Sicixia, emersión, umbra: estas son algunhas das palabras que debes coñecer antes da eclipse

O Servizo de Normalización Lingüística da USC publica unha listaxe de 88 termos relacionados co fenómeno astronómico

Avanzan os calendarios e, con cada día que pasa, asociacións, institucións académicas e medios de comunicación inciden na súa labor de divulgación sobre a eclipse. O 12 de agosto, no ceo estarán postas as miradas de astrofísicos, astrónomos, afeccionados á observación astral… e, por suposto, dun amplo grupo conformado por un público xeral. A fin de axudar a comprender mellor a eclipse, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pon a disposición dos usuarios un glosario con 88 termos que permitirán afondar no espectáculo visual do próximo mércores.

A listaxe está dispoñible de balde en liña e contén a definición do concepto e a súa equivalencia no castelán e no inglés. Nalgúns casos, a oferta idiomática engloba tamén o catalán, o portugués, o francés e o italiano. A continuación preséntanse algúns dos termos relativos aos fenómenos visuais que se experimentarán, as fases da eclipse, a posición dos astros, as capas do Sol e o equipamento de observación adecuado.

Publicidade

Fenómenos visuais

Neste punto, cómpre lembrar que unha eclipse do 99,9% de ocultación e unha do 100% son eventos completamente diferentes en canto ao nivel de luminosidade que presentan e, en consecuencia, as experiencias visuais que se poderán percibir. Mentres que na primeira tan só haberá unha baixada da luz e o ceo quedará en lixeira penumbra, na segunda a escuridade será absoluta e, polo tanto, permitirá observar a coroa solar e múltiples efectos que non serán perceptibles nunha eclipse parcial.

Os instantes antes e despois da totalidade reunirán a maior parte dos fenómenos ópticos. Cando tan só sexa visible un pequeno sector da superficie do Sol xunto á coroa solar, simularase a aparencia dun anel de diamante, sortella que lle dá nome ao efecto. A eclipse inspirou outros termos relacionados coa xoiaría como acontece coas perlas de Baily: trátase dunha imaxe visible tamén nos momentos previos e posteriores a unha eclipse, cando só uns raios de luz solar son visibles a través dos vales lunares e, en consecuencia, dende a perspectiva terrestre semellan bolas —’perlas’— no borde do astro. A refracción da luz na atmosfera poderá proxectar sobre o solo unha serie de liñas ondulantes e escuras, coñecidas como faixas de sombra, que estarán presentes nesta brevísima franxa anterior e posterior á totalidade.

Publicidade

Cando se produza a ocultación completa do Sol por parte do disco lunar, será posible ver un espectro lóstrego emitido pola cromosfera solar.

As fases da eclipse

Máis alá da parcialidade ou a totalidade, unha eclipse ten catro fases de contacto (en canto a percepción visual, non nun sentido literal) entre diferentes puntos dos discos solar e lunar.

O primeiro contacto corresponde co inicio dunha eclipse, cando o limbo (o borde aparente dun astro) oriental da Lúa ‘toca’ o occidental do Sol. O segundo prodúcese cando conflúen os límites orientais de ambos corpos celestes. Entre este contacto e o seguinte prodúcese a totalidade, na que o Sol queda completamente cuberto. O terceiro marca a fin da superposición absoluta, cando o limbo occidental de ambos astros ‘se tocan’; inmediatamente despois comezará a asomar o disco solar. Este fenómeno remata co cuarto contacto, no que o extremo occidental da Lúa toca o oriental do Sol, momento tras o cal ambos corpos se separan por completo. A fase de reaparición do astro denomínase emersión.

Termos de posición

A configuración astronómica que haberá durante a eclipse denomínase sicixia. Nela, tres ou máis corpos celestes do mesmo sistema —no caso do próximo mércores, o Sol, a Lúa e a Terra— estarán aliñados nun trazado máis ou menos recto. Esta superposición orixinará unha sombra que se proxectará sobre o planeta dende a que a fonte de luz principal estará totalmente oculta. Esa zona de escuridade denomínase umbra. Cando a privación de iluminación é parcial, fálase de penumbra. A rexión na que o corpo oclusivo está completamente dentro do disco solar, pero sen chegar a cubrilo, é a antumbra. Este último fenómeno só é observable durante as eclipses anulares, polo que non se verá na do próximo mércores.

Capas do Sol e equipamento de observación

A coroa solar é a capa máis exterior da atmosfera solar e, en relación á eclipse, ocupa a atención mediática por ser o halo de luz visible que rodeará o astro celeste cando este estea oculto na súa totalidade polo satélite da Terra. Menos conocida é a cromosfera, a capa inmediatamente inferior: é de cor vermella, ten un grosor duns 5.000 quilómetros e é posible observala durante unha eclipse solar. Tamén é recomendable coñecer a fotosfera, aínda que non se poida ver no evento do 12 de agosto: está formada por gas, envolve o núcleo do Sol e dela irradian a súa luz e calor.

Para poder ver de xeito seguro a coroa solar e a cromosfera, é necesario empregar métodos homologados. O máis popular é o uso de anteollos ou lentes de eclipse, que permiten a observación directa, pero tamén hai métodos indirectos para non perder a eclipse e eliminar riscos oculares. Un destes é a proxección estenopeica, pola que se proxecta a imaxe do Sol a través dun pequeno burato sobre unha superficie.


Podes consultar o glosario completo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade