Martes 19 Marzo 2024

O chan máis plano do mundo

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

Pode que o último no que pense un cliente cando pasea entre os estantes do Ikea ou polos corredores de El Corte Inglés sexa no firme que está a pisar, pero Eusebio Rey lle pode asegurar que baixo a sola dos seus zapatos hai centos de reaccións físicas, químicas e mecánicas que foron obxecto de miles de horas de investigación. A el levoulle máis dunha década comprobar que a importancia dun pavimento plano, horizontal e brillante non é só estética, nin moito menos. Foi unha conclusión de resultados formidables. Grazas a ela, a súa empresa, Prosistemas, dedicada á elaboración de pavimentos, atravesou a crise do seu sector co triplo de equipo e case o dobre de facturación, uns 70 empregados e 14 millóns anuais.

En los últimos años, la empresa alcanzó los 70 empleados y los 14 millones de facturación

Afincada no polígono industrial da Granxa, no Porriño, Prosistemas puxo o chan moi alto. Fíxoo cun formigón especial desenvolvido no seu departamento de innovación tecnolóxica, ao que destina o 4% do seu presuposto anual. “Tradicionalmente, o desenvolvemento de maquinaria de almacén vai moi por diante dos pavimentos en tecnoloxía. Pénsase nas máquinas que moven os palés ou a mercadoría, pero non nos chans polos que circulan, cando é necesario o mellor chan para que esas máquinas desenvolvan toda a súa potencialidade”, explica o xerente e fundador da compañía.
Nunha nave comercial como as de Ikea ou El Corte Inglés, a reposición de material é diaria, constante. “Non é o mesmo ir por un chan perfecto que por un irregular dando saltos, por pequenos que sexan. O chan sofre e deteriórase máis e máis, o mesmo que a maquinaria”. A desvantaxe dun chan irregular non remata aí, e crece na medida que o fai a altura á que traballan as grúas. “A un metro do chan, un desnivel nas rodas da máquina dun centímetro non é relevante, pero a 10 ou 20 metros si que o é, e moito. Canto máis plano é o chan, máis alto pode ser o almacenamento en vertical”.

prosgal2
Traballos de investigación na sede da empresa. / PS

Por todo isto, Prosistemas, fundada en 1984, especializouse na elaboración de chans loxísticos, comerciais, deportivos e industriais caracterizados pola regularidade; a “planimetría”, como se denomina na xerga do sector. E aí entran en xogo as reaccións físicas e química ás que alude o seu máximo responsable, que se entusiasma coa idea. Para conseguir un chan plano, liso, duro e non poroso, pero ademais brillante, coa conseguinte rebaixa da factura eléctrica, e doada de limpar necesítanse horas e horas de laboratorio. Moitas, realizadas con medios propios, e outras, recorrendo a investigación externa.

Publicidade

A calidade dos pavimentos valeulle o Premio Golden Trowel Award

“O que fixemos foi buscar aditivos que reducisen a presenza da auga no formigón, por explicalo de forma moi esquemática,” relata Rei. A auga é o grande inimigo do produto. “Debe levar a mínima imprescindible para amasar e hidratar, porque ao secar xera unha perda volumétrica que dana a superficie. Unha das claves está en reducir o encollemento, lograr que sexa mínimo,”.
Pero inflúen máis cousas. As xuntas, por exemplo, que evitan roturas pero xeran irregularidades, polo que se deben reducir ás impresindibles. E sobre todo o armado do formigón, que ha de restarlle cristalinidade e outorgarlle deformabilidade ao pavimento. “O produto non pode ser un espello que rompa con facilidade, senón que debe admitir a posibilidade de deformarse e asumir cargas. E iso conséguese co armado, para que pareza máis asfalto que cristal”, aclara o directivo. Tamén está o pechado: que a auga non escape, non se evapore… “Son fenómenos químicos, como as reaccións; físicos, como evitar porosidades, e tamén mecánicos. Se non innovas, os podes coñecer, porque hai centos, miles deles”.

“Danse fenómenos químicos, físicos e mecánicos. Se non os estudas, non os coñeces”

“A investigación é fundamental, o coñecemento éo todo”, conclúe Rei, que contou na súa empresa co apoio do Igape e de axudas daAxencia Galega de Innovación. Tamén o é a observación, a comprobación de como evolucionaron os pavimentos instalados ao longo dos 30 anos de existencia de Prosistemas para melloralos constantemente. Así é como conseguiron facer o seu traballo en superficies de máis de 200.000 metros cadrados, como os dunha nave do grupo Inditex, cliente para o que tamén construíu o maior silo de peza colgada do mundo, de 17.300 metros cadrados. Para Ikea construíu varios pavimentos de ao redor de 100.000 metros cadrados en alta planimetría e con especial resistencia á abrasión. A restauración do edificio da FNAC na Castelá de Madrid, Leroy Merlín, Día… Son só algúns das firmas coas que traballa en Europa e Asia Prosistemas, que contrata directamente co cliente, non coas construtoras.
Como sostén César Pazos, director de mercadotecnia e responsable da estratexia da empresa: “Non é un produto máis barato, ao contrario, é máis caro, pero os clientes empezan a comprender que en tres anos amortizaron o investimento”.

Un pavimento de récord

prosistemas gal 3
Pavimento instalado pola empresa galega. / PS

“Facer un pequeno pavimento plano é relativamente doado, pero facelo a grande escala, mantendo a regularidade do chan durante miles e miles de metros cadrados, é un desafío matemático e de execución, na teoría e na práctica,” explica un técnico deProsistemas. Á resolución dese desafío denomínaselle na sede do Porriño o “chan científico”.
Grazas a el, o pasado 6 de febreiro o xerente da empresa recollía enLas Vegas no World of Concrete 2015 a súa acreditación como gañadora do Golden Trowel Award. Foi a primeira empresa europea que conseguía un premio que na compañía se refiren como o Oscar dos pavimentos de alta planimetría.
“Tivo bastante de casualidade”, recoñece Eusebio Rey. Traballaba a empresa nun pavimento en Estados Unidos sen maiores esixencias que as que habitualmente lles requiren os seus clientes. Pero nun control de calidade sorprendéronse da enorme regularidade que estaban a lograr. Informáronnos da existencia do premio, empregámonos a fondo e rematamos gañándoo, recorda Eusebio Rey, que concede un gran valor a este recoñecemento internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estudantes de Ferrol proxectan casas prefabricadas para refuxiados

Participan xunto a 600 grupos nun certame da ONU de vivendas de baixo custe

A batea dos dous megavatios

Magallanes Renovables ultima nuns estaleiros de Vigo o artefacto flotante que permitirá obter enerxía eléctrica das mareas

Castañazo ás súas alerxias

Alibós recupera o consumo das castañas e impulsa con outras catro empresas un proxecto de produtos sen efectos nocivos

A pequena ciencia dos grandes proxectos

Nanoimmunotech avanza no diagnóstico de tumores ou na detección urxente de salmonella cos seus métodos nanobiotecnológicos