Xoves 25 Abril 2024

As comunidades enerxéticas renovables chegan ao sector agroalimentario

A planta fotovoltaica instalada nunha granxa de Mazaricos cobre o 35% das súas necesidades enerxéticas e abastece a cooperativas gandeiras da zona

A sociedade cooperativa galega Grille situou na cuberta das súas instalacións unha planta foltovoltaica para autoabastecerse enerxéticamente e compartir, ao mesmo tempo, a súa produción con Ganxabar SCG, cooperativas de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala, que inclúen tamén entidades asociadas dos concellos de Mazaricos, A Braña, Negreira e Santa Comba. Deste modo constituíuse como unha das primeiras comunidades enerxéticas de fontes renovables do sector agroalimentario galego.

O obxectivo da colaboración é o de acadar o dereito de producir, consumir, almacenar e vender a propia enerxía renovable, así como compartir a súa produción no seo da comunidade. Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, contou co asesoramento da empresa tamén galega E. nova Enerxía.

Publicidade

A cooperativa instalou unha planta fotovoltaica nas súas cubertas, convertendose así en pioneira dentro do sistema agrogandeiro galego, para así poder abastecer a través de enerxía solar tanto a súa granxa coma outras da contorna.

Ass comunidades enerxéticas son entidades xurídicas baseadas na participación aberta e voluntaria que, entre outras vantaxes, permiten acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte as convulsións que poden afectarlle ao mercado enerxético, como ocorreu nos últimos meses por mor do encarecemento do gas, da invasión da Ucraína ou das tensións no pool enerxético.

Ademais, estas comunidades procuran o fomento da sustentabilidade, a redución das emisións e a eficiencia enerxética, obxectivos esenciais no proceso de descarbonización que se recollen na lexislación que as regula sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade ou o Real Decreto-Lei polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Autoconsumo e aforros do 20%

A láctea Grille conta na actualidade cunha planta fotovoltaica de 38 kWp instalada no mes de novembro, e que medrará nunha próxima fase de ampliación até os 80 kWp. Coa cifra de produción inicial, Grille cobre un 35% do consumo actual coa fonte renovable e sen emisións. A enerxía solar que se produce nas cubertas da cooperativa implica aforros do 20% nas facturas nestas primeira fase da comunidade enerxética.

O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite, dun depósito de 30.000 litros

“En Grille, que é unha cooperativa na que traballamos doce persoas, na que contamos con máis de 600 cabezas de gando e realizamos catro ordeños por xornada, precisamos uns 10.000 KW ao día”, explica Pablo Suárez, de Grille SCG, que engade que a redución nas facturas “supera, polo momento, os máis de mil euros” nun contexto de encarecemento da luz. O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite nun depósito de 30.000 litros, moi por riba do consumo que implican os sistemas de ventilación, de rego ou da propia sala mecanizada de ordeño.

A planta fotovoltaica foi instalada no teito da cooperativa láctea e consegue aforrar ata un 30% de enerxía da granxa.

“A experiencia que estamos a ter en Grille indícanos que estas instalacións son o futuro para o sector” sentenza Suárez. Os paneis da fotovoltaica en Grille administran enerxía a través do sistema de autoconsumo remoto, que achega actualmente unha cobertura próxima ao 40% do consumo e proporciona un aforro de preto do 30%.

Sen investimento inicial

Grille SCG conta co asesoramento, o servizo e as instalacións de E.nova Enerxía, enerxética con capital galego especializada nas enerxías renovables como a fotovoltaica, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas. A cooperativa acóllese ao modelo PPA (Power Purchase Agreemen), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial e paga pola enerxía consumida dende a planta, pero a un prezo máis baixo que o de comercialización da electricidade. Deste xeito, Grille aforra dende un primeiro momento e ten a opción de facerse coa propiedade de planta fotovoltaica no momento en que venza o prazo da PPA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como captar enerxía das ondas do mar e sobrevivir no intento

A enerxía que se extrae das ondas é unha das grandes apostas con respecto á investigación de enerxías renovables en Galicia, mais os dispositivos utilizados deben superar varias dificultades

Sete accións que poderían salvar mil millóns de vidas de aquí a 2100

Segundo un estudo recente, é probable que mil millóns de persoas morran de maneira prematura a finais de século a causa do cambio climático

A Xunta preme o botón das declaracións ambientais: 60 eólicos despachados nunha semana

A Consellería de Medio Ambiente publica 11 informes no último día de prazo e deixa fóra outros 20 por falta de tempo

Poden unhas bacterias producir hidróxeno verde? O CSIC quere demostrar que si

Trátase dun proxecto de máis de 4 millóns para conseguir que unhas bacterias modificadas xeneticamente produzan hidróxeno utilizando auga non potable