Un sarcófago intacto e 30 restos óseos: así avanza o proxecto que busca ADN de Colón en Galicia

Conclúe a exhumación en Poio e segue sen determinarse a data para comezar a de Vilaxoán, dadas as dificultades para abrir o sepulcro

Sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior en Vilaxoán. Crédito: Asociación Cristóbal Colón Galego
Sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior en Vilaxoán. Crédito: Asociación Cristóbal Colón Galego

Colón era galego: si ou non? A pregunta non ten resposta… De momento. O proxecto que pretende refutar ou confirmar a teoría, no que está involucrada a Universidade de Granada e a Asociación Cristóbal Colón Galego, avanza sen présa pero sen pausa. A exhumación do adro da igrexa de San Salvador de Poio, un dos puntos clave da iniciativa, acaba de concluír. “Atopamos preto de 30 restos óseos de diferentes tamaños. Os máis destacados son dous anacos de mandíbula, que aínda conservan algúns dentes, e parte dun cranio. Estes son os que maior carga de ADN e información nos poden achegar”, afirma Eduardo Esteban, presidente da asociación galega. Segundo traslada, a exhumación dáse por concluída de maneira definitiva, posto que xa chegaron á rocha nai tras unha cota de 1,2 metros de profundidade.

Amais disto, o equipo de arqueólogos tamén atopou dous buratos ben definidos. Un deles presentaba unha forma redondeada e o outro era “claramente unha sepultura”. Desta exhumación conseguiron extraer os restos óseos que, posteriormente, analizarán os antropólogos forenses da Universidade de Granada, cunha dirección científica liderada por José Antonio Lorente, catedrático de Medicina Legal. “De todo o que atopamos, os dentes teñen un gran interese. Ata os 14 anos fórmanse en función da auga que se bebe. Isto podería servir para facer probas adicionais e comparar coas pezas dentais que se atoparon noutras tumbas relacionadas con Colón, como a do seu fillo”, continúa explicando Esteban. Outras probas que tamén se levarán a cabo inclúen estudos edafolóxicos, para analizar o tipo de terra e a posibilidade de que estiveran en contacto con outros restos. “Tamén se farán análises de pole porque o obxectivo é extraer a maior cantidade de información posible”, apunta Esteban.

“Haberá que saber se os restos son realmente do século XV e despois se hai ADN que se poida cotexar”

EDUARDO ESTEBAN, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego

A este respecto, o presidente da asociación galega matiza que o obxectivo da exhumación non é buscar descendentes directos de Colón, senón parentes próximos como avós, curmáns ou incluso pais. Seguindo o fío da historia, o equipo xa descarta que poida haber fillos do almirante enterrados en Poio. “Fixemos a exhumación pensando na franxa histórica na que viviu Colón. A estimación foi o máis precisa posible e polo crecemento natural cremos que os restos correspondentes estaban no sitio onde exhumamos”, explica Esteban. Porén, a zona que abranguería o século XV non era totalmente accesible, posto que está ocupada en parte por unha praza e por unha nova escaleira de acceso á igrexa. “Traballamos cun espazo de 40 metros cadrados e tan só se fixo a prospección en dous”, apunta o presidente da asociación, dando conta das limitacións coas que contaron os traballos.

Os seguintes pasos serán determinar a antigüidade dos ósos; unha tarefa que xa lle corresponde a Inmaculada Alemán, antropóloga forense da Universidade de Granada. “Haberá que saber se os restos son realmente do século XV e, despois, se hai ADN que se poida cotexar co de Colón, co do seu irmán e o do seu fillo”, recalca Esteban. Ata o de agora xa teñen algunhas pistas. Apareceron varias puntas e pezas de cerámica que se corresponden coa época, segundo traslada o presidente da asociación. De todas formas, piden calma, á espera dos resultados. “Todo ese material pode estar datado na época que nos interesa pero despois hai que examinar se a carga de ADN é suficiente”, insiste.

Unha sepultura complicada

Detalle da argamasa antiga do sarcófago. Crédito: Asociación Cristóbal Colón Galego

Outro dos puntos centrais do proxecto Colón Galego é a apertura do sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior, enterrado en Vilaxoán. A teoría galega defende que puido ser parente do almirante por liña paterna. Malia que as datas iniciais para a toma de mostras estaban previstas para a semana anterior, a dificultade para abrir a tumba provocou varios retrasos nos traballos. Agora montáronse varios andamios, pensándose que esta pode ser a mellor maneira de levantar a pesada tapa de pedra. O especial coidado con este sepulcro débese a que alguén cementou a sepultura, polo que é preciso retirar o cemento con toda a seguridade de garantías.

De todas formas, o equipo ten depositadas grandes esperanzas nesta exhumación. As primeiras valoracións indican que se trata dun sepulcro cunha argamasa moi antiga, polo que é probable que nunca se levantara. É dicir, que permanecera intacta ao longo dos últimos séculos. “É unha boa noticia pero debemos esperar. Non sabemos se hai ósos. Hai unha importante vía de auga xusto enriba do sepulcro. Se non entrou, os restos poderían estar en perfecto estado”, continúa indicando Esteban.

Un proxecto de case 20 anos

Hai 19 anos, Lorente e o seu equipo propuxéronse resolver o misterio da orixe de Colón. Para iso, en 2003 extraéronse restos óseos do almirante, enterrado na Catedral de Sevilla, e tamén do seu fillo Hernando e do seu irmán Diego. Dende aquel momento, hai case dúas décadas, os restos quedaron ao resgardo nunha sala blindada da universidade, á espera de novos avances nas técnicas de análise xenética. Case 20 anos despois, en 2021, a cámara volveuse abrir cun claro obxectivo: corroborar as diferentes teorías sobre a orixe de Colón. Non só a galega, tamén a portuguesa e a navarra, entre moitas outras. Lorente subliña, nun artigo publicado en The Conversation, que o obxectivo non é “baixo ningún concepto nin de ningunha maneira, demostrar que non era italiano porque era español ou portugués”. “A nosa máxima aspiración é a de xerar datos científicos, xenéticos, que axuden tanto a confirmar a hipótese verdadeira como a descartar as que –lamentablemente– non o sexan”, engade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.