O presidente de Colón Galego: “Estamos nun momento de expectación e responsabilidade”

Os ósos extraídos das exhumacións de Poio e de Vilaxoán chegan á Universidade de Granada. Eduardo Esteban fai unha repaso dos últimos avances da teoría galega

Eduardo Esteban durante a súa intervención na Exposición Iberoamericana

Este xoves quince de decembro, os restos óseos extraídos das exhumacións de San Salvador de Poio e de Vilaxoán chegan á Facultade de Medicina da Universidade de Granada, onde se lles practicarán as mostras de ADN para tratar de comparalas cos restos de Cristóbal Colón. Para facer un repaso sobre os últimos progresos da teoría galega, Eduardo Esteban fala en calidade de presidente da Asociación Cristobal Colón Galego.

—Parece que chegaron ao final dun dos capítulo desta andadura. Como están a vivir estes momentos na asociación?

—Estamos con moita expectación e paixón. Tamén cun pouco de intranquilidade pola responsabilidade tan grande que supón ter estes restos nas nosas mans. Se pasase algo e tiveramos que volver a levantar a tapa do sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior, non sería nada doado. Estamos desexando que empecen a traballar en Granada onde acaban de chegar. Agora, cedemos o testemuño da responsabilidade aos profesionais da universidade.

—Como comezou esta andadura coa Universidade de Granada?

—Pois o certo é que nos convidaron. E vouno explicar porque creo que isto non está moi claro. Convidáronos pola visibilidade que estaba a coller a teoría galega. Logo de atoparnos, puideron ver a forza documental que tiña. Nós non pedimos entrar, fomos chamados. Pero ollo, para pasar a formar parte houbo que facer un gran traballo de envío de documentación que nos levou dous anos.

—Vanlle dar máis saída a todo ese arquivo?

—Pois estamos a piques de estrear un documental que conta a historia de todo o que fixo falta facer para chegar á Universidade de Granada. Explicamos todo o material que nos foron pedindo para corroborar a teoría, os personaxes dos que falabamos… Sobre todo, para saber que o material era susceptible de motivar esta prospección para extraer ADN dos restos e podelos comparar con Cristóbal Colón. Loxicamente, eles pedían personaxes e soterramentos da época de Colón e emparentados dalgunha forma.

—Entendo que tiveron que acreditar eses potenciais parentescos dalgún xeito.

—Claro. Tivemos que contactar con historiadores, investigadores, xenealoxistas… E, dalgunhas das cousas, tivemos que mandarlle as informacións e presentalas alí tamén persoa. Con todo isto que fixeramos, ocorréusenos facer un documental para aproveitar todo o traballo.

—Xa ten nome o filme?

—Chámase Los caminos de Colón. Foi un camiño longo e de moito estudo. E puidemos metelo no Plan Xacobeo 2022. Invito a todo o mundo a que estea pendente para velo porque resulta moi interesante. Interveñen Rafael Fontoira, xefe de Patrimonio Provincial; Cora Velasco, guía de turismo e actriz, que nos dá unhas pinceladas sobre a Pontevedra daquela época; tamén Rodrigo Costoya, un escritor de novela histórica; María del Pilar Rodríguez, doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela; Aquilino Fariñas, voceiro da nosa asociación e tamén novelista.

—Manteñen a calma sobre os prazos nos resultados que podan saír de Granada?

—Absolutamente. Sabemos que vai lento por moitas razóns. Pillounos a pandemia polo medio a todos, pero tamén porque, en todo este tempo que foi pasando, todos os expertos que estamos metidos neste proceso fomos aportando ideas que se teñen en conta. Entón, hai moitos estudos e comparativas que se están facendo a maiores. E claro, dende a Universidade de Granada teñen en conta algunhas que realmente ven que poden aportar cousas novas. Refírome, por exemplo, aos estudos erafolóxicos, que antes non se contemplaban. Tamén se está a facer un estudo antropomórfico. E un estudo de cromosomas.

—Pode explicarme en que consiste o estudo de cromosomas?

-Hai unha teoría que reivindica un cromosoma determinado nos Colón. Incluso estáse intentando facer unha análise comparativa cun dente que se conserva en Granada da familia Colón. Sábese que os dentes son pezas do esqueleto humano que se forman nos primeiros quince anos de vida cunha relación estreita coas augas que bebe cada suxeito. Entón, estáse a contemplar facer este estudo para comparalo coas augas de cada zona das teorías. Poderiamos atopar unha nova relación. Pero, en definitiva, non temos présa.

—Seguen divulgando.

-Pola nosa parte estáse a facer unha gran revisión de documentación. Corrixíronse moitos fallos que tiña a teoría e que se foron repetindo xeración tras xeración. Os autores copiábanse uns aos outros e repetían o erro. É o mesmo que pasa coa teoría xenovesa sen facer un estudo profundo do asunto. Había detalles na nosa teoría sostidos sobre argumentos que eran falsos ou que non estaban tratados do xeito debido. Pero xa están subsanados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.