Martes 19 Marzo 2024

12 de agosto de 2026: o día que desaparecerá o Sol en Galicia

O norte da península ibérica será un dos poucos lugares do planeta no que se verá esta eclipse total de Sol, a primeira en 114 anos en Galicia

É posible que no verán de 2026 o mundo sexa bastante distinto ao de hoxe. Posiblemente, moitas das persoas que estean lendo isto terán recibida a agardada vacina contra a Covid-19, e tamén é probable que as autoridades sanitarias xa se estean preparando para a seguinte pandemia. Pero hai algo certo sobre ese verán, a non ser que os astros decidan mudar as traxectorias que seguen. Galicia será testemuña, case en exclusiva, dun fenómeno que atrae á Humanidade desde hai miles de anos: unha eclipse total de Sol. Desde 1912 non tivo lugar este feito no norte da península ibérica. Por tanto, por primeira vez na vida (e pode que por última para moita xente), a Lúa tapará a estrela e, se as nubes o permiten, poderase ver como o Sol quedará completamente tapado pola Lúa, ao interpoñerse esta no mesmo plano entre a estrela e o noso planeta.

A eclipse solar do 12 de agosto de 2026 en Galicia

Será, posiblemente, un día no que moita xente estea na praia. A partir das 19.30 da tarde, a Lúa comezará a aparecer diante do Sol desde a parte dereita. Tal e como se amosa na animación do portal Time and Date, o xogo de movementos e planos entre o Sol, a Lúa e a Terra fará que a eclipse total comece no Atlántico Norte e se mova cara ao suroeste, pasando por Groenlandia e Islandia, o que fará que a península ibérica e as Illas Baleares sexan as únicas rexións densamente poboadas (ademais da capital de Islandia) nas que sexa posible observar o fenómeno. Uns 50 minutos despois do comezo da fase parcial, pasadas as 20.20 horas, o Sol acabará oculto por completo en todo o norte da península, nunha liña diagonal desde o Norte de Galicia ata as Baleares. Nese momento, tal e como adoita acontecer nestes fenómenos, é posible que a temperatura descenda uns graos de súpeto debido á perda de radiación solar.

Publicidade

A fase total durará arredor dun minuto, e aínda que a ocultación do Sol percibirase de forma case idéntica en todas as zonas de Galicia, só será do 100% no territorio que queda ao norte unha franxa que vai, de noroeste a sueste, desde a ría de Corme e Laxe a Viana do Bolo, pasando polas comarcas de Bergantiños, Xallas, Santiago, Deza, Chantada, Lemos, Trives e Viana.

A franxa máis escura será a que acadará a totalidade do eclipse, aínda que ao sur a Lúa tamén ocultará o Sol en máis do 99%. Fonte: timeanddate.com.
A franxa máis escura será a que acadará a totalidade do eclipse, aínda que ao sur a Lúa tamén ocultará o Sol en máis do 99%. Fonte: timeanddate.com.

Porén, desde todo o oeste da península ibérica poderase gozar da última fase da eclipse antes de que se poña o Sol, xa que a estrela agocharase máis tarde polo horizonte ca na zona mediterránea. Deste xeito, case unha hora despois da máxima ocultación do Sol tras a Lúa, e antes do anoitecer en Galicia, esta deixará de cubrilo.

Será a única vez en moitas décadas que unha eclipse total se poida ver en Galicia. Con todo, menos dun ano despois, o 2 de agosto de 2027, producirase un feito semellante. Algo antes das 11 da mañá, boa parte do Sol volverase ocultar tras da Lúa. O fenómeno só será total nun arco que sobre desde o Atlántico Central ata o sur da Península, e logo cruza África do Norte e África ata o Índico. Porén, a Lúa chegará a ocultar o 80% do Sol sobre o territorio de Galicia. E uns meses despois, o 26 de xaneiro de 2028, unha eclipse anular volverá a ocultar a estrela xusto antes do solpor, algo antes das 18 horas.

Haberá que agardar menos, con todo, para ver unha pequena eclipse parcial en Galicia. Lúa comeralle un cacho ao Sol dentro dun ano, o 10 de xullo de 2021, algo antes das 12 do mediodía.

Antecedentes

A eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 en Galicia será, sen dúbida, o fenómeno deste tipo máis fotografado da historia no país. Hai agora 108 anos, tal e como contou nunha reportaxe de GCiencia Eduardo Rolland, un grupo de entusiastas liderados polo máis famoso astrónomo español da época Comas Solá, viaxou ata O Barco de Valdeorras para observar o fenómeno. Outros estudosos optaron por Verín, vila máis próxima á liña de totalidade. O fotógrafo coruñés José Sellier chegou a filmar desde esta vila o fenómeno co seu artiluxio, unha “cámara prismática cinematográfica”.

Liña da eclipse total de 1912. Fonte: Biblioteca Nacional de España.
Liña da eclipse total de 1912. Fonte: Biblioteca Nacional de España.

Con todo, a pesar da expectación xerada polo fenómeno, que se produciu o 17 de abril, días despois do afundimento do Titanic, houbo unha pequena decepción, xa que tecnicamente non foi unha eclipse total debido a que as engurras da superficie da Lúa impediron tapar o Sol ao completo. Isto dá aínda máis relevancia ao fenómeno que terá lugar dentro de seis anos, xa que nesa ocasión a ocultación si será completa.

En anos máis recentes producíronse outros fenómenos semellantes en Galicia. O 11 de agosto do 1999, boa parte de Europa puido ser testemuña dunha eclipse total de Sol, pero na península ibérica só se chegou a cubrir parte do astro rei. Foi moi seguido e celebrado, ao tratarse do último do milenio, no medio de certa histeria provocada polo chamado “Efecto 2000”, mesmo deu pé a estrambóticas profecías, como a do famoso modisto Paco Rabanne, que afirmaba que a estación espacial MIR ía caer sobre París como sinal do fin dos tempos. Nada aconteceu, e a pesar de que un ano despois o 11-S volveu poñer de moda as profecías, a gran maioría da xente sobreviviu para ver dúas das últimas eclipses de Sol que se lembran en Galicia: a anular de outubro de 2005 e a parcial de xaneiro de 2011. Con todo, a do 12 de agosto de 2026 será a máis impactante que moitos podamos ver. Así que toca marcar a data na axenda, contar co equipamento preciso para non danar a vista e, sobre todo, confiar en que non aparezan as nubes.


Para máis información:

Páxina web sobre eclipses da NASA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela