Un estudo da UDC reconstrúe a evolución do lince europeo coa análise de ADN e proteínas antigas

A investigación analizará tres especies de lince do suroeste de Europa para reconstruír as súas relacións evolutivas e as hibridacións entre elas

A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto INTERLYNX para o estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental. O equipo investigador está liderado por Gloria González Fortes, investigadora sénior do programa Beatriz Galindo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e asociada ao CISPAC, xunto con Aurora Grandal d’Anglade, profesora titular de Paleontoloxía da UDC, directora do Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) e tamén asociada ao CISPAC; e Fernanda Rodríguez Fariña, responsable do Servizo de Bioloxía Molecular dos Servizos Centrais de Investigación (SAI) da UDC.

Así mesmo, o proxecto contará coa colaboración de especialistas das universidades de Copenhague e Toulouse, do Centro de Investigación Leibniz-IZW de Berlín e do Museo delle Civiltà de Roma, entre outras institucións internacionais.

Publicidade

Reconstruír a historia dos linces europeos

INTERLYNX centrarase no estudo paleomolecular —mediante a análise de ADN e proteínas antigas— das tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa dende o Pleistoceno ata tempos históricos: o lince ibérico (Lynx pardinus), o lince boreal (Lynx lynx) e o lince das cavernas (Lynx spelaeus).

As tres especies coexistiron durante miles de anos na Península Ibérica e investigacións recentes demostraron que existiron procesos de hibridación entre o lince ibérico e o lince boreal, que mesmo puideron contribuír a incrementar a diversidade xenética da especie ibérica. Con todo, aínda se descoñece cando se produciron estes intercambios xenéticos, que poboacións ancestrais participaron neles e cal foi a súa relación coas poboacións actuais de lince boreal.

Publicidade

Para responder estas cuestións, o equipo aplicará técnicas de xenómica antiga a restos fósiles procedentes do suroeste europeo. “A comparación dos xenomas permitirá establecer as relacións evolutivas entre as distintas especies e reconstruír os procesos de hibridación ocorridos no pasado”, explican dende o equipo de investigación. De forma complementaria, engaden: “A análise de isótopos estables permitirá reconstruír as condicións ambientais nas que viviron estes animais e comprender mellor a súa adaptación aos cambios climáticos e ecolóxicos”.

Os resultados da investigación contribuirán a reconstruír a historia evolutiva dos linces europeos e poderán identificar posibles fontes de restauración xenética de interese para futuros programas de conservación do lince ibérico en España e do lince boreal no norte e sureste de Europa.

Unha liña de investigación pioneira na UDC

INTERLYNX enmárcase na liña de investigación sobre grandes felinos antigos impulsada pola Universidade da Coruña dende 2023 coa incorporación de Gloria González Fortes para dirixir o Laboratorio de ADN Antigo. Este laboratorio é o único de Galicia e un dos poucos existentes en España con capacidade para realizar análises xenómicas de restos fósiles.

Nesta mesma liña de investigación, González e Grandal dirixiron recentemente a análise paleomolecular do último exemplar de lince boreal da Península Ibérica, un traballo desenvolvido no marco do Traballo Fin de Máster de Eva Fernández Bejarano, que permitiu identificar o lince boreal como o histórico ‘lobo cerval da Cordilleira Cantábrica. Actualmente, Eva Fernández realiza a súa tese de doutoramento no IUX, continuando o estudo xenómico dos últimos grandes felinos do Pleistoceno no proxecto InterLynx.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Por que os peixes non teñen pelo?

Os peixes non teñen pelo porque evolucionaron na agua, onde as escamas e a pel lisa son máis útiles para moverse e sobrevivir. Por Antonio Figueras

O que os dentes nos ensinan sobre a evolución da vida acuática

Un percorrido pola sorprendente diversidade de estruturas orais que impulsaron adaptacións únicas nos animais acuáticos

Un estudo do CSIC descobre sinais de inflamación arterial no ADN despois dos 50 anos

Os investigadores identifican tamén células inmunitarias 'esgotadas' que poderían explicar por que a inchazón persiste na enfermidade denominada arterite de células xigantes