Luces e sombras das megacentrais para facer de Galicia unha batería de renovábeis

Conectar encoros permite almacenar a enerxía que xeran as renovables para adaptalas á demanda, pero xera certas dúbidas en como e onde facelo

Galicia pode ter nos seus ríos e na súa orografía a resposta para unha das preguntas vitais dentro do proceso de descarbonización da economía: como almacenar a enerxía que xeran as fontes renovábeis. As centrais hidroeléctricas reversíbeis permiten gardar a produción eléctrica que chega de parques eólicos e fotovoltaicos, actuando como unha sorte de xigantesca batería baseada na explotación continua da auga. Con todo, a súa posta en marcha desperta dúbidas polo seu impacto no territorio, sobre todo, se implica a construción de novos encoros.

As grandes empresas enerxéticas teñen a vista posta nos recursos hídricos galegos e xa terían avanzado varios proxectos para poñer en marcha estas centrais, que tamén reciben o nome de macrodespensas. De feito, Iberdrola vén de recibir luz verde por parte da Xunta para levar a cabo as prospeccións no terreo para avaliar a posible conexión dos encoros do Cenza e do Vao, separados por 700 metros de desnivel nos concellos ourensáns de Vilariño de Conso e O Bolo.

Publicidade

Este primeiro paso podería levar á construción no sueste de Ourense da primeira central hidroeléctrica reversible de Galicia, que consiste no bombeo da auga dun encoro a outro para optimizar a explotación enerxética da auga. Nos momentos de baixa demanda, a auga é enviada do encoro inferior ao superior para, cando se recupera o consumo, deixala caer de novo para facer xirar as turbinas.

A construción de encoros é un dos principais e representativos impactos do Antropoceno en Galicia. Foto:HombreDHojalata/CC BY-SA 3.0.

Trátase dun método especialmente atractivo para a almacenaxe de enerxía procedente de muíños de vento ou paneis solares. “As renovables non só son intermitentes, é que tampouco son a demanda. Se o vento sopra pola noite, cando non temos consumo suficiente, o lóxico, sensato e equilibrado é almacenar esa enerxía”, explica o catedrático de Física da USC Luis Miguel Varela Cabo.

Publicidade

Para o experto, as centrais reversíbeis son, “por custe e obsolescencia de produto”, a “tecnoloxía imbatíbel” para o que se coñece como medios de almacenamento de duración intermedia. A diferencia das baterías domésticas que poden empregarse en fogares ou vehículos que funcionan, as explotacións hidroeléctricas de bombeo permiten reter a enerxía que alí chega durante semanas ou mesmo meses. Sempre que acompañen as condicións hídricas.

Galicia, unha “gran batería”

Deste xeito, a produción enerxética pode acompasarse aos momentos de demanda, xa que non sempre fai vento ou bate o sol cando máis se precisa. Varela Cabo amósase convencido de que as condicións de Galicia son óptimas para se converter nunha gran batería na que almacenar a enerxía que se xera noutros puntos do Estado.

Galicia pode servir de punto de acumulación da enerxía solar que se produce no sur de España o mediodía, cando cae o sol a cachón e non se dá consumido. Mesmo para acumular a dos embalses do centro ou do norte de España”, subliña Varela Cabo, que aclara que neste proceso sería preciso a construción de redes de transporte para que esa enerxía percorra a península en dirección aos encoros galegos.

Onde e como

Malia todo, a construción de centrais reversíbeis non é un asunto novo en Galicia. Houbo intentos previos para, por exemplo, conectar os encoros das Conchas e o de Salas, na Baixa Limia-Serra do Xurés. O mal estado da auga nas Conchas xogou un papel clave na denegación do proxecto en 2023 polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

Vista áerea dun encoro

“As condicións non eran asumíbeis. Supoñía traspasar auga noxenta dun encoro a outro no que estaba moito máis limpa”, sinala o edafólogo e investigador do CSIC Serafín González, que cre que hai que poñer o foco en onde e como se levan a cabo estes proxectos porque “non é o mesmo” empregar dous encoros que xa existen a ter que poñer en marcha un novo.

“Evidentemente, se se aproveitan dúas infraestruturas existentes o impacto é menor. Pero, en todo caso, hai que avaliar onde se queren facer e como”, indica o tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, que considera que cada proxecto debe ser analizado de forma individual.

Alén do impacto paisaxístico que trae consigo a explotación dos recursos hídricos, a conexión de dous encoros para instalar estacións de bombeo implica un gran movemento de terras porque as infraestruturas polas que transita a auga dun ao outro son soterradas.

O problema vai estar en como se plantexen esas galerías de conexión subterráneas e como vai ser o seu impacto. Tamén nos desmontes e a onde van ir parar todos os entullos de mover as terras”, conclúe o edafólogo, que cree que “nada se pode dicir” do proxecto de Vilariño de Conso ata que se saiba “canta terra teñen que sacar, onde a queren depositar e como afecta á Rede Natura e aos hábitats prioritarios”.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo participan no avance dunha solución enerxética para alimentar misións espaciais

Un equipo internacional valida con éxito un sistema que combina enerxía nuclear e solar para prolongar a vida e o alcance das misións espaciais en contornas extremas como a Lúa e Marte

Tres científicas da USC reciben 1,5 millóns da Xunta para investigar en cancro, nanotecnoloxía e baterías

Os proxectos liderados por Clara Álvarez, María José Alonso e María Giménez foron seleccionados na quinta convocatoria do Programa Ignicia

Europa impulsa dende o CiQUS o desenvolvemento de novas baterías recargables e seguras

O grupo liderado por María Giménez López obtén un proxecto Proof of Concept do Consello Europeo de Investigación para avanzar cara a sistemas de almacenamento enerxético máis estables e eficientes

Química sostible dende o CiQUS: como será a enerxía do futuro?

A investigadora María Giménez López, co apoio do programa Oportunius da Xunta, desenvolve materiais híbridos e baterías innovadoras para un almacenamento eficiente e respectuoso co medio