Luns 15 Abril 2024

A febre da eclipse en Galicia en 1912

Imaxe da eclipse de 1912 tomada por Comas Solá.
Imaxe da eclipse de 1912 tomada por Comas Solá.

No ano 2015, Galicia contemplou unha eclipse de Sol, que volveu ver no ano 2017. E volverá ver unha eclipse total o vindeiro 12 de agosto de 2026. Pero, hai máis dun século, o país viviu outra eclipse que revolucionaría a vida dos galegos. Rexistrouse en 1912, dous días despois do afundimento do Titanic.

A gran protagonista daquel fenómeno foi Galicia, porque era o mellor lugar para a súa observación. Pero o evento resultou un pouco decepcionante, xa que a franxa de totalidade se situara a uns 150 quilómetros ao Oeste de Lisboa, cunha duración de apenas 2 segundos. Na práctica, a ocultación do Sol foi tan rápida que tecnicamente non se produciu a eclipse total. Contan que os astrónomos da época non previron que a superficie de Lúa é irregular, con accidentes como cráteres e montañas. Polo tanto, non forma en absoluto unha circunferencia, polo que a luz do astro rei nesa ocasión pasou entre as engurras lunares e chegou á Terra. A totalidade durou 0,0 segundos. Tecnicamente, non foi unha eclipse total, aínda que se previra para unha ampla zona entre Portugal e Galicia.

Publicidade

En calquera caso, o evento desencadeou unha auténtica febre pola eclipse. E o epicentro da observación situouse no Barco de Valdeorras, vila ourensá á que se desprazaron numerosos astrónomos. As crónicas contan que aquilo foi unha feira. E quédannos testemuños do evento.

“O frío era intenso e as galiñas abeiraban baixo das ás aos seus pitos”

O máis famoso astrónomo español da época, Comas Solá, desprazouse ao Barco e instalou os seus equipos. Tivo un erro de 5 quilómetros na súa posición, polo que a súa observación non foi a mellor. “Dende a nosa estación, a eclipse foi, visual e sensiblemente, total; pero esta totalidade foi instantánea. Cando desaparecía a parte da esquerda, aparecía a da dereita, ambas as dúas diametralmente opostas. Non obstante, das fotografías espectroscópicas resulta, con toda evidencia, que estivemos lixeiramente desprazados cara ao Norte respecto da liña central,” escribiu nun informe posterior.

Unha crónica local achegouna un mestre de escola do Barco, Tomás Martínez, quen manifestou: “A eclipse non acabou de ser total, pois a sombra da Lúa nos deixou unha pequena parte da fotosfera solar”.

En Verín, pola contra, si que estiveron na liña de totalidade ou polo menos moi preto, a menos de 1 km dela. Ademais, moitos astrónomos sentaron aquí a súa base, porque a localidade tiña “boas fondas” onde durmir e comer, segundo comentaban os xornais do daquela época.

Unha eclipse posterior, en 1919, permitiría confirmar unha teoría de Einstein

Ricardo Rivados, un mestre verinés, contou que a eclipse “foi total, instantánea e como un lóstrego, así que a escuridade completa non chegou á zona,”. Pero a súa narración incluíu datos sobre os efectos na Terra: “A paisaxe presentouse triste e macilenta, e o frío era bastante intenso. As galiñas buscaban o seu albergue e unha que vin, e tiña os seus pitos, abeirounos debaixo das súas ás”.

Na localidade berciana de Cacabelos tamén houbo grande actividade. Consérvanse fotos da época, que reproducimos, nas que aparecen membros da Sociedade Astronómica de París, desprazados para o efecto ao localidade leonesa. En Galicia, o fotógrafo coruñés José Sellier, tamén pioneiro do cinematógrafo, captou imaxes da eclipse.

A importancia para a ciencia dunha eclipse é hoxe grande, pero entón era vital. De feito, uns anos máis tarde, o 29 de maio de 1919, unha eclipse permitiu ao astrofísico británico Arthur Eddington comprobar un aspecto da Teoría da Relatividade de Einstein. Que consiste en que a luz, na presenza dun obxecto de gran masa, como por exemplo o Sol, pode desviar a súa traxectoria. É o fenómeno chamado “lente gravitacional” e que puido ser probado grazas a esta eclipse moi próxima á outra que asombrou a Galicia hai pouco máis dun século.

Un astrónomo opera co seu telescopio durante a eclipse de 1912.
Un astrónomo opera co seu telescopio durante a eclipse de 1912.

12 de agosto de 2026: o día que desaparecerá o Sol en Galicia

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas