Venres 29 Marzo 2024

A enfermidade de Lyme crece en Galicia: que é e como actuar

Os expertos recomendan recoñecer a sintomatoloxía, factores de risco e consecuencias da zoonose transmitidas por carrachas ante o seu aumento

Os casos de enfermidade de Lyme están aumentando, principalmente provocados polo incremento da poboación de carrachas, pero tamén polos cambios na actividade humana. Se antigamente as persoas máis expostas eran as que traballaban no rural, agora a este colectivo hai que sumar tamén aos sendeiristas e aos deportistas que frecuentan as zonas de monte.

Esta tendencia á alza xa foi confirmada por un estudo publicado en 2015 na revista Gaceta Sanitaria, que tomaba como mostra a pacientes do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Nesta investigación sinalábase que as taxas de incidencia anuais eran maiores que as españolas, reforzando a idea de que, a pesar de que na península é considerada unha enfermidade de baixa incidencia, hai determinadas zonas como a luguesa que poderían considerarse como áreas endémicas.

Publicidade

Síntomas e prevención

A enfermidade de Lyme é unha zoonose transmitida pola picadura de carrachas, é dicir, cando estas están infectadas, transmiten a enfermidade ao ser vivo no que se hospeden. Estes pequenos parasitos son abundantes no campo, nos montes e mesmo nos parques e xardíns. Se ben a súa maior incidencia está dende principios da primavera ata finais do outono, nalgunhas zonas particularmente afectadas aparecen ao longo de todo o ano.

“En Galicia son comúns os síntomas neurolóxicos, como pequenas parálises”

Os seus síntomas afectan a diversos órganos e, segundo o estudo con pacientes do HULA, o máis habitual é presentar un só tipo de manifestación clínica. Con todo, aínda que é menos probable, tamén poden combinarse en dúas, tres ou catro sintomatoloxías. Nestes pacientes tamén foron máis comúns os síntomas neurolóxicos e dermatolóxicos, aínda que tamén se atoparon outros de tipo articular ou cardíaco. Ademais, a maioría non lembraba o antecedente de picadura, xa que adoitan ser indoloras ou difíciles de ver.

“O síntoma máis común é o eritema migrans. É unha mancha que se move, vaise ampliando dende o punto da picadura. Non obstante, hai moitas veces que non aparece iso. En Galicia tamén teñen certa frecuencia os síntomas neurolóxicos, porque o Lyme está provocado por unha bacteria denominada borrelia e hai varios subtipos. Dependendo da borrelia que domine nunha zona, aparece máis un cadro ou outro. Eu non son médico, pero o máis frecuente dentro deste cadro son pequenas parálises”, explica Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Factores de risco

A mudanza no ambiente que xera o cambio climático é un aspecto a ter en conta á hora de estudar o aumento de casos de Lyme, xa que non só facilita o aumento de poboación de carrachas, senón que tamén provoca unha maior dispoñibilidade de hospedadores destas.

Por outra banda, se ben o maior contacto do ser humano coa natureza é un factor de risco, no estudo de 2015 demostrouse que o incremento de casos non se debía á proporción de persoas de maior idade ou de residentes nunha zona rural, posto que estas medidas diminuíran. Polo tanto, a relación co aumento de pacientes con Lyme deberíase máis a actividades esporádicas ou deportivas, aínda que tamén podería contemplarse unha maior taxa de diagnóstico.

O Sergas recomenda o uso de repelentes e de roupa longa, así como a revisión da pel de regreso na casa

Pola súa incidencia en aumento, o propio Sergas publicou en 2012 unha guía de actuación fronte ás carrachas. Así, sabendo que as carrachas viven no chan e suben a herbas de entre 20 e 70 centímetros de altura, os principais consellos de actuación dentro do fogar van dirixidos a evitar a súa presenza mediante a prevención en animais domésticos e un bo mantemento do terreo ou xardín se é que o hai.

No exterior, dende o Sergas recomendan usar un repelente de insectos sobre a pel exposta, usar roupa de cores claras con mangas e perneiras longas e tratar os calcetíns e as perneiras do pantalón con insecticida. Ademais, fan fincapé en non tombarse directamente sobre a herba e, ao volver a casa, revisar a roupa, a pel -especialmente axilas, inguas e cabeza- e os animais. En caso de detectar algunha carracha, esta debe ser retirada inmediatamente.

Graves consecuencias

O estudo con pacientes do HULA déixao claro: o máis habitual é detectar a infección nunha fase media, cando predominan as afeccións neurolóxicas. Tan só o 26,85% dos pacientes foron diagnosticados cando se atopaban na fase I, principalmente debido á sintomatoloxía de tipo cutánea, e o 11,11% na fase III, cando a manifestación adoita ser reumatolóxica. O 62,03% restante foi diagnosticado en fase II.

“En moitos casos falamos dun Lyme tardío, aparecen os síntomas máis tarde. Ademais, está o Lyme crónico: cando non se trata ben no momento da infección, ao longo do tempo comezan a aparecer cadros máis severos que acumulan síntomas articulares, cardíacos ou neurolóxicos. O problema é que, co paso do tempo, non é tan doado de relacionar cunha picadura como o eritema e en moitos casos as persoas non se lembran ou nin sequera son conscientes de que lles picara unha carracha”, afirma o decano da Facultade de Veterinaria.


Referencia: Epidemiology of Lyme disease in a healthcare area in north-west Spain (Publicado en Gaceta Sanitaria)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'