Conta atrás para a gran cita coa eclipse total en Galicia: “Non volveremos ver algo así na nosa vida”

Unha cobertura do 99% ou do 100% do Sol marca a diferenza entre unha simple diminución da luz e a aparición da coroa solar e da escuridade

A conta atrás para a eclipse segue camiñando cara ao que será o evento astronómico máis importante do ano. Xa hai máis dun século dende que Galicia presenciou unha eclipse solar absoluta; foi o 17 de abril de 1912, e a totalidade —extremadamente breve— estivo reducida a unha pequena franxa que incluía o Barco de Valdeorras e a área de Verín. Dentro dunha semana, a comunidade galega será a porta de entrada deste fenómeno, para o que se prevé un episodio de escuridade total de máis dun minuto en determinadas zonas.

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Begoña Nicolás apunta que hai unha importante realidade asociada a que Galicia sexa o primeiro lugar da península en experimentar o evento. “O Sol estará preto do horizonte, pero máis alto que noutros puntos nos que a eclipse se producirá algo máis tarde. Eses poucos graos de altitude servirán para facilitar a súa observación”, sinala a docente da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemáticas Aplicadas.

Publicidade

O Presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3, a entidade que xestiona o Observatorio Astronómico de Forcarei), Enrique Alonso, incide no valor único deste evento: “A probabilidade de que a totalidade coincida nunha zona determinada é moi baixa. Por iso as eclipses totais son tan raras, porque debe darse a casualidade de que se produzan nun punto concreto. A non ser que viaxemos para observalas, non volveremos ver algo así na nosa vida“, asegura Alonso.

A experiencia dunha eclipse total

O 1% importa. Quen xa puido presenciar unha eclipse total conta que a experiencia difire por completo entre unha superposición do 99% entre o Sol e a Lúa, e unha ocultación absoluta. Esa porcentaxe, por ínfima que semelle, marca a diferenza entre a escuridade, que permitiría observar a coroa solar, ou a penumbra. “A iluminación do Sol é moi forte. Mentres a eclipse sexa parcial, haberá luz“, explica a profesora Nicolás. O presidente da FC3 concorda en que unhas décimas serán suficientes para alterar por completo a vivencia.

Publicidade

“En Vigo, a eclipse será do 99,4%; en Forcarei, do 99,9%. Haberá que ir máis ao norte para que sexa total, e aínda algo máis para que dure máis ca uns poucos segundos. Un 0,4 ou 0,3% de luz solar será tan só unha raia, pero, aínda que pareza pouco, ten a potencia de 4.000 lúas cheas“, explica Enrique Alonso.

Os cambios durante a eclipse

Podería pensarse que dentro dunha semana tan só se producirá un cambio na luminosidade da contorna. Porén, a ocultación temporal do Sol podería ter un impacto noutros campos: “Durante as dúas horas nas que a Lúa lle coma terreo ao Sol veremos moitos cambios“, asegura Alonso. “O feito de que desapareza a luz fará que algúns animais pensen que xa é de noite”, comenta Begoña Nicolás. Tanto a docente como o divulgador sinalan que os animais de curral, e en concreto as galiñas, poderían recollerse, pensando que rematou o día.

A etóloga da USC Ángela Fernández indicou nunha entrevista que outras reaccións posibles serían a curiosidade, o estrés, a confusión e, no caso dalgunhas aves, o aumento da súa vocalización. A fin de estudar o comportamento de diferentes especies, existen iniciativas como o Proxecto TriEclipse, unha proposta de ciencia cidadá na que se pretende filmar a reacción dos animais.

Outro suceso agardable será o descenso momentáneo dos termómetros e as variacións na atmosfera. “Cando desapareza o Sol, que é a nosa fonte de calor, a temperatura baixará. Isto propiciará que haxa máis vento, dado que, entre outros factores, o aire móvese por gradientes térmicos en distintas rexións”, explica a astrofísica. O presidente da FC3 sitúa a baixada en torno aos 3 ou 4 graos. “Tamén haberá unha sensación de sombra estrana, porque non resultará dun obxecto próximo, senón dalgo que tapa o propio Sol. Esta sensación de crepúsculo podería darlle angustia a algunhas persoas”, indica Enrique Alonso.

A posición do Sol e o lugar de observación

A eclipse comezará polas 19:30 horas do mércores 12 de agosto e acadará a súa totalidade en torno a unha hora despois, co momento exacto dependente do lugar de observación. Na Coruña, por exemplo, o punto álxido da interposición entre astros terá lugar ás 20:27:00 horas. Nese momento, o Sol estará baixo no ceo. Esta situación pode dificultar a visualización do evento, pois será imprescindible evitar que haxa obstáculos na liña do horizonte. Para Begoña Nicolás, en cambio, este feito ten unha vantaxe oculta: “Se a eclipse fora ao mediodía, habería que vela tirados no chan, para non danarnos o pescozo”.

A docente recomenda consultar a posición do Sol e a viabilidade dun espazo como observatorio a través das diferentes aplicacións creadas a esta fin, entre elas a do Instituto Xeográfico Nacional (IGN). “Permiten utilizar a cámara do móbil para identificar os obstáculos dun lugar e determinar se estará visible o Sol nese momento”, explica Nicolás.

Tanto a profesora de astronomía como o presidente do FC3 concordan nunha serie de puntos en canto a como atopar un bo sitio dende o que presenciar o evento: escoller un lugar co horizonte baixo polo oeste dende o que se poida ver o Sol á hora da eclipse; visitar o lugar uns días antes, se existe a posibilidade, para comprobar que haberá boa visibilidade; evitar os desprazamentos e escoller o lugar que se atope máis preto, antes que coller o coche. Enrique Alonso incide nesta cuestión: “É a única zona non só de Europa, senón do mundo, na que se verá a eclipse. Este evento moverá millóns de persoas“. O divulgador explica que esta predicción está baseada na experiencia da eclipse total de 2024 en Estados Unidos, onde os atascos chegaron a durar 10 horas. Por isto, recomenda escoller un lugar con bos accesos, no que resulte sinxelo entrar e saír.

A seguridade ante todo

Nicolás e Alonso subliñan a importancia de acudir a esta cita astronómica de forma segura. Lembran que non se pode mirar o Sol sen lentes homologadas, especialmente durante a parcialidade. “Cando nos acheguemos á eclipse total e só haxa unha franxa de luz pequena, esta concentrarase nunha zona do ollo, polo que o dano será aínda maior. Non vale que estea no 99,9%; mentres non sexa total, non poden quitarse as lentes”, advirte Enrique Alonso.

Begoña Nicolás lembra que tampouco a totalidade está exenta de riscos: “Cando o Sol estea cuberto ao 100%, podemos retirar as lentes. Pero nalgúns lugares esta ocultación total durará tan só uns segundos, polo que debe terse coidado e protexer os ollos antes de que remate a eclipse absoluta”. Se se coñecen os segundos que durará de forma exacta a eclipse total a profesora aconsella poñer un temporizador para evitar que a parcialidade nos atope cos ollos desprotexidos.

O presidente da FC3 explica que só deben empregarse materiais homologados e que, ante a dúbida sobre a seguridade dun artigo, a resposta sempre debe ser ‘non’: “Radiografías, non; cristais escuros, non; lentes de sol, non. Hai un nivel de entre 14 e 16 de filtrado que permitiría usar lentes de soldador, pero para iso necesítase a plena seguridade de que ese cristal está certificado nese grao de filtrado, e de que nunca tivo raiaduras ou golpes. Como non é posible ter esas garantías, a resposta tamén é ‘non’“. As lentes axeitadas poden obterse de xeito gratuíto —dado que múltiples organizacións as regalan— ou por menos de dous euros, polo que Alonso insiste en que deben empregarse para ver o fenómeno de forma segura.

“Ademais, non se debe mirar o Sol sen elas, nin sequera por un momento. Os danos poden ser irreversibles“, conclúe o divulgador. Pon como exemplo, de novo, a eclipse do 24 nos Estados Unidos: no día seguinte do evento, a pregunta máis común en Google naquela zona foi ‘Por que non vexo ben cos ollos?’

A vocación científica

A profesora da USC sinala que estes eventos serviron historicamente para estudar a fotosfera —a capa superficial visible dunha estrela— e que, nesta ocasión, o sector académico estará listo para tomar novos datos datos a través do estudo da coroa solar.

Este fenómeno non só reclama a atención do sector académico, senón que esperta no público xeral unha admiración que, nalgúns casos, se torna vocación. “Poñámonos na pel dos nosos antepasados. Non sabían que era unha eclipse e había toda unha mitoloxía en torno á desaparición do Sol. Agora sabemos que é o resultado dunha casualidade cósmica”, apunta o presidente da FC3. Explica que o espectáculo tan só é posible porque dende a perspectiva terrestre coinciden os tamaños do Sol e da Lúa, pois esta é 400 veces máis pequena que o Sol, pero tamén está 400 veces máis afastada. “É algo que infunde respecto e admiración. E se isto serve para espertar a vocación pola astronomía, benvido sexa” , conclúe Enrique Alonso, coa vista —protexida polas lentes adecuadas— posta na eclipse da próxima semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns