Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

Un informe da Aemet confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) vén de publicar o seu Informe sobre o estado do clima en España 2025. Nel recóllese que aínda que o norte de Galicia rexistrou o menor número de horas de sol en termos absolutos, trátase, xunto a Cantabria, da zona do país na que se computaron máis horas de sol fronte ao que serían os valores promedio normais autóctonos.

O documento presenta, ademais, datos sobre a temperatura media anual, a cantidade de choiva e a temperatura do mar coa fin de crear unha análise completa sobre a evolución climática do país en comparación con outros valores da serie histórica, que está activa dende 1961. Os resultados demostran que existe unha tendencia estatística significativa no ascenso térmico: 2025 pechou cunha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal, o que confirma a aceleración do quentamento climático.

Publicidade

Os datos recollidos amosan que o clima nacional avanza cara a un novo modelo climático marcado pola calor e o comportamento irregular dos patróns de alternancia entre periodos secos e chuviosos. Así mesmo, rexistráronse máis fenómenos extremos como ondas de calor ou episodios de treboadas torrenciais.

O informe apunta un novo modelo climático

O novo patrón climático cara ao que o informe indica que evoluciona o territorio nacional caracterízase polo constante incremento das temperaturas. Esta subida non se reduce pola noite; ao contrario, a Aemet fai notar que cada vez hai un menor enfriamento nocturno, co que os valores altos están presentes tanto polo día como ao caer o sol.

Publicidade

Sinala, tamén, un claro predominio dos récords diarios cálidos fronte a aqueles nos que se rexistran cifras máis frías do agardado. Deste xeito, o ano pasado acumula 25 récords de días cálidos, mentres que non se contabilizou ningún para os periodos fríos. O 2025 foi, xunto a 2024, o terceiro ano máis cálido en España dende o inicio da serie histórica no século pasado: tan só o superan 2022 e 2023.

En canto ás precipitacións, predomina o comportamento irregular marcado pola alternancia entre periodos secos e episodios de choivas torrenciais. O carácter húmido do 2025 debeuse á primavera, que foi a quinta con máis precipitacións da serie. No outro lado da balanza están as outras tres estacións do ano, que se presentaron máis secas do habitual.

Un aumento nos fenómenos meteorolóxicos extremos

O verán de 2025 pasa a historia como o máis cálido, xunto a 2022, dende que se teñen rexistros na serie de datos. Como resultado do aumento das temperaturas, producíronse tres ondas de calor que acumularon 36 días baixo condicións térmicas extremas. A primeira delas tivo lugar entre o 18 de xuño e o 4 de xullo e afectou 40 provincias, o que a converteu na terceira máis longa e extensa dende 1975. A segunda, que se mantivo entre o 3 e o 18 de agosto, leva a prata como a máis intensa e extensa da que se ten constancia no país.

Esta onda non só subiu os termómetros durante 16 días consecutivos en 43 provincias, senón que creou as condicións idóneas para propiciar a vaga de incendios forestais que, como indica Aemet, arrasou máis de 300.000 hectáreas en todo o país. Galicia, Castela e León e Estremadura foron as máis prexudicadas: o informe sinala que acumulan, en conxunto, preto do 97 % da superficie total queimada durante o mes de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024