10 formas de evitar as picaduras de carrachas este verán

Estes parasitos son máis activos nos meses de calor e poden transmitir a enfermidade de Lyme, cuxa incidencia está a aumentar en Galicia

As carrachas están presentes todo o ano pero son bastante máis activas nos meses de calor. Ademais, son as transmisoras da enfermidade de Lyme, unha doenza que está a aumentar a súa incidencia en Galicia. O síntoma máis común desta zoonose é o eritema migrans, unha mancha avermellada que vai aumentando dende o punto da picadura. Pero, en Galicia, tamén se rexistran con frecuencia síntomas neurolóxicos, segundo explicaba o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), González Fernández, nunha peza publicada en GCiencia.

Antigamente, as persoas máis expostas ás picaduras de carrachas eran as persoas que traballaban no rural. Pero agora os sendeiristas e os deportistas tamén son un colectivo de risco. Aquí tes 10 maneiras de previr a picada dunha carracha este verán:

Publicidade

1. Usa repelente de insectos

Os insecticidas pódense empregar para repeler as carrachas. A permetrina, por exemplo, mata os exemplares adultos e tamén aos que se atopan en estado larvario, denominados ninfas, que son máis propensos a transmitir a enfermidade de Lyme. Porén, o químico DEET, común nos aerosois para insectos, non mata as carrachas pero si repele os arácnidos. Polo tanto, fai que as súas picaduras sexan menos probables.

2. Estate atento na casa

Camiñar e acampar non son as formas máis comúns de contraer unha enfermidade transmitida por carrachas. Así o asegura o científico da Estación Experimental Agrícola de Connecticut, Kirby Stafford III, e autor de Manual de manxo de carrachas. “Estimamos que as tres cuartas partes das persoas collen carrachas en actividades dentro e fóra do fogar. Os xogos infantís e a xardinería son algunhas das actividades máis arriscadas“, afirma o experto.

Publicidade

3. Queda no sol

As ninfas das carrachas teñen cubertas exteriores que perden rapidamente a humidade. Como resultado, non poden sobrevivir en ambientes con menos do 80% de humidade durante máis de 8 horas, di o entomólogo da Universidade de Rhode Island, Thomas Mather. Como resultado, as ninfas congréganse en montóns de follas en ambientes sombreados e húmidos, polo que quedar nas zonas máis solleiras pode reducir a exposición ás carrachas.

4. Cambia a paisaxe

A maioría das carrachas que hai arredor da túa casa están nunha zona intermedia entre o xardín e as áreas de monte. Para manter afastados a estes insectos, trata de repeler os animais portadores, como os ratos. Tamén se deben eliminar zonas nas que adoitan habitar as carrachas, como os montóns de follas, e os arbustos.

5. Revisa o teu can

Segundo o Centro para o Control e Prevención das Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos, os cans son moi susceptibles ás picaduras de carrachas e ás enfermidades que elas transmiten. Como non hai vacinas dispoñibles contra estas doenzas, é importante usar un produto preventivo na nosa mascota. Así mesmo, revísaa con frecuencia, sobre todo se pasou tempo ao aire libre. Se atopas unha carracha no teu can, quítaa de inmediado. As zonas nas que máis convén revisar son as orellas, arredor dos ollos, debaixo do colar, debaixo das patas frontais, entre as patas traseiras, entre os dedos e arredor do rabo.

6. Cúbrete ben

O mellor que podes facer é cubrir a maior cantidade de pel posible para evitar que as carrachas se enganchen. Por exemplo, metendo os pantalóns por dentro dos calcetíns. Porén, nos meses de máis calor o que menos queremos é ter máis roupa enriba, polo que é conveniente seguir outras medidas de prevención.

7. Usa roupa de cores claras

As ninfas de carracha teñen aproximadamente o tamaño dunha semente de papoula. Polo tanto, se a túa roupa é de cores claras será máis doado que as identifiques.

8. Pasa a túa roupa pola secadora

As carrachas poden sobrevivir ao ciclo de lavado polo que é aconsellable empregar a secadora. Os parasitos que viaxan na túa roupa morren se pos a secadora a temperatura alta durante cinco minutos. Se non, é probable que a carracha poida sobrevivir na roupa sucia.

9. Dúchate e inspecciona

Despois de pasar tempo ao aire libre, sobre todo onde haxa herba, arbustos ou monte, as persoas deben quitar a roupa de inmediato, facer unha inspección de carrachas na pel e logo ducharse. Quen teña o hábito de ducharse inmediatamente despois das actividades ao aire libre, ten menos posibilidades de contraer a enfermidade de Lyme, probablemente porque pode detectar a carracha antes de que transmita a doenza. Segundo o CDC, a carracha pode permanecer adherida á pel entre 36 e 48 horas ou máis ata que transmite a bacteria que causa a enfermidade de Lyme. Quitar unha carracha dentro das primeiras 24 horas pode reducir considerablemente as posibilidades de contraer a doenza.

10. Retire a carracha

Se despois de todas estas precaucións fuches picado por unha carracha, debes quitala inmediatamente cunhas pinzas. O CDC recomenda tirar dela cara a arriba, con presión uniforme e constante, e logo limpar a ferida con alcohol, auga ou xabón. Tamén é importante acudir ao médico se aparecen síntomas similares aos da gripe ou unha erupción sospeitosa. Con todo, o eritema migrans non aparece nun 20% e 30% das persoas coa infección.


*Unha versión desde artigo foi publicada no portal de noticias LiveScience.

  1. Moitas grazas polo artigo, é moi práctico. Son unha persoa moi propensa a as picadas das carrachas, igual que ás dos mosquitos (non sei se hai algún tipo de relación).
    Teño que limitar as saídas ó campo pola facilidade de que traiga algunha, aínda que agora (vivo na aldea), non fai falta ir moi lonxe para que piquen, están ó pé das casas nos campos debido á fauna salvaxe que nos invade. Vai polos porcos bravos.

  2. Eso de exponerse al sol es que el tipo ese biólogo no ha estado en Murcia ni las ha visto en el Puntal o la huerta a casi 42°C se te meten al calcetín

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vives nunha zona de risco de carrachas? Compróbao nesta aplicación

A plataforma Garrapata Alert combina ciencia cidadá e asesoramento experto para identificar especies e aconsellar no caso de picadura

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Máis alá de Lyme: as 10 enfermidades que transmiten as carrachas de Galicia

As febres de Crimea-Congo e a botonosa mediterránea son algunhas das doenzas que poden contaxiarse a través de picadas

Carracha, chinche ou mosquito? Aprende a identificar a picadura de cada becho

Dende a inchazón leve da picada dunha abella a pequenas manchas vermellas en nocellos e pernas causadas por pulgas