Moitos calendarios presentarán un círculo sobre o día 12 do mes de agosto deste ano. Xa case resulta redundante sinalar cal é o evento que está previsto para esa data, pois a eclipse leva semanas acaparando a atención mediática, da cidadanía, dos afeccionados á astronomía e, por suposto, das empresas e profesionais do turismo. É posible atopar mapas cos lugares máis idóneos para a observación, plans de rutas menos convencionais e consellos para asegurar a saúde ocular. Non obstante, cando chegue a agardada cita é importante non esquecer un factor relevante para moitos fogares: os animais; en concreto, haberá que ter presente como poderán verse afectados.
A humanidade non sempre soubo que era unha eclipse; tempo atrás, considerábase un fenómeno descoñecido ou, mellor dito, incomprendido. Agora enténdese, estúdase e agárdase. Un can, un ave ou un peixe non reaccionarán igual ca unha persoa, posto que carecerán do coñecemento racional que explique o evento. Estudos realizados no último século puideron observar que diferentes animais reaccionan de diferentes maneiras.
A docente da USC, facultativa no Hospital Veterinario Rof Codina e diplomada europea en Medicina do Comportamento Animal Ángela Fernández explica que as disparidades presentes entre especies son tan só unha guía xeral, pero que a personalidade de cada espécime será determinante: “Depende da especie e do individuo, pero si que é un cambio importante“.
Por que lles afecta a eclipse?
A experta en comportamento animal asegura que varias investigacións confirman o efecto que ten unha eclipse nos animais. “Teñen un ciclo de sono e de vixilia, e cando se rompe hai estrés. Que se faga de día ou de noite inflúe nos nosos ritmos circadianos e nas nosas hormonas; isto tamén acontece no caso dos animais. Son conscientes da cando é de día e de noite. Igualmente, saben as horas nas que se agarda que haxa luz. Se de repente non a hai, estráñanse“, explica Ángela Fernández. Engade que esa confusión pode persentarse na forma de medo, de ansiedade, de curiosidade, etc.
A chegada dunha eclipse é rápida en comparación con outros cambios luminosos como o amencer ou o solpor. A lúa ou, como é no caso da cita de agosto, o sol ocúltanse sen ningún tipo de aviso ou unha transición cara á fase de parcialidade: a eclipse comeza en canto se superpoñen os astros, continúa ata a cobertura total dun deles e, finalmente, volve a luz á Terra tras un momento de escuridade absoluta non anunciada. Para os animais, supón pasar do día á noite e de volta ao periodo diurno en cuestión de minutos. Aí é onde se produce a confusión: no impacto que isto supón nos seus ritmos biolóxicos.
Como inflúe en diferentes especies
“É verdade que cada individuo é diferente dentro das especies, pero puideron observarse comportamentos xerais. Por exemplo, viuse que algúns córvidos [Corvidae] aumentan a vocalización. Hai réptiles que se poñen a durmir, mentres que animais como os chimpancés estrésanse“, explica Fernández. A facultativa conta que os episodios de agobio son máis propios nos animais diurnos. “Algúns incluso adoptan comportamentos típicos de ir durmir“, sinala a docente, e engade: “No caso dos animais nocturnos podería darse o contrario e que espertaran“.
No relativo aos animais mariños, é importante facer notar que a influencia da eclipse será moito menor, como xa adiantaba a capitá da Mariña Mercante Alsira Salgado nunha entrevista na que valora os beneficios e inconvenientes asociados a ver o evento astronómico dende un barco. Isto débese a que a auga non deixa pasar a luz a determinadas profundidades e, polo tanto, sería a temperatura o factor principal que podería causar cambios no comportamento de animais mariños. Porén, a capitá explicou que a brevidade do fenómeno non dará pé a grandes variacións térmicas. “Ao mellor algúns animais que saen á superficie se somerxen, pensando que se fixo de noite”, explicara Salgado na entrevista.
Nos animais terrestres atoparanse as maiores alteracións. Nos insectos, continúa Ángela Fernández, tamén se alterará o ciclo do sono. No caso dos mamíferos, a influencia da eclipse presentarase como estrés e comporamentos asociados a espertar ou ir durmir, en función de se son animais nocturnos ou diurnos, respectivamente. Para os gandeiros que no momento da eclipse se atopen coas vacas pastando, a etóloga sinala que non haberá motivos para preocuparse polas reaccións do gando, máis alá de posibles picos de estrés.
En canto ás aves, Fernández apunta que tamén se observaron actuacións anómalas: “Rexistrouse unha maior vocalización. É un método de comunicación que usan para combater o estrés. Ademais, viuse que nalgunhas especies de córvidos antes de emprender unha ruta migratoria únense e vocalizan”.
Reaccións distintas en animais salvaxes e domésticos
As condicións entre animais salvaxes e domésticos son moi distintas. Por un lado, historicamente o ser humano tivo máis acceso a mascotas que a animais que se atopen no exterior de forma libre, polo que o comportamento das primeiras foi moito máis estudado que o dos segundos. Polo outro, atoparse dentro ou fóra dun fogar de xeito regular ten un enorme impacto na percepción da luz que poden ter as especies domésticas. “Temos que entender que os animais que se atopan na casa, sobre todo cans e gatos, están habituados a que encendamos e apaguemos as luces. Se estamos en interiores no momento da eclipse, non se verán moi afectados”, indica Fernández. A etóloga fai fincapé no peso que ten a personalidade de cada individuo, mais, a pesar disto, aclara que a reacción máis probable en animais caseiros non pasará da curiosidade.
No relativo aos animais salvaxes, poderían xurdir máis dúbidas en torno a como actuarán durante a eclipse, dado que carecerán dese costume á iluminación e escuridade artificiais. En especial, un pode preguntarse se esas alteracións no ciclo do sono —e, en consecuencia, no ciclo da caza— poderían supoñer algunha ameaza para as poboacións próximas a montes ou zonas densamente poboadas por animais salvaxes como o xabarín ou o lobo. Ángela Fernández explica que a afectación que poidan ter polo fenómeno astronómico non ten relación coa decisión que poida tomar o animal de achegarse máis ou menos aos núcleos urbanos.
“Cando un animal salvaxe entra nunha poboación é porque atopa un nicho onde sobrevivir. Non é que nos últimos anos haxa máis xabarís, senón que hai uns individuos que se dan conta de que se alimentan mellor preto dos humanos”, asegura a etóloga. Pon como exemplo un dos animais de compañía máis habituais nos fogares: “Isto foi o que lle pasou aos cans, que se separaron dos lobos. Xeneticamente, eses individuos son algo diferentes aos que viven no interior dos bosques”.
Así, aínda que o comportamento animal ten un alto grao de impredicibilidade debido ás particularidades individuais de cada espécime, a docente considera que os montes son seguros para a observación e que este fenómeno non tería por que motivar a intrusión en núcleos urbanos por parte de animais silvestres.
Consellos para a observación con animais
A facultativa do Rof Codina resalta que, ao igual que para os humanos, unha eclipse non é un evento que un animal poida observar directamente. Porén, indica que non haberá que tomar grandes precaucións coas mascotas neste sentido: “Non é habitual que miren directamente o ceo. Habería que vixialas para que non o fagan, pero non debera pasar”, conclúe.














