias (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) presentou este martes a súa tese de doutoramento, na que se aborda o uso da tecnoloxía aplicada ao diagnóstico precoz do Alzheimer, unha doenza neurodexenerativa cunha prevalencia cada vez maior na poboación mundial. Estímase que para 2050 poida acadar proporcións epidémicas, afectando a máis de 150 millóns de persoas.
É por iso que a detección precoz pode xogar un papel clave cara á aplicación de posibles tratamentos no futuro. Nos últimos anos, a investigación do Alzheimer percorreu un importante camiño pero, por agora, non se conseguiu desvelar claramente a orixe da enfermidade. Os procesos patoxénicos primordiais da doenza nunca chegaron a ser descritos con exactitude, pero hai dúas hipóteses que nos últimos anos acadaron un peso maior no escenario investigador: as alteracións no procesamento de dúas proteínas: a proteína β amiloide e a proteína tau.
Destas dúas, a segunda foi a que máis posibilidades abriu á ciencia biomédica e é neste escenario no que se incorporaron as vantaxes e funcionalidades da nanotecnoloxía. “Este é tamén o contexto no que traballamos”, apunta Manuel Rodríguez, para expor a nosa hipótese e avanzar nos resultados”.

Aínda que as tentativas na procura de fármacos fracasaron ata o momento e a detección precoz para o seu tratamento en fases temperás segue sendo o principal desafío, a utilización de nanopartículas despexou moitas incógnitas. “Ademais dos ensaios in vitro e in vivo enfocados á identificación e ao tratamento da enfermidade, a nanotecnoloxía ofrece as ferramentas necesarias para a elaboración de distintos tipos de sensores. Dispositivos baseados en nanopartículas que permiten detectar de forma temperá biomarcadores da enfermidade en mostras biolóxicas de forma minimamente invasiva”, explica Rodríguez Pérez. “Trátase, engade, de traballar no desenvolvemento de nanoestructuras multifuncionais dirixidas a oligómeros da proteína tau para que poida constituír un sistema de detección multimodal, así como contribuír ao diagnóstico precoz da enfermidade”.
A tese de Rodríguez Pérez, co título Desenvolvemento de nanoestructuras teranósticas para etapas preclínicas da Enfermidade de Alzheimer, foi dirixida polos doutores José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do IDIS.
Tal e como se destaca desde o IDIS, a Enfermidade de Alzheimer (EA) é o tipo máis común de demencia, sendo a causa de entre o 60 e o 80% dos casos. É unha afección neurodexenerativa que leva a unha deterioración progresiva das capacidades cognitivas, alén das provocadas polo envellecemento normal. Esta deterioración cognitiva a miúdo vai acompañada dun detrimento no control emocional así como nos comportamentos sociais.
As fontes máis recentes indican que no mundo viven 50 millóns de persoas que sofren de demencia. Dos máis de 9 millóns de novos casos que se dan cada ano a nivel global, o 25% corresponde a casos diagnosticados en Europa. No continente europeo, a prevalencia da enfermidade na poboación maior de 60 anos é do 5,9%, o que se corresponde con máis de 10 millóns de persoas afectadas. Debido ao impacto que ten a enfermidade durante os últimos anos de vida dos enfermos, a mortalidade debida ao Alzheimer, pasa ás veces a un segundo plano.
Esta enfermidade ten, pois, unha repercusión socio-sanitaria cuxa transcendencia vai máis aló do propio enfermo. Considérase que este impacto vai acentuarse nos próximos anos por causa das tendencias demográficas actuais. O impacto será maior no caso de Galicia, onde se estima que nas próximas décadas a poboación maior de 65 anos na nosa comunidade se achegue ao 40%.