Un mapa interactivo mostra como se organiza o ADN do rodaballo para darlle forma aplanada

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración con Pescanova Biomarine Center, creou un mapa interactivo que mostra como se organiza e empaqueta o ADN do rodaballo para darlle a súa característica forma aplanada. O traballo, publicado na revista Scientific Data, propón unha nova ferramenta para estudar as bases xenómicas da transformación a exemplar adulto do rodaballo.

“Esta ferramenta permitirá á comunidade científica estudar en profundidade as bases moleculares do proceso de metamorfose do rodaballo e mergullarse directamente a través dun mapa interactivo do ADN, que desvela zonas activas e inactivas do xenoma durante esta etapa de transformación do animal. Isto axudará a comprender a cuestión fundamental de como un único xenoma pode crear dous deseños corporais completamente diferentes nun mesmo individuo”, expoñen os investigadores do CSIC Josep Rotllant, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIMV), e Juan Tena, do Centro Andaluz de Bioloxía do Desenvolvemento (CABD).

Publicidade

“Este mapa permitirá estudar en profundidade as bases moleculares do proceso de metamorfose do rodaballo”

“A metamorfose é un proceso postembrionario amplamente estudado no que moitos tecidos sofren modificacións dramáticas para adaptarse ao novo estilo de vida adulto. Os peixes planos, como o rodaballo, representan un bo exemplo de metamorfose en peixes teleósteos: cambia drasticamente a súa forma corporal durante o seu crecemento, pasando dunha larva peláxica simétrica a un xuvenil bentónico asimétrico completamente plano”, explica Laura Guerrero, investigadora predoutoral do Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática do IIMV, liderado por Josep Rotllant.

Con todo, descoñécense as bases xenéticas deste proceso de transformación corporal. Por iso, os investigadores acometeron a tarefa de crear unha ferramenta útil e fiable para avanzar no estudo molecular da metamorfose en rodaballo. “Na ferramenta incluímos catro etapas: a filotípica (3 días posteriores á fecundación), premetamórfica (15 días posteriores á eclosión) e clímax de metamorfose (23 días) e posmetamórfica (37 días)”, indica Guerrero.

Publicidade

O traballo desenvolveuse no marco do proxecto One genome for two body plans: genome-wide functional genomic and transcriptomic approaches to understand the genetic bases of fish metamorphosis, correspondente ao Programa estatal de fomento da investigación científica e técnica de excelencia, subprograma estatal de xeración do coñecemento, no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2013- 2016.


Referencia: Genome-wide chromatin accessibility and gene expression profiling during flatfish metamorphosis (Publicado en Scientific data)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

Un estudo da UDC reconstrúe a evolución do lince europeo coa análise de ADN e proteínas antigas

A investigación analizará tres especies de lince do suroeste de Europa para reconstruír as súas relacións evolutivas e as hibridacións entre elas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé